Amosando publicacións coa etiqueta Efemérides. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Efemérides. Amosar todas as publicacións

sábado, 25 de xullo de 2020

En Padrón con Rosalía

Estamos a 25 de xullo, Día de Galicia. E que mellor maneira de celebralo que visitar á Casa da Matanza de Padrón, hoxe Casa Museo de Rosalía de Castro, a nosa autora máis universal. Baixamos do tren e cruzamos as vías. Chegamos a Casa de Rosalía, que nos recibía coas portas abertas. Avanzamos polos sendeiros do xardín, beirados de camelias e rosas, e despois entramos, como nun templo sagrado, na casa en que deu os seus últimos suspiros Rosalía, a nosa musa das negras sombras e das lágrimas de morriña. 


Entrando na Casa Museo de Rosalía.

Ao chegar, sumámonos a unha visita guiada pola casa e pola vida de Rosalía. A través das explicacións do guía, repasamos a biografía da nosa máis ilustre escritora: a súa infancia na veiga de Padrón, a súa mocidade en Santiago de Compostela, o seu breve paso por Madrid onde casou con Manuel Murguía, a súa estancia na localidade vallisoletana de Simancas (onde escribiu a maior parte dos poemas de "Follas Novas"), os seus últimos anos na Casa da Matanza... Vimos varios manuscritos e varias fotografías familiares da autora. Tamén había un espazo dedicado á figura do marido de Rosalía, don Manuel Murguía, unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XIX, principal artífice do Rexurdimento, autor da monumental "Historia de Galicia".


A emblemática chistera de Manuel Murguía.

A visita guiada chegou ao seu final diante da cama en que, o 15 de xullo de 1885, Rosalía de Castro daba o seu último suspiro neste mundo. O guía contounos a lenda das súas últimas palabras. Parece ser que Rosalía no seu leito de morte, rodeada dos seus fillos, díxolles: "Abride esa fiestra, que quero ver o mar". Esta frase foi durante moitos anos un misterio, un enigma máis da súa vida e obra, como a negra sombra do seu célebre poema. En realidade, non ten ningún misterio porque, aínda que hoxe desde a casa da Matanza non se ve o mar, nos tempos de Rosalía si que se podía ver a ría, navegada por dornas e gamelas coas velas brancas mecidas pola brisa, que Rosalía quería ver por última vez. 


Leito de morte de Rosalía de Castro.

Despois saímos ao balcón, ao que tantas veces se asomaría Rosalía nos seus últimos anos de vida, para contemplar a veiga de Padrón. Ao lonxe, tocaban as campás da colexiata de Santa María de Adina, cemiterio en que descansaron os restos Rosalía antes do seu traslado ao Panteón de Galegos Ilustres. Agora si, chegaba o momento de despedirse. Marchamos no tren de regreso, mentres a Casa da Matanza se desvanecía na distancia, perdida no verdor da veiga padronesa. Hoxe, un ano despois, recuperamos aquela visita a Casa de Rosalía para compartir con vós neste 25 de xullo. Nada máis, amigos. Esperamos que pasedes un Feliz Día de Galicia!


Busto de Rosalía diante da súa Casa Museo.

venres, 17 de maio de 2019

Día das Letras Galegas 2019

Estamos a 17 de maio de 2019, Día das Letras Galegas. Desde 1963, cen anos despois da publicación dos "Cantares Gallegos" de Rosalía, celebramos os autores que mantiveron o galego vivo coa súa obra. Esta vez homenaxeamos a Antón Fraguas. Fraguas traballou por Galicia toda a súa vida como xeógrafo, historiador, antropólogo, etnógrafo... Mais é recordado sobre todo por ter sido fundador do Museo do Pobo Galego, institución que conserva con devoción os vestixios do noso pasado.


Escaleira de caracol do Museo do Pobo Galego.

Por iso dirixímonos a Santiago de Compostela para visitar o Convento de Santo Domingo de Bonaval, sede do Museo do Pobo Galego. Os obxectos conservados no museo fálannos da historia do noso pobo: podemos ver as réplicas das dornas en que navegaban os mariñeiros antano polas nosas rías, as zafras e martelos dos ferreiros das nosas aldeas, as fouces e que colleron as mans encallecidas dos nosos antepasados... Por suposto tamén están presentes os elementos festivos: as gaitas que tocaban as vellas alboradas e muiñeiras, as cantigas entoadas polos nosos ancestros, as máscaras dos peliqueiros e cigarróns que brincan polas corredoiras ourensáns...


Traxes tradicionais do Entroido expostos no Museo do Pobo Galego.

Despois de ter percorrido todas as salas do museo, de ter descuberto mellor os segredos da nosa historia, dirixímonos a igrexa do Convento de Santo Domingo de Bonaval, onde descansan as cinzas sagradas dos máis ilustres galegos. Baixamos as características escaleiras de caracol e chegamos ao claustro, onde resoan os cantos dos paxaros e se pousan os derradeiros raios do crepúsculo.


Claustro do Convento de Santo Domingo de Bonaval.

Cun respecto relixioso, entramos na capela. Alí, detras do frío mármore, descansan as cinzas dos fillos máis egrexios de Galicia: Castelao, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Alfredo Brañas, Domingo Fontán... E Rosalía, por suposto. Se non fora por ela non habería Día das Letras Galegas. Diante do seu sepulcro, coa cabeza reclinada, dámoslle grazas a quen máis fixo por Galicia, á nosa musa de tristes suspiros e negras sombras. E dámoslle grazas tamén a Antón Fraguas e a todos os que, como dixo Cunqueiro, fixeron e fan que Galicia dure mil primaveras máis.


Sepulcro de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres.