venres, 29 de abril de 2022
En Salamanca
domingo, 12 de setembro de 2021
En Arousa con Valle-Inclán
Este sábado 11 de setembro de 2021, cando se cumprían vinte anos do atentado do 11-S contra as torres xemelas de Nova York, visitamos a Casa Museo de Valle-Inclán, no Concello de Vilanova de Arousa. Ao mediodía, despois de varias horas de coche, chegamos por fin á Casa do Cuadrante, un pazo de tipo urbano, situado en pleno corazón de Vilanova, onde naceu Ramón María del Valle-Inclán o 28 de outubro de 1866. Na entrada da casa, labradas en pedra, estaban esculpidas as armas da familia, rodeadas de leóns rampantes e flores raras, unha desas fantasías heráldicas que tanto gustaban a don Ramón.
Entramos. Detrás do mostrador da casa, separada de nós por unha pantalla de plástico por causa das restriccións sanitarias, deunos a benvida a recepcionista, unha simpática señora andaluza que parecía sacada dunha das obras de Valle. Pagamos as entradas e pasamos á planta baixa, onde se exhiben primeiras edicións e traducións a outros idiomas das obras máis célebres do autor galego: Femeninas, Aromas de leyenda, Jardín Umbrío, Sonatas, Comedias Bárbaras, La Lámpara Maravillosa, Luces de Bohemia, Tirano Banderas, El Ruedo Ibérico... Tamén había unha escultura do escritor, inmortalizado coas súas gafas quevedescas, mesándose cunha man as súas brancas barbas de chivo, mentres nos miraba con expresión curiosa.
No piso superior, visitamos as habitacións da casa, conservadas como cando vivía nelas a familia de Valle-Inclán. Vimos a lareira de pedra, a roca de fiar da criada Micaela La Galana, o comedor familiar... A habitación de don Ramón era sorprendentemente austera: unha pequena cama, un crucifixo de madeira, unha vela na mesa, un retrato do propio Valle-Inclán e, como non, o escritorio do autor, coas cuartillas de papel ben ordenadas enriba da mesa, a pruma, o tinteiro, a pipa de fumar, o exlibris... A Casa do Cuadrante, en conclusión, era a típica casa dunha boa familia galega do século XIX: reloxos de cuco colgados na parede, pratos de porcelana fina, pezas de cerámica de Sargadelos, tazas de tomar o té con asas de bronce, mobles de madeiras nobles ben torneados, quinqués de petróleo nas mesas de mármore, elegantes espellos de cristal, galerías de retratos familiares en branco e negro...
Por último, paseamos polo xardín da Casa do Cuadrante, que podería ser calquera dos xardíns modernistas e crepusculares das obras de don Ramón, coas súas fontes barrocas decoradas con sereas e tritóns e coas súas estatuas de deuses esquecidos. Daba gusto camiñar á sombra das ramas das árbores, naquela mañá de principios do mes de setembro, entre camelias traídas de Xapón e magnolios centenarios. De fondo, chegaban os ecos das gaiteiros, que tocaban un pasarrúas con motivo das festas patronais de Vilanova, en honor á Virxe da Pastoriza.
Para terminar o día visitamos o resto de Vilanova de Arousa, a típica vila mariñeira das Rías Baixas, coas súas casas de pedra de cantería, recubertas algunhas con cunchas de vieiras, agrupadas en rúas estreitas, iluminadas por farois. Había tamén varios cruceiros de granito, tan típicos das Rías Baixas, cicelados por algún canteiro para perdón dos seus pecados. Na Praza do Castro vimos tamén o monumento a Valle-Inclán, sentado nun trono, como un pequeno deus rodeado polos personaxes das súas obras máis importantes: O Marqués de Bradomín da Sonata de Otoño, o Príncipe Verdemar da Farsa de la Cabeza de Dragón, a Mari-Gaila e o Lucero de Divinas Palabras e Max Estrella e don Latino de Hispalis de Luces de Bohemia.
Antes de volver pasamos polo porto, onde cabeceaban barcas de madeira, con nomes mariñeiros escritos nos seus cascos: Anduriña, Brisa, Cormorán, Serea... Un vello mariñeiro, co rostro moreno curtido polo sol de mil travesías, volvía de faenar no seu barco, despois dun día de traballo na ría, repleta de bateas. Alí, diante das augas da ría de Arousa, encendidas polo sol da tarde, recordei aquel poema de Álvaro Cunqueiro, incluído no seu libro Cantiga nova que se chama Riveira, obra fundamental do neotrobadorismo, un libro que lin o ano pasado por estas datas, antes de comezar o curso. Así, cos versos de Cunqueiro na memoria, marchamos de Vilanova de Arousa, nun solpor que parecía devolvernos ao tempo das cantigas:
Si miña señor á i-alba da Arousa beilar
poñereille, belida, un ventiño no mar.
A dorna vai e vén
que meu amor ten!
Poñereille unha frauta e mais un reiseñor
e unha longa saudade como a do mar maior.
A dorna vai e vén
que meu amor ten!
Na Illa de Cortegada poñereille un galán
por pastor de mareas co seu remo na man.
A dorna vai e vén
que meu amor ten!
Poñereille unha gaita no bico da ría
e unha avelaneira no medio do día.
A dorna vai e vén
que meu amor ten!
xoves, 16 de xullo de 2020
En San Andrés de Teixido
mércores, 26 de febreiro de 2020
En Ribadavia
domingo, 5 de xaneiro de 2020
Santa María de Melide
Unha vez alí, tras apearnos do coche, atravesamos a pequena cancela de ferro do adro do templo, o que para min foi como abrir a porta da memoria, o baúl dos recordos, ao regresar a aquel lugar tan íntimo que levaba tantos anos sen visitar e que me trae tantas lembranzas: as interminables tardes de domingo, as noites de Fin de Ano compartidas co meu avó, as festas de San Roque no corazón do verán... Mentres recordaba aquela etapa da miña vida, o día despedíase cunha festa de cores no horizonte: verde, esmeralda, laranxa, ocre, púrpura... A luz do solpor póusase nas pedras románicas, que parecen cobrar vida. Camiñamos polos sendeiros do adro, mollados aínda pola chuvia, á sombra alargada dos cipreses. Vemos os preciosos pórticos do templo, xenuinamente románicos, decorados con figuras de cordeiros e follas de palmeiras de Terra Santa, inmortalizados na pedra polo cicel do canteiro medieval.
Ás veces, a chuvia volve caer. Entón reina un silencio de cipreses, interrompido nada máis que polo canto do reiseñor e polos pasos dos peregrinos que pasan por este tramo do trazado do Camiño Francés. Hoxe non pasaron moitos. Tan só vimos unha peregrina, cos ollos azuis e cabelo dourado recollido nunha trenza. Pode que fose francesa, ou inglesa, ou alemá. Quen sabe. O caso é que a mirei pasar, pensando que historias e segredos levaría na súa mochila decorada con vieiras e frechas amarelas, mentres se perdía polo vello sendeiro, entre campos orballados e prados verdes, camiño de Compostela...
Saímos xa do templo. Unha brétema vermella vaga polos campos durmidos. As primeiras estrelas espéllanse xa nas pozas. Os fogares da pequena aldea de Santa María, que se preparan para as longas noites invernais, encenden os seus farois, Tamén alumean as humildes luces de Nadal. Nós montamos no noso coche. Despedímonos de Santa María de Melide, esa xoia que tantos segredos garda nos seus pórticos. Atrás deixamos as súas pedras románicas, vixiadas polos mudos cipreses, bañadas xa polos raios prateados do luar.
















































