Desde o 31 de marzo ao 3 de septembro de 2017, a sede de Afundación dos Cantóns coruñeses acolleu a exposición "Paredes soñadas", dedicada ao gran Urbano Lugrís, pintor do mar de Galicia. A pesar de que xa pasaron máis de dous anos quería compartilo con vós, pois os monstros mariños e máis as sereas aladas do pincel de Lugrís seguen aínda gravadas na miña retina. Os cadros do artista, como tesouros emerxidos das profundidades mariñas, falábannos de lendarias cidades asolagadas e de melancólicas bahías ignotas.
Cadro de Lugrís en que se pode ver a Torre de Hércules nunha noite de luar.
Tras atravesar as portas da exposición, un tiña a sensación de viaxar ao corazón do Océano. Os cadros de Lugrís, perfumados de salitres mariñeiros, ofrecíannos un mundo máxico, un mundo secreto debaixo das ondas: As lágrimas de prata baixando polas meixelas de don Quixote, as agrestes soidades do Mosteiro de Caaveiro, unha catedral erixida nas profundidades mariñas con ecos de Debussy, as Illas Cíes como tres esmeraldas que coroasen a fronte trémula da ría, mascaróns de proa con sorrintes sereas esculpidas na madeira, ágoras de mármore e templos gregos mergullados, os eternos suspiros das ondas do Atlántico rompendo nos cantís invernais, caracolas olvidadas en praias desertas, sereas pousadas en nubes de cotón, navíos que deixan longos ronseis de soños... Todas estas historias contaban os lenzos de Lugrís, asinados coa súa peculiar áncora.
Un dos fermosos cadros que se podían ver na exposición "Paredes Soñadas".
Non deixemos ao señor Lugrís naufragar nas aguas do esquecemento. Recuperemos os seus cadros, como cofres que nos agardan nunha furna repletos de segredos e lendas mariñas. Subamos a bordo do seu xenial pincel, icemos ben alto o velame dos nosos ensoños, levemos as nosas áncoras e zarpemos en longas travesías, rumbo de portos ignotos. Ao temón vai don Urbano Lugrís, almirante dos soños e das rosas dos ventos, señor dos pazos e das veigas escumosas do mar, capitán eterno dos nosos soños de salitre. Medre o mar!
Mural de Lugrís pintado nun edificio da cidade da Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario