Amosando publicacións coa etiqueta Lugares de Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lugares de Galicia. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de xullo de 2026

En Mondoñedo con Cunqueiro

Neste día de principios de verán escribo para recordar unha das nosas visitas a Mondoñedo, a capital da Terra de Miranda, unha das sete provincias históricas do Reino de Galicia. Foi polas vacacións de Carnaval, aínda co sabor das orellas e das filloas, cando Mondoñedo nos recibiu coa súa néboa proverbial, a través da que se podían adiviñar as súas casas de paredes brancas e tellados de lousa, tan típicas da provincia de Lugo, presididas polas torres da súa catedral. Nós aparcamos na Alameda dos Remedios, ao lado do Instituto San Rosendo, e baixamos polas rúas estreitas e silenciosas da vila para desembocar na Praza da Catedral, o corazón de Mondoñedo. 


Vista da catedral de Mondoñedo.

Alí topámonos co monumento do fillo máis ilustre de Mondoñedo, don Álvaro Cunqueiro Mora, unha das figuras máis brillantes da literatura galega. Aquí creo que debemos deternos para falar un pouco máis polo miúdo de Cunqueiro. Nacido en 1911 en Mondoñedo, ao lado da Fonte Vella (onde se pode visitar a súa casa natal), o neno Álvaro tería o seu primeiro contacto coa literatura na botica do seu pai, frecuentada por pintorescos personaxes da comarca que contaban historias de meigas, trasnos, naufraxios. Esta fonte da literatura oral galega sería o primeiro estímulo da imaxinación de Cunqueiro, quen, na súa adolescencia, marchou para Lugo a estudar o Bacharelato. Alí, na cidade das murallas, coñecería da man dun profesor a literatura medieval das cantigas e dos trobadores, un importante descubrimento para aquel adolescente que comezaba a escribir os seus primeiros poemas. 

Con esta formación literaria tan peculiar, que combinaba contos populares con cantigas de amigo, Cunqueiro matriculouse na Universidade de Santiago de Compostela, onde se dedicaría máis á bohemia dos cafés e dos romances que ao estudo das aulas e dos exames. En 1932, con apenas vinte anos, Cunqueiro publicaba Mar ao Norde, con portada de Luís Seoane, ao que seguirían en 1933 Cantiga nova que se chama Riveira, o libro capital do Neotrobadorismo, e Poemas do si e o non, un libro no borde do surrealismo. En 1936 Cunqueiro xa se convertera no "Príncipe dos Poetas de Galicia", a gran promesa da nova literatura galega que se vería truncada pola Guerra Civil. Co golpe de estado de xullo de 1936, Cunqueiro afiliouse á Falange para salvar a vida, pois estaba fichado por participar na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia. Ademais, tivo que abandonar o galego para comezar unha carreira de xornalista en publicacións do novo réxime como Vértice, La Voz de España e o ABC de Madrid, o diario máis importante da España franquista. Non obstante, por culpa dun misterioso incidente coa Embaixada Francesa en Madrid que nunca foi esclarecido, Cunqueiro viu truncada tamén a súa estelar carreira como xornalista, pois o réxime franquista retiroulle o carnet de periodista. Sen traballo, separado da súa muller e sumido nunha profunda depresión, Cunqueiro decide deixar Madrid e volver ao seu Mondoñedo natal para ter unha cura de soidade e silencio. Comezaban os días máis escuros da vida do mindoniense, máis incluso que os da Guerra Civil. 

Nesta situación de crise persoal, Cunqueiro foi salvado polo seu vello amigo Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores da Editorial Galaxia, homenaxeado coas Letras Galegas de 2023. Foi Del Riego quen convenceu a Cunqueiro de volver escribir en galego, pero xa non poesía, senón prosa, narrativa, un xénero que fóra moi pouco cultivado na literatura galega con excepción dos autores do Grupo Nós como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo ou Castelao. Cunqueiro, que sobrevivía como podía mentres paseaba polas rúas solitarias de Mondoñedo, aceptou. Así naceu Merlín e familia (1955), a primeira novela galega de Cunqueiro, seguida de As crónicas do sochantre (1956) e Se o vello Simbad volvese ás illas (1961). Desta forma, Cunqueiro non só saería da súa depresión, senón que se convertiría tamén no principal referente da literatura galega de posguerra, monopolizada pola prestixiosa Editorial Galaxia. Para poñer a guinda desta década prodixiosa da súa carreira literaria, Cunqueiro publicou tamén en 1959 O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, un dos grandes clásicos do teatro galego, estreado por primeira vez no Teatro Colón da Coruña polas festas de María Pita. 

Para terminar con este breve biografía de Cunqueiro, na década dos 60 o mindoniense conseguiu recuperar o carnet de periodista, recuperando con el a súa fonte de ingresos e o seu medio de vida, ademais de converterse no director de Faro de Vigo, cidade onde pasaría os seus últimos anos de vida. Na súa década final participou activamente na vida pública de Galicia: participou na creación da festa do viño Albariño de Cambados, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago, defendeu o Estatuto de Autonomía de Galicia e escribiu a súa última obra, Herba aquí e acolá (1980), editada polo seu amigo Miguel González Garcés, un testamento literario que pon punto final a medio século de creación literaria no que cultivou todos os xéneros en dous idiomas, castelán e galego. Na súa lápida, situada no cemiterio vello de Mondoñedo, está escrito este célebre epitafio: "Aquí xaz alguén que coa súa obra quixo que Galicia durase mil primaveras máis". 


Estatua de Álvaro Cunqueiro.

Pero Mondoñedo non é só Cunqueiro. Por esta vila do Norte de Galicia pasaron, principalmente pola presenza do seu Seminario de Santa Catalina, escritores como Antonio Noriega Varela, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Díaz Jácome, Xosé María Díaz Castro ou Manuel Leiras Pupeiro, un dos máis queridos polos mindonienses polo seu labor como médico dos pobres, o que o convertiría nun santo laico da vila. Leiras Pupleiro, autor dun único libro titulado Cantares Gallegos (1911), atendía sen cobrar aos enfermos con menos recursos da comarca, un traballo filantrópica que lle valeu o respecto e o cariño dos seus paisanos, que levantaron este monumento na súa memoria.


Estatua de Manuel Leiras Pulpeiro.

Por último, para terminar a nosa visita, saímos do centro de Mondoñedo para chegar ao chamado Barrio dos Muíños, famoso polos seus obradoiros de artesanía. Alí encontramos a Ponte do Pasatempo, unha ponte medieval sobre o río Valiñadares vinculada para sempre coa lenda do Mariscal Pedro Pardo de Cela. A lenda di que Constanza de Castro, a muller do Mariscal, volvía da corte cun indulto dos Reis Católicos para o seu marido. Non obstante, ao chegar á Ponte, dous cóengos da catedral entreteron con preguntas á muller, que conseguiu librarse deles, pero demasiado tarde. As campás da catedral tocaban a morto. A lenda di que a cabeza do Mariscal rodou polas lousas da Praza Maior de Mondoñedo mentres os seus labios repetían "Credo, credo, credo". Por iso esta ponte se chama a Ponte do Pasatempo. Ademais, unha cruz de madeira recorda este tráxico suceso, que foi recreado por Ramón Cabanillas e Vilar Ponte na súa peza teatral O Mariscal, unha das primeiras óperas en galego. Así, con esta lenda da historia de Galicia, emprendemos o regreso, mentres Mondoñedo quedaba no seu val silencioso, coas súas casas brancas arredor da catedral, bañada polo sol da tarde. 


A Ponte do Pasatempo de Mondoñedo.

sábado, 4 de abril de 2026

En Vilalba con Manuel María

Hoxe, neste Sábado Santo, visitamos por primeira vez Vilalba, a capital da comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo. Saímos cedo de Coruña, para chegar alí con tempo, e, tras un pouco máis dunha hora de traxecto, cruzamos o río Magdalena. Tras aparcar o coche, o primeiro que fixemos foi pedir información na Casa da Cultura de Vilalba, onde nos deron un plano cos lugares máis importantes da vila. Alí, ás portas da Casa da Cultura, atopamos un vello coñecido: Manuel María, o poeta da Terra Chá, apoiado no seu bastón, rodeado de libros e dunha das navallas que tanto lle gustaba coleccionar, como se pode comprobar na Casa de Hortas de Outeiro de Rei, actualmente Casa Museo de Manuel María, a primeira casa dun escritor que visitei. Ademais, na base do monumento de Manuel María, estaban escritos estes versos dedicados á Vilalba, extraídos do seu libro de poemas Terra Chá (1954):

Vilalba, dona da Chaira,
soportando un ceo gris,
sobre a gracia da abelaira
anda a cantar o malvís. 


Estatua de Manuel María en Vilalba. 

Despois subimos á Praza da Constitución, o centro de Vilalba, onde estaban instaladas as carpas e tendas da Festa do Queixo de San Simón da Costa, seguramente o produto máis coñecido de Vilalba, con permiso por suposto do famoso capón. No recinto da Festa podíanse ver queixos elaborados en todos os lugares da Península: Zamora, Fuentesaúco, Taramundi, Santoña, Salamanca, Ripoll, Mahón, Idiazabal... e tamén unha cidade de Portugal que non recordo. Mentres curioseábamos os postos dos vendedores, un home cun megáfono anunciaba a chegada dos ciclistas que participaban na carreira da festa, con meta no pequeno casco histórico de Vilalba. Así pasamos as dúas primeiras horas en Vilalba, ata que tocaron as doce babaladas na Praza de Santa María, onde montaban un escenario, diante mesmo do Torreón dos Andrade, unha torre hexagonal convertida nun Parador Nacional de Turismo. 


O Torreón dos Andrade de Vilalba. 

Para ser sinceros, vimos rápido todos os monumentos do casco histórico, pero quedábanos aínda por ver o Paseo Fluvial do río Magdalena, nas aforas de Vilalba, a dous ou tres kilómetros da vila. Así que nos puxemos en camiño, non sen antes parar diante do monumento que ten na Alameda Manuel Fraga Iribarne, o león de Vilalba, o eterno presidente da Xunta de Galicia. Fillo dun emigrante galego retornado de Cuba, que despois se convertiría tamén en alcalde da súa vila natal de Vilalba, Manuel Fraga estudou Dereito nas Universidades de Santiago de Compostela e Madrid, doutorándose na Complutense. Famoso xa nos seus días de universitario pola súa capacidade de traballo, Fraga foi gañando puntos ata converterse no ministro estrela de Franco, o seu paisano. A pesar da súa boa relación co ditador, Fraga soubo adaptarse moi ben aos novos tempos, liderando o aperturismo dos últimos anos do franquismo, para despois ser un dos pais da Constitución e  un dos artífices da España das Autonomías. A culminación da súa carreira política chegaría coa súa elección como presidente da Xunta de Galicia, que gobernaría durante décadas. A pesar de discrepancias políticas, de ser de esquerdas ou de dereitas, non se pode negar que Fraga, coas súas luces e as súas sombras, foi unha das figuras máis importantes da política española do século XX e principios do XXI, protagonista de momentos icónicos da nosa memoria colectiva: o seu baño de Palomares, os centos de gaiteiros tocando na súa toma de posesión como presidente de Galicia, os seus retiros espirituais, o seu capricho faraónico da Cidade da Cultura no Monte Gaiás, a súa noite de queimada xunto con Fidel Castro... 


Busto de Manuel Fraga na Alameda de Vilalba. 

Si, non podiamos ir a Vilalba sen evocar a figura de Fraga, o vilalbés máis famoso, para ben ou para mal. Despois de ver o seu busto na Alameda, que por certo estaba vandalizado con pintura vermella, saímos do centro de Vilalba para pasear polo parque fluvial da Magdalena, o río da vila. Cando por fin chegamos, e tras preguntar a un señor que tamén paseaba por alí, camiñamos á sombra das árbores, ao frescor do río, mentres nos prados se vían ovellas e cabras pastando. Facía moito calor. Seguimos paseando, entre muíños abandonados e pontes de madeira, ata chegar ao denominado Muíño do Rañego, un edificio con tellado de lousa no que tiña lugar un evento festivo, como se deducía dos homes traxeados e das mulleres con elegantes vestidos. Ademais, o Paseo Fluvial estaba decorado con monumentos de personalidades destacadas da Terra Chá: o historiador Ramón Villares, os irmáns Coira, os fundadores do mítico grupo Fuxan Os Ventos Mini e Mero, o músico Chao Ledo ou o escultor Víctor Corral. De todas as formas, o que predominaban eran monumentos de figuras das Letras Galegas, como Miguel Anxo Fernán Vello, Margarita Leda Andión, Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes, Xabier Docampo... E, ao final do Paseo, un pouco antes do xa mencionado Muíño do Rañego, había tamén un fermoso monumento para don Agustín Fernández Paz, outro vilalbés ilustre, un dos pioneiros da literatura infantil e xuvenil en galego, autor de títulos tan emblemáticos como Contos por palabras, Corredores de sombras, O único que queda é o amor ou Cartas de inverno, que lin cos meus alumnos este curso no IES Rafael Dieste. Alí, diante do memorial de Agustín Fernández Paz, terminamos o noso paseo por Vilalba, a capital da Terra Chá, unha forma diferente de pasar o Sábado Santo. 


Monumento dedicado a Agustín Fernández Paz no Paseo Fluvial de Vilalba. 

xoves, 19 de marzo de 2026

En Oleiros con Isaac Díaz Pardo

 Hoxe, neste festivo de San José, visitamos o Castelo de Santa Cruz, no Concello de Oleiros. Chegamos sobre o mediodía, recibidos pola marea baixa, co suave rumor das ondas que rompían apenas nacer. Cruzamos a pasarela, na mañá de primavera prematura, e pasamos á Illa de Santa Cruz, cunha vista privilexiada da silueta da Coruña. Camiñamos polos xardíns do Castelo, entre diversas árbores centenarias, como palmeiras e camelias, presididas polo denominado Piñeiro Insigne, un exemplar de máis de 25 metros de altura, cuxas ramas sobrepasan os muros do Castelo. Despois de ver as especies do xardín, entramos no Castelo de Santa Cruz, emblema do Concello de Oleiros. 


Vista do Castelo de Santa Cruz. 

Dentro había tres direccións. Á esquerda, unha sala dedicada a colección de arte reunida polos sucesivos señores do Castelo de Santa Cruz, un importante bastión defensivo na ría da Coruña. No centro, subindo unhas escaleiras precintadas, a biblioteca do Centro de Interpretación das Mariñas. E á dereita unha prometedora exposición dedicada á figura de Isaac Díaz Pardo. Nós comezamos pola esquerda, vendo as pezas da colección de arte do Castelo: rosarios de prata, estampas, lámpadas de aceite, reliquias traídas de civilizacións de América, moedas antigas, pipas de fumar, restos de dinosaurios... e tamén cadros de pintores máis recentes, algúns de nomes ben coñecidos como Peteiro, Laxeiro, Maside, Ovidio Muguía, Sucasas ou Xosé Vizoso. 



Cadro do pintor Xosé Vizoso.

Despois de ver a variada colección de arte do Castelo, pasamos diante dos retratos de dous dos seus antigos propietarios, un deles a Condesa de Pardo Bazán, e comezamos a nosa visita pola exposición sobre Isaac Díaz Pardo, un dos bos e xenerosos, unha figura moi querida por min sobre a que quero determe nestas liñas. Nacido en 1920 en Santiago de Compostela, fillo do pintor e membro das Irmandades Camilo Díaz Baliño, Isaac Díaz Pardo estivo sempre rodeado dos amigos galeguistas do seu pai, como Ánxel Casal ou Castelao. Con apenas quince anos xa participara na campaña do Estatuto de Autonomía de Galicia, pintando carteis propios ou colaborando nos doutros artistas como Luís Seoane. No verán de 1936, tras o estalido da Guerra Civil, o seu pai foi fusilado por ser militante do Partido Galeguista. Ao pouco tempo morre tamén a súa nai, sumida nunha profunda depresión tras o fusilamento do seu marido. Orfo, sen medios económicos, Isaac ten que renunciar ao seu soño de ser arquitecto, pero cursa coa máxima calificación a carreira de Belas Artes na Real Academia de San Fernando de Madrid. Alí, na capital, o mozo Isaac triunfa como pintor, pero ten que regresar a Galicia despois de rexeitar pintar un mural na Basílica de Cuelgamuros, no Valle dos Caídos. Isaac, fillo dun asasinado polo réxime, non podía participar na celebración dunha ditadura respondable do fusilamento do seu pai, un feito que o marcaría de por vida.


Caricatura de Isaac Díaz Pardo realizada por Siro.

Así, tras este desencontro coas autoridades franquistas, Isaac volve para Galicia, onde terá que abadonar a súa prometedora carreira como pintor, pero onde comezará un fructífero traballo na recuperación da identidade cultural da súa terra natal. En 1955 visita no exilio de Buenos Aires a Luís Seoane, que se converterá no seu socio, no seu compañeiro de proxectos. Con Seoane fundará o Laboratorio de Formas de Galicia, unha iniciativa da que despois sairían empresas culturais tan importantes como Edicións do Castro, o Museo Carlos Maside, o Novo Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Galego de Información, o Laboratorio de Industria e Comunicación ou a fábrica de cerámicas de Sargadelos, quizais a súa empresa máis coñecida. Porque Isaac foi, xunto co pontevedrés Valentín Paz Andrade, un dos poucos galeguistas empresarios, que non só se ocuparon da cultura, senón tamén da modernización económica de Galicia. Para recordar esta figura tan destacada, na sala do Castelo de Santa Cruz había unha colección de homenaxes de escritores galegos contemporáneos: Xesús Alonso Montero, Ledicia Costas, Marilar Aleixandre, Pedro Feijóo, Fina Casalderrey, Víctor Freixanes, Manuel Rivas ou Xosé Luís Méndez Ferrín. 


Manuscrito de Méndez Ferrín sobre Díaz Pardo. 

Así terminamos a visita pola exposición sobre Isaac Díaz Pardo, homenaxeado co Día das Artes Galegas do pasado 2025, cando me esforcei por presentar esta figura aos meus alumnos de Artes no IES Adormideras, que se podía ver na punta da península da Torre, ocultada pola brétema. Despois de volver cruzar a pasarela, comemos nun restaurante do paseo marítimo de Santa Cruz, abarrotado de paseantes con ganas de verán. Mentres comiamos vimos na televisión as noticias da Guerra de Irán. Acordeime tamén do meu avó de Melide, José, que sempre nos levaba comer ao restaurante Xaneiro para celebrar o seu santo. E, con este recordo do patriarca de Melide no día do seu santo, marchamos de Santa Cruz, co seu Castelo sitiado de visitantes que parecían querer adiantar o verán, mentres a marea subía. 

martes, 30 de decembro de 2025

Nadal en Castro Caldelas

O pasado venres 26 de decembro, despois de celebrar o Nadal, aproveitamos estes días libres para visitar Castro Caldelas, unha vila da provincia de Ourense con moita historia. Fomos nun día moi frío, sobre todo cando chegamos á provincia de Lugo, acompañados polas folerpas de neve que caían no cristal do coche. Pasamos por Lugo, Monforte de Lemos e polos impresionantes Canóns do Sil, coas súas vides en socalcos, que producen o tan apreciado viño da Ribeira Sacra da denominada viticultura heroica. Despois de tomar un café na Cantina de Doade, chegamos a Castro Caldelas, unha pequena vila que nos recibía coa súa praza decorada cunha árbore de Nadal, coa Igrexa dos Remedios e, sobre todo, co seu Castelo medieval, o símbolo por excelencia deste concello ourensán. 


Entrada do Castelo de Castro Caldelas.

Despois de deixar o coche, dirixímonos ao centro da vila, un labirinto de rúas empedradas de trazado medieval que subían cara ao Castelo, o corazón de Castro Caldelas. Alí, despois de pagar as entradas, accedemos ao Patio de Armas da fortaleza, non moi grande, pero moi ben decorado con pendóns de vellas familias nobiliarias. Subimos polas escaleiras ata chegar a unha sala, situada na Torre da Homenaxe, dedicada á historia da lingua galega. Alí falábase do nacemento do romance galego-portugués a partir do latín vulgar falado na vella provincia romana da Gallaecia, ademais de explicar a separación da variante do Norte do Miño, o galego, e a do Sur, o portugués. Nesa mesma sala tamén se podía ver o Foro do Burgo de Castro Caldelas, o documento redactado en galego en Galicia máis antigo do que se ten noticia, pois data de abril de 1228, cando un notario da vila de Allariz escribiu, coa súa pluma de ganso, este pergamiño de carácter notarial, no que se enumeran unha serie de privilexios outorgados á vila de Castro Caldelas por parte do rei Alfonso IX de León. Trátase dun verdadeiro tesouro filolóxico, unha reliquia de valor incalculable, o primeiro testemuño que temos de escritura en romance galego. 


O Foro do Burgo de Castro Caldelas.

Despois de ver o manuscrito, subimos ao tellado do Castelo, desde onde podiamos ver os cumios nevados de Cabeza de Manzaneda, mentres o vento frío nos cortaba na cara. Xa só nos quedaba por ver a Torre do Reloxo, a segunda das torres do Castelo. Alí tamén nos esperaba unha sorpresa: unha exposición sobre Vicente Risco, que tiña familia por parte de pai nas Terras de Caldelas, onde pasaba moitos dos seus veráns. Alí, na sala da Torre do Reloxo, había un repaso pola vida deste polémico pensador, fundamental para a cultura galega do primeiro terzo do século XX: a súa infancia en Ourense, os seus estudos universitarios en Madrid e Santiago, o seu ingreso nas Irmandades da Fala, a fundación da Revista Nós, a súa participación no Seminario de Estudos Galegos, o seu achegamento ao fascismo... Tamén había varias primeiras edicións dalgunhas das súas obras máis destacadas, como Teoría do nacionalismo galego (1920), O lobo da xente (1925), Nós, os inadaptados (1933), Mitleuropa (1934) e, como non, O porco de pé (1928), a primeira novela galega moderna, que conta a historia de Don Celidonio e o Doutor Alveiros. 


Primeira edición da novela O porco de pé (1928)

Despois de ver o Castelo, baixamos ao centro da vila, pasando por diante da Pousada de Vicente Risco, cunha estatua do escritor vestido cunha bufanda. Nesa casa de pedra de cantería pasaría moitos veráns, algúns seguro cos seus amigos e compañeiros do Grupo Nós como Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Antón Losada Diéguez ou Castelao. Nós comemos nos Carballos, un enxebre restaurante situado ao lado da Praza Maior de Castro Caldelas, desde onde se podía ver o Castelo que garda no seu interior o primeiro documento escrito en galego no territorio da actual Galicia. Así, despois de comer, regresamos a Coruña, non sen antes despedirnos de Vicente Risco, que quedaba coa súa bufanda naquel día frío de Nadal en Castro Caldelas. 


Estatua de Vicente Risco no centro de Castro Caldelas.

sábado, 16 de abril de 2022

Monforte de Lemos

Este Venres Santo de 2022, para tomarnos un merecido descanso polas nosas vacacións de Semana Santa, visitamos Monforte de Lemos, a capital da Ribeira Sacra, unha das cidades máis importantes do Reino de Galicia na Idade Media. Alá fomos en tren desde Coruña, nun traxecto que se converteu nunha auténtica odisea, en que tivemos que ser trasladados en autobús por culpa dunhas inoportunas obras nas vías férreas. Por fin, tras dar rodeos por diversas paradas da provincia de Lugo, conseguimos chegar a estación de ferrocarril de Monforte, unha das máis importantes de Galicia no pasado. Nada máis chegar, subimos polo parque do castelo, á sombra fresca das árbores, que nos defendían do calor do sol mañá de abril. Coa chaqueta nos brazos, cansados pola pronunciada pendente da subida, chegamos por fin á torre do homenaxe do castelo dos Condes, o símbolo por excelencia de Monforte, que domina coas súas ameas as terras fértiles e vinícolas do val de Lemos, famosas polo viño de Amandi, que se podían contemplar desde o mirador do monte de San Vicente. 


A torre do homenaxe do castelo dos Condes de Lemos.

Unha vez completada a nosa ascención, entramos pola cancela metálica, presidida por un escudo heráldico decorado con elmos de cabaleiros medievais e cabezas de lobos, e subimos as escaleiras do torreón, morada da poderosa familia dos Castro. Dentro, despois de pagar as entradas, visitamos as estancias da torre, que conservaban os obxectos da época en que vivían nela os condes: armarios de madeira ben traballada, armaduras de metal decoradas con elegantes deseños trazados pola man paciente do orfebre, alabardas de puntas afiadas, unha lareira... En cada planta podíanse ver tamén carteis explicativos sobre a historia da torre: textos que explicaban a organización da sociedade estamental, os deberes de cada unha das tres clases sociais (laboratores, oratores e bellatores), a árbore xenealóxica da poderosa familia de Castro titular do Condado de Lemos, retratos de reis hispánicos, fotografías de cartas e documentos medievais, explicacións sobre a importancia da comunidade xudía en Monforte, unha crónica do papel desempeñado polos Condes de Lemos durante as Guerras Irmandiñas... Terminamos a visita no alto da torre, contemplando, con algo de vértigo para ser sinceros, a panorámica das terras verdes e suaves, sen montañas, do val de Lemos. 


Entrada da torre do homenaxe dos Condes de Lemos.

Despois de visitar a torre, vimos tamén os lugares que rodean a fortaleza (o Palacio dos Condes de Lemos, o Mosteiro de San Vicente do Pino), para despois deambular polo antigo barrio xudío de Monforte, onde residían os sefardís antes da súa expulsión en 1492. Despois de familiarizarnos con este lugar anacrónico, descendimos á parte inferior de Monforte, tan animada, invadida por multitudes de turistas que tomaban algo nas terrazas da Praza de España. Despois de comer, terminamos a visita noutro dos lugares máis emblemáticos de Monforte: o Colexio de Nuestra Señora de la Antigua, actualmente os Escolapios. Trátase dun magnífico edificio de estilo herreriano, pouco frecuente en Galicia, que coas súas sobrias fachadas e cúpulas parece evocar El Escorial. Fundado polo cardeal Rodrigo de Castro como centro de formación da comarca, o edificio foi administrado nun principio pola poderosa Compañía de Xesús, creada polo vasco Ignacio de Loyola, unha das ordes máis poderosas do clero católico. No interior do edificio, actualmente propiedade dos Padres Escolapios, expónse tamén a magnífica colección pictórica dos Condes de Lemos, que conta con obras maestras da pintura barroca. 


Fachada herreriana de Nuestra Señora de la Antigua.

Por último, despois de comer, paramos no Parque dos Condes, ao lado da Compañía. Alí, vimos como nadaban os patos no pequeno estanque, do que por veces saín chorros de auga disparados por un surtidor. Tamén vimos un monumento de Pedro Fernández de Castro, séptimo Conde de Lemos e gobernador de Nápoles, unha das personalidades máis importantes da España da súa época, ademais de mecenas dos grandes autores do Século de Ouro español como Cervantes, Quevedo, Góngora, os irmáns Argensola ou Lope de Vega, que foi o seu secretario privado no Madrid dos Austrias. Ademais, o Gran Conde de Lemos foi un dos primeiros defensores do Reino de Galicia contra a "leyenda negra" que o pintaba como un lugar atrasado, inculto, miserable. O Conde incluso chegou a escribir unha obra titulada "El búho gallego haciendo corte con las demás provincias de España", en que o Reino de Galicia, encarnado polo personaxe do búho (o animal sabio por excelencia), se defende dos ataques do resto de reinos e provincias de España. Para honrar a memoria deste fillo ilustre, o concello de Monforte colocou no centro da vila un busto de bronce, que representa a este Grande de España, vestido coa típica "lechuguilla" tan usada pola nobreza española, coa cruz de Calatrava bordada no peito da súa armadura. 


