No concello coruñés de Negreira, moi preto da cidade de Santiago de Compostela, atopámonos coa xentil aldea de Pontemaceira, no Camiño de Santiago cara Fisterra. Arrolado polas augas escuras do Tambre, río de lendas e melancólicas dinastías, o Pazo de Baladrón saúdanos coas súas afiadas ameas e coas súas paredes cubertas polas hedras.
Vista do Pazo de Balandrón de Pontemaceira.
Por aquí pasaban os peregrinos que, despois de chegar a Compostela, seguían camiñando cos seus bordóns ata Fisterra, onde se cría que remataban as terras occidentais e comezaban os dominios neboentos do "Marem Tenebrosum", poboados de brétemas e de monstros mariños. A Ponte Vella de Pontemaceira data do tempo dos romanos, mais foi reconstruida nos tempos esplendorosos do Camiño de Santiago para que puidesen os peregrinos continuar a súa viaxe cara o fin do mundo.
Camiñando pola Ponte Vella.
A tradición di que por esta Ponte pasaron os discípulos de Santiago cos restos do Fillo de Zebedeo. Perseguidos polos habitantes pagáns da Gallaecia mandados pola raíña Lupa, os discípulos cruzaron a ponte. Dinos a lenda que esta se derrubou xusto despois de que pasaran os discípulos cristiáns, impedindo que foran alcanzados polos seus perseguidores. Esta milagre permitiulles chegar ao Campo das Estrelas, onde sepultaron o seu mestre. Alí, custodiado polas árbores do lendario Bosque Libredón, o sepulcro do Apóstolo Santiago pasou desapercibido durante séculos, ata que foi descuberto polo ermitán Paio. Así foi como naceu Compostela.
A Ponte Vella de Pontemaceira.
Un cruceiro de pedra na aldea de Pontemaceira.
Hora de volver. Os raios do solpor xa se pousan nas ás das bolboretas, que voan nas ribeiras do Tambre. Cruzamos outra vez a Ponte Vella. Detrás deixamos os muíños de Pontemaceira, hoxe apeados, mais que no pasado foron centro de reunión de de festa dos seus veciños. Nós marchamos, pero Pontemaceira queda. Recomendámosvos que lle fagades unha visita a esta fermosa aldea do Camiño de Santiago, pola que pasaban e pasan os peregrinos camiño do mar do fin do mundo.
Vista do río Tambre desde o interior dun dos muíños de Pontemaceira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario