domingo, 25 de agosto de 2019

O Mosteiro de Sobrado

Erguidas hai máis de mil anos, vixiadas polos cumes solitarios do monte Bocelo, as torres do Mosteiro de Sobrado dos Monxes presiden todos os recordos da miña infancia, a patria do home que dixo o poeta Rilke. Para visitar o mosteiro percorremos a ruta da Carballeira, a carón das vellas murallas do cenobio medieval. A luz matinal, peneirada polas follas de mil carballos, cae nos sendeiros polos que parece que nos imos atopar en calquera momento co bandido Fendetestas.


Camiñando pola Ruta da Carballeira. 

Ao final do camiño divisamos as torres do mosteiro, que contemplan fragas e pradarías de silencio.  Á sombra dos cipreses, deitados nas herbas ou sentados aos pés do cruceiro, moitos peregrinos collen folgos para chegar a Compostela polo Camiño do Norte. Entramos xa no mosteiro. Percorremos os seus deliciosos claustros, nos que descansan os peregrinos e nos que se poden ver aínda monxes paseando cos seus hábitos brancos. 


O Claustro dos Peregrinos de Sobrado. 

Fundado no 952 polos Condes de Présaras como cenobio familiar, non foi ata 1142 cando chegaron da abadía francesa de Claraval os primeiros monxes que converteron a Sobrado nun dos primeiros mosteiros cistercienses da Península. Nos seus días de gloria foi dos cenobios máis poderosos en España, gozando de privilexios como a propiedade de todas as baleas pescadas no mar Cantábrico. 


Paseando debaixo dos arcos do mosteiro. 


Tras a desamortización de Mendizábal de 1836 o mosteiro foi abandonado. As hedras medran polas pedras esquecidas e nos seus claustros só se pousan os raios do luar. Ademais, unha das torres é destruída por un lóstrego. Na reconstrucción da torre participaron moitos dos veciños de Sobrado, entre eles o meu avó. En 1954, por iniciativa do cardeal de Galicia Quiroga Palacios, o mosteiro cisterciense de Viaceli, en Cantabria, faise cargo da restauración de Sobrado. O 25 de xullo, día de Galicia, regresan os monxes. Recentemente, en 2015, foi declarado Patrimonio da Humanidade. Hoxe o mosteiro está en obras, para recuperar o seu máximo esplendor. 



Vista das torres desde o claustro dos Medallóns. 

Cando saímos xa se deita o sol tras os cumes do Bocelo. Os primeiros morcegos tecen os fíos escuros da noite. O Mosteiro de Sobrado dos Monxes é para min un amigo, un inmenso camarada de pedra presente nas miñas lembranzas máis queridas. Que lonxe se foron aquelas tardes douradas de outono, cando vían os meus ollos de neno navegar as follas murchas polas augas escuras do Tambre! Á sombra das súas torres, nas que se pousan as andoriñas nos estíos dourados,  descansan as cinzas dos meus devanceiros. Algún día tamén eu serei cinzas e descansarei con eles para sempre, cando toquen por min as badaladas do Mosteiro de Sobrado dos Monxes. 


O Mosteiro de Sobrado dos Monxes no crepúsculo. 

xoves, 22 de agosto de 2019

En Vilar de Donas

En Vilar de Donas, no concello lugués de Palas de Rei, preto do Camiño Francés de Santiago, atopamos unha xoia do románico galego. A carón das ruínas dun vello mosteiro, a igrexa de San Salvador garda verdadeiros tesouros. Aínda que existen varias teorías sobre as orixes do templo (a primitiva igrexa de San Salvador puido ser fundada por monxes irlandeses no século VI), a tradición popular dinos que foron dona Bela e dona Elvira, dúas damas francesas que peregrinaron a Compostela, as que fundaron aquí un mosteiro de mulleres, de aí o precioso nome deste lugar: Vilar de Donas.


Igrexa de San Salvador de Vilar de Donas.

Tras pasar por debaixo dos seus preciosos arcos románicos, con ondas mariñas e cabezas de lobos esculpidas, parece que retrocedemos no tempo. Chegamos a porta principal do templo. Recíbenos un impresionante pórtico, que podería datar do século VI, e que ten labrados nas súas arquivoltas anxos e demos, gárgolas e rosas dos ventos, trebos e cruces celtas. Tras unha porta de madeira de castiñeiro,  que parece sacada da Terra Media de Tolkien e que foi realizada á imitación da porta da catedral alemá de Ratisbona, agárdannos moitos segredos. 


Entrada de San Salvador de Vilar de Donas.

Nada máis entrar, á nosa man dereita, vemos dous magníficos sepulcros de pedra. Neles descansan dous cabaleiros medievais. Un durme sobre dúas cabezas de león mentres o outro descansa coas espadas nas mans. Este templo de Vilar de Donas foi doado en 1148 á Orde de Santiago, defensora dos peregrinos do Camiño. Aquí foron enterrados moitos cabaleiros santiaguistas mortos en Galicia para descansar das batallas libradas en vida.


Sepulcros de cabaleiros medievais en Vilar de Donas.

E por fin chegamos ao gran tesouro do templo: as súas pinturas góticas, as mellor conservadas de toda Galicia. Datadas do Ano Santo Compostelán de 1434, promovido polo rei Xoán II de Castela, nelas podemos ver a Xesús, á Virxe María, ao profeta Daniel... Tamén vemos a Cruz de Santiago, xunto coas armas de León e Castela, bañadas pola luz que cae peneirada polas fiestras do templo. Saímos cos ollos cegados pola beleza das pinturas murais. Os raios do solpor, como paxaros de lume, póusanse xa nos arcos románicos, sabedores de tantos misterios e segredos, que nos falan de tempos remotos.


Os preciosos arcos románicos de Vilar de Donas.

 Non queríamos marchar de Vilar de Donas sen dar ás grazas a don Jesús García, gardián das chaves de Vilar de Donas, que tan amablemente nos abriu as portas deste máxico lugar e nos descifrou os enigmas que custodian as súas pedras seculares. Marchamos lembrando os versos daquel poema de Cunqueiro, titulado "Rondeau das señoras donas pintadas no ouso do Vilar, no século XIV, cheirando unha frol", que din así: 

Ei, donas do Vilar! Erguede os finos rostros e sorride,
que andan galáns de corte con soedades de vós!
 Agás que prefirades velos morrer de amor.

 Le temps s'en va!
 Le temps s'en va!
mes dames!  

Damas de Vilar de Donas, fermosas para sempre cos vosos cabelos dourados e panos de seda, que respirades o recendo dunha flor indiferentes ao paso dos séculos; estades agora temén nos nosos corazóns, pintadas pola man do recordo!


As fermosas pinturas de Vilar de Donas.

luns, 19 de agosto de 2019

No Pórtico da Gloria

O pasado verán, despois de saber a boa noticia da restauración do Pórtico da Gloria, non dubidamos en irlle facer unha visita. Así que collemos un tren na Coruña. Non tardamos en ver a través dos cristais do noso vagón as torres da cidade de Compostela, molladas por unha chuvia de séculos, que custodian con devoción os restos do Fillo de Zebedeo.


A Praza das Praterías, coa Berenguela de fondo.


Qué gusto da sempre camiñar polas rúas de Compostela, pisadas antano polos bordóns de tantos peregrinos, percorridas hoxe por estudantes cheos de vida, ateigadas de xentes vidas de todos os países do mundo!  E sentir a canción eterna da Fonte dos Cabalos nas Praterías e tamén as badaladas melancólicas da Berenguela, que nos lembran aquelo que dicían os vellos romanos: "Omnes vulnerant, ultima necat". Así, neste paseo feliz, os nosos pasos lévannos por fin á Praza do Obradoiro. Alí poñemonos á cola para poder visitar o Pórtico da Gloria, a xoia do románico medieval en Europa.


Chegamos á Praza do Obradoiro.

Despois de varias horas esperando, entramos polas portas da catedral, tan emocionados como peregrinos de tempos antigos. Agora sí, por fin, contemplamos o Pórtico. Os nosos ollos énchese coa visión das pedras labradas polo cicel divino do Mestre Mateo. Esta obra de arte era o que vían os peregrinos ao final do Camiño, cando chegaban exhaustos ao Templo das Estrelas. Despois de vir desde moi lonxe (Francia, Inglaterra, Alemaña, Italia, Irlanda, Escocia, Bretaña, Flandes, Provenza...), os romeiros sentíanse libres de todos os seus pecados e pasaban co corazón en calma debaixo das mesmas Portas do Ceo.


O Señor Santiago preside o Pórtico da súa catedral.

No centro do Pórtico vemos ao noso patrón Santiago, que recibe con mirada paternal aos visitantes do seu templo. O Señor aparece coas súas mans chagadas, vencedor da morte nos cumes do Calvario, a carón dos anxos que portan os instrumentos da Paixón (a Cruz, a Columna, os Cravos, a Coroa de Espiñas, a Lanza...). Na parte superior, os músicos anciáns da Apocalipse, portando nas frontes coroas douradas e vestindo túnicas brancas de seda, preparan os seus instrumentos (arpas, salterios, zanfonas, organistrum...)  para tocar as súas serenatas divinas na Xerusalén Celeste. E tamén, entre Isaías e Xeremías, coas meixelas coloradas e cos rizos dourados bailándolle na fronte, o profeta Daniel sorrí polos séculos dos séculos.


O sorriso de Daniel.

mércores, 14 de agosto de 2019

Macías "O Namorado"

No precioso xardín botánico de Padrón, moi preto da casa na que deu os seus derradeiros suspiros a nosa Rosalía, atopamos o monumento de Macías "O Namorado" , aquel lendario trobador galego que morreu por amor en Andalucía. Así que cruzamos as portas do xardín, decoradas con motivos xacobeos, para coñecer está lenda do tempo das cantigas. 


Entramos ao xardín de Padrón.

Nacido no século XIV nalgún lugar de Galicia, probablemente preto de Padrón, Santiago Macías escribiu no período final da lírica trobadoresca. O galego-portugués, a lingua lírica por excelencia da Península, común a reis e mendigos no Medievo, ía perdendo forza. Os seus poemas están recollidos no Cancioneiro de Baena. Nel consérvase 21 composicións de Macías, autor das últimas cantigas en lingua galega. 


Unha fonte no xardín de Padrón.

Pero máis que polos seus versos Macías é recordado pola lenda da súa morte. Servindo como paxe do Marqués de Villena, o noso doncel coñeceu a Elvira, unha dama da que se namorou perdidamente. Mais o Marqués decidiu casar Elvira cun fidalgo andaluz. Aínda así, Macías seguía dedicando cantigas á súa señora. Cando se decatou o marido mandou prender ao trobador galego nunha torre do seu Castelo de Xaén. Aínda con cadeas nas mans e cuitas no corazón, Macías seguiu cantando. Entón, o marido penetrou furioso na torre na que xacía Macías e cravoulle no corazón unha lanza. 


"O Banco dos Namorados" de Padrón.

Hoxe, no xardín de Padrón, á sombra dos cumes lendarios do seu Pico Sacro natal, podemos ver a Macías coa súa man dereita pousada no corazón, antano traspasado pola lanza, mentres coa man esquerda sostén a súa cítara. As pombas que cantan pousadas na fonte parecen entoar as súas cantigas esquecidas mentres as pingas do orballo que bailan nas follas lembran as lágrimas que verteu por Elvira. 


Estatua de Macías no xardín de Padrón.

O sartego de Paio Gómez Chariño

No convento de San Francisco, que segundo din as lendas foi fundado polo mesmo Santo de Asís cando peregrinou cara Compostela no século XIII, atopamos un dos segredos mellor gardados da cidade de Pontevedra: o sartego de Paio Gómez Chariño. Neste maxestoso sarcófago de granito repousan as cinzas deste destacado nobre galego, que foi heroe nas augas do Guadalquivir. 


O convento de San Francisco de Pontevedra.

Paio Gómez Chariño naceu nalgún lugar indeterminado do suroeste de Galicia, probablemente na mesma cidade de Pontevedra. Emparentado coa poderosa liñaxe dos Soutomaior, foi unha figura decisiva na política da Coroa de Castela do século XIII. En 1248 loitou coa frota cristiá de Rodrigo Bonifaz, ás ordes do rei Fernando III, na Reconquista de Sevilla. Na batalla participaron moitas outras naves galegas, sobre todo de Noia e Pontevedra, os dous principais portos de Galicia naquel  tempo. Din as crónicas que o seu barco foi o primeiro en romper a ponte de cadeas de Triana para embestir os navíos musulmáns no Guadalquivir. Polo seu valor e dotes militares na batalla foi nomeado Adiantado Maior do Reino de Galicia, Almirante do mar e señor da vila de Rianxo. 


Vidreiras do convento de San Francisco.

Ademais de militar, Chariño foi  tamén un gran trobador en lingua galega. Consérvanse del 28 poemas nos Cancioneiros Medievais, algunhas das cantigas máis fermosas da lírica galego- portuguesa, como aquela dedicada ao noso Patrón Santiago que di "Ai Santiago, padrón sabido...". Aquí vos deixamos un enlace por se queredes escoitar unha das súas obras interpretadas polo grupo de música antiga Mendiño: https://www.youtube.com/watch?v=gnq2If_TWZY. Destacan as súas barcarolas, pois o mar está sempre presente nas súas composicións. Viviu na Corte de Toledo de don Alfonso X. A pesar dos seus enfrontamentos políticos, o rei sabio apreciábao polas súas dotes poéticas. Morreu en 1295 na localidade salmantina de Ciudad Rodrigo, asasinado por motivos amorosos ou políticos. Acoitelouno no corazón o cabaleiro Rui Pérez Tenorio.


Sartego de Paio Gómez Chariño. 

Despois da súa morte, os seus restos foron trasladados a Galicia para ser enterrados no convento de San Francisco. Alí, no corazón da cidade do Lérez, as súas cinzas durmen bañadas pola luz que filtran as vidreiras, a carón da súa muller María Ximénez de Maldonado, soñando quizais coas ondas do mar e coas damas e doncelas de cristal do tempo das cantigas. O seu sepulcro móstranos o gran almirante galego portando coas mans as súas armas, cos pés sostidos por dous leóns e cos rízos caéndolle na fronte. Ao pé do sartego, en letras góticas, pódese ler isto: "Aquí xaz o moi nobre cabaleiro Paio Gómez Chariño, Adiantado Maior do Reino de Galicia, primeiro señor de Rianxo, que gañou Sevilla sendo de mouros". 


Brasón de Paio Gómez Chariño. 

venres, 9 de agosto de 2019

Atenas de Galicia

Nas vacacións de Nadal do pasado 2018, aproveitando que tiñamos un breve período de descanso, ocorreusenos visitar Ourense, a cidade das Burgas, unha das sete cruces do Vello Reino de Galicia. Ourense, unha cidade que polos seus grandes artistas e pensadores (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Blanco Amor, Lamas Carvajal, Basilio Álvarez...) foi tamén coñecida como Atenas de Galicia.


As Burgas, un dos símbolos da cidade de Ourense.

Tras aparcar no Ribeiriño, entramos na cidade pola Ponte Romana, símbolo da vella Auriense. Esta Ponte Maior ou Ponte Vella foi nos seus días unha das de maior lonxitude do Imperio Romano. Ao camiñar pola ponte, cuxos arcos bican as augas caladas do Pai Miño, os nosos zapatos arrincan un eco de séculos das lousas milenarias. Despois de cruzar a Ponte Vella, adentrámonos no corazón da cidade: a Rúa do Progreso, a Rúa do Paseo, Santa Eufemia... Desembocamos na Praza Maior, sede do Concello. Percorremos despois ese dédalo de rúas estreitas de nomes históricos que rodean a catedral: Cortés, Colón, Lepanto, Cervantes... E chegamos por fin a literaria Rúa da Paz, onde naceron dúas das figuras máis importantes da literatura galega: Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo. Máis arriba, na Praza do Correxidor, unha estatua lémbranos tamén ao gran don Ramón, o Patriarca das Letras Galegas.


Estatua de don Ramón Otero Pedrayo na Praza do Correxidor de Ourense.