Busto de Pedro Fernández de Castro, Gran Conde de Lemos.

E, por último, despois de ver os principais monumentos de Monforte, regresamos ao barrio da estación de ferrocarril para tomar o tren para Coruña. De camiño, pasamos tamén polo barrio do malecón, coas súas casas abandonadas e derruídas, con vistas ao río Cabe, polo que nadaban os patos e se miraban os sauces choróns. Arriba, no alto de Monforte, podíase ver a silueta da torre dos Condes, dominando todo desde as alturas, engalanada cun pendón con motivo da Feira Medieval que tería lugar o fin de semana. Así, paseando polo parque fluvial do río Cabe, coa vista de fondo das cúpulas de Santa María de la Antigua, despedímonos de Monforte naquela tarde soleada de Venres Santo.


O Parque dos Condes de Monforte de Lemos.


domingo, 12 de setembro de 2021

En Arousa con Valle-Inclán

Este sábado 11 de setembro de 2021, cando se cumprían vinte anos do atentado do 11-S contra as torres xemelas de Nova York, visitamos a Casa Museo de Valle-Inclán, no Concello de Vilanova de Arousa. Ao mediodía, despois de varias horas de coche, chegamos por fin á Casa do Cuadrante, un pazo de tipo urbano, situado en pleno corazón de Vilanova, onde naceu Ramón María del Valle-Inclán o 28 de outubro de 1866. Na entrada da casa, labradas en pedra, estaban esculpidas as armas da familia, rodeadas de leóns rampantes e flores raras, unha desas fantasías heráldicas que tanto gustaban a don Ramón.


Entrada da Casa Museo Valle-Inclán ou Pazo do Cuadrante. 

Entramos. Detrás do mostrador da casa, separada de nós por unha pantalla de plástico por causa das restriccións sanitarias, deunos a benvida a recepcionista, unha simpática señora andaluza que parecía sacada dunha das obras de Valle. Pagamos as entradas e pasamos á planta baixa, onde se exhiben primeiras edicións e traducións a outros idiomas das obras máis célebres do autor galego:  Femeninas, Aromas de leyenda, Jardín Umbrío, Sonatas, Comedias Bárbaras, La Lámpara Maravillosa, Luces de Bohemia, Tirano Banderas, El Ruedo Ibérico... Tamén había unha escultura do escritor, inmortalizado coas súas gafas quevedescas, mesándose cunha man as súas brancas barbas de chivo, mentres nos miraba con expresión curiosa. 


Estatua de Valle-Inclán na planta baixa da súa Casa Museo.

No piso superior, visitamos as habitacións da casa, conservadas como cando vivía nelas a familia de Valle-Inclán. Vimos a lareira de pedra, a roca de fiar da criada Micaela La Galana, o comedor familiar... A habitación de don Ramón era sorprendentemente austera: unha pequena cama, un crucifixo de madeira, unha vela na mesa, un retrato do propio Valle-Inclán e, como non, o escritorio do autor, coas cuartillas de papel ben ordenadas enriba da mesa, a pruma, o tinteiro, a pipa de fumar, o exlibris... A Casa do Cuadrante, en conclusión, era a típica casa dunha boa familia galega do século XIX: reloxos de cuco colgados na parede, pratos de porcelana fina, pezas de cerámica de Sargadelos, tazas de tomar o té con asas de bronce, mobles de madeiras nobles ben torneados, quinqués de petróleo nas mesas de mármore, elegantes espellos de cristal, galerías de retratos familiares en branco e negro...


Comedor da familia de Valle-Inclán na Casa do Cuadrante.

Por último, paseamos polo xardín da Casa do Cuadrante, que podería ser calquera dos xardíns modernistas e crepusculares das obras de don Ramón, coas súas fontes barrocas decoradas con sereas e tritóns e coas súas estatuas de deuses esquecidos. Daba gusto camiñar á sombra das ramas das árbores, naquela mañá de principios do mes de setembro, entre camelias traídas de Xapón e magnolios centenarios. De fondo, chegaban os ecos das gaiteiros, que tocaban un pasarrúas con motivo das festas patronais de Vilanova, en honor á Virxe da Pastoriza. 


Busto de don Ramón no xardín da Casa do Cuadrante. 

Para terminar o día visitamos o resto de Vilanova de Arousa, a típica vila mariñeira das Rías Baixas, coas súas casas de pedra de cantería, recubertas algunhas con cunchas de vieiras, agrupadas en rúas estreitas, iluminadas por farois. Había tamén varios cruceiros de granito, tan típicos das Rías Baixas, cicelados por algún canteiro para perdón dos seus pecados. Na Praza do Castro vimos tamén o monumento a Valle-Inclán, sentado nun trono, como un pequeno deus rodeado polos personaxes das súas obras máis importantes: O Marqués de Bradomín da Sonata de Otoño, o Príncipe Verdemar da Farsa de la Cabeza de Dragón, a Mari-Gaila e o Lucero de Divinas Palabras e Max Estrella e don Latino de Hispalis de Luces de Bohemia


Valle-Inclán detrás de Max Estrella e don Latino de Hispalis, protagonistas de Luces de Bohemia.

Antes de volver pasamos polo porto, onde cabeceaban barcas de madeira, con nomes mariñeiros escritos nos seus cascos: Anduriña, Brisa, Cormorán, Serea... Un vello mariñeiro, co rostro moreno curtido polo sol de mil travesías, volvía de faenar no seu barco, despois dun día de traballo na ría, repleta de bateas. Alí, diante das augas da ría de Arousa, encendidas polo sol da tarde, recordei aquel poema de Álvaro Cunqueiro, incluído no seu libro Cantiga nova que se chama Riveira, obra fundamental do neotrobadorismo, un libro que lin o ano pasado por estas datas, antes de comezar o curso. Así, cos versos de Cunqueiro na memoria, marchamos de Vilanova de Arousa, nun solpor que parecía devolvernos ao tempo das cantigas:


Si miña señor á i-alba da Arousa beilar

poñereille, belida, un ventiño no mar.

A dorna vai e vén

que meu amor ten!


Poñereille unha frauta e mais un reiseñor

e unha longa saudade como a do mar maior.

A dorna vai e vén

que meu amor ten!


Na Illa de Cortegada poñereille un galán

por pastor de mareas co seu remo na man.

A dorna vai e vén

que meu amor ten!


Poñereille unha gaita no bico da ría

e unha avelaneira no medio do día.

A dorna vai e vén

que meu amor ten!


sábado, 25 de xullo de 2020

En Padrón con Rosalía

Estamos a 25 de xullo, Día de Galicia. E que mellor maneira de celebralo que visitar á Casa da Matanza de Padrón, hoxe Casa Museo de Rosalía de Castro, a nosa autora máis universal. Baixamos do tren e cruzamos as vías. Chegamos a Casa de Rosalía, que nos recibía coas portas abertas. Avanzamos polos sendeiros do xardín, beirados de camelias e rosas, e despois entramos, como nun templo sagrado, na casa en que deu os seus últimos suspiros Rosalía, a nosa musa das negras sombras e das lágrimas de morriña. 


Entrando na Casa Museo de Rosalía.

Ao chegar, sumámonos a unha visita guiada pola casa e pola vida de Rosalía. A través das explicacións do guía, repasamos a biografía da nosa máis ilustre escritora: a súa infancia na veiga de Padrón, a súa mocidade en Santiago de Compostela, o seu breve paso por Madrid onde casou con Manuel Murguía, a súa estancia na localidade vallisoletana de Simancas (onde escribiu a maior parte dos poemas de "Follas Novas"), os seus últimos anos na Casa da Matanza... Vimos varios manuscritos e varias fotografías familiares da autora. Tamén había un espazo dedicado á figura do marido de Rosalía, don Manuel Murguía, unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XIX, principal artífice do Rexurdimento, autor da monumental "Historia de Galicia".


A emblemática chistera de Manuel Murguía.

A visita guiada chegou ao seu final diante da cama en que, o 15 de xullo de 1885, Rosalía de Castro daba o seu último suspiro neste mundo. O guía contounos a lenda das súas últimas palabras. Parece ser que Rosalía no seu leito de morte, rodeada dos seus fillos, díxolles: "Abride esa fiestra, que quero ver o mar". Esta frase foi durante moitos anos un misterio, un enigma máis da súa vida e obra, como a negra sombra do seu célebre poema. En realidade, non ten ningún misterio porque, aínda que hoxe desde a casa da Matanza non se ve o mar, nos tempos de Rosalía si que se podía ver a ría, navegada por dornas e gamelas coas velas brancas mecidas pola brisa, que Rosalía quería ver por última vez. 


Leito de morte de Rosalía de Castro.

Despois saímos ao balcón, ao que tantas veces se asomaría Rosalía nos seus últimos anos de vida, para contemplar a veiga de Padrón. Ao lonxe, tocaban as campás da colexiata de Santa María de Adina, cemiterio en que descansaron os restos Rosalía antes