Seguimos logo polas rúas que rodean a catedral. Na Praza do Ferro, a fonte derrama cantigas de prata polos seus canos de pedra. Baixamos ás Burgas, ao literario xardín do Posío, á Praza dos Suaves... As badaladas da catedral avísannos de que temos que marchar. Emprendemos entón o regreso pola Rúa do Progreso. Na Praza do Bispo Cesáreo, Eduardo Blanco Amor queda coas mans no peto pensando nos seus biosbardos.


Estatua de Eduardo Blanco Amor na Praza do Bispo Cesáreo.

O sol xa se deita nos cumes das montañas, tinguidos polo sangue do crepúsculo, o que nos fai lembrar outro gran escritor ourensán: Xosé Luís Méndez Ferrín. Nós cruzamos outra vez a Ponte Vella camiño do noso coche que deixamos no Ribeiriño. Xa danzan as primeiras estrelas nas augas do río Miño, que pasa silencioso para morrer nas ondas do mar. Marchamos xa, pensando nos nosos adentros que Ourense, sen dúbida, ten ben merecido ser chamada Atenas de Galicia.


Vista do Río Miño desde a Ponte Romana.

venres, 2 de agosto de 2019

Terra de Melide

A comarca da Terra de Melide, no corazón de Galicia, foi berce dos meus devanceiros. Durante séculos, os meus antepasados viviron nesta terra formada polos concellos de Sobrado dos Monxes, Melide, Toques e Santiso. Polos seus camiños chegan peregrinos procedentes de todas as partes do mundo. É tamén unha das comarcas máis ricas en etnografía de toda Galicia. Por algo lle dedicaron os homes do Seminario de Estudos Galegos o seu monumental volume "Terra de Melide" de 1933.


A Praza do Convento de Melide.

Para coñecer a vila de Melide debemos comezar no seu centro neurálxico: a Praza do Convento, onde se reuniron en 1467 as tropas dos Irmandiños. Nesta praza destacan catro edificios históricos: o convento de Sancti Spiritus, fundado no século XIV; a capela de San Roque; a Casa do Concello e o Museo da Terra de Melide, que garda verdadeiros tesouros arqueolóxicos da zona. Saímos do corazón da vila melidense para visitar a veciña aldea medieval de Furelos. No Camiño de Santiago, a principal fonte de riqueza de Melide, unha fonte de canos con forma de leóns da de beber aos peregrinos que chegan a Compostela.


 Fonte que da de beber aos peregrinos do Camiño Francés.

Antes de chegar a Furelos pola ronda de Lugo, detémonos no Cantón de San Roque. A súa igrexa, aínda que data de 1949, conserva un fermoso pórtico románicos do século XIV, que nos fala dos tempos dos primeiros peregrinos (Alfonso II, San Francisco de Asís, Guillermo de Aquitania...). Ademáis, a carón do templo, temos o cruceiro considerado máis antigo de Galicia. Podemos apreciar nel as enrugas dun tempo remoto, labradas polo golpe puro dos primeiros canteiros. Nel Cristo móstrasenos coas mans cravadas na cruz de pedra, á sombra das palmeiras.


O cruceiro de San Roque de Melide.

E, despois de facer diversas paradas no camiño, chegamos por fin a Furelos. Trátase dunha pequena poboación medieval no Camiño Francés. Aparece xa citado en documentos do século XI. É un exemplo perfecto de como serían as aldeas xacobeas no Medievo, os lugares polos que pasarían os peregrinos do Señor Santiago tras cruzar as neves perpetuas dos Pireneos. O día da nosa visita, unha tarde chuviosa de verán, pasaban camiñantes cubertos con impermeables e bordóns de madeira. Chovía mansamente nas augas do Río Furelos, e chovía tamén no nosos corazóns. Polas lousas da ponte medieval e polas antigas rúas de pedra resoaban os pasos cansos dos peregrinos como levan resoando desde séculos remotos. E no ceo púrpura do solpor danzaban tímidas as primeiras estrelas, que sinalan o Camiño cara Compostela...


Dous peregrinos pasando pola Ponte de Furelos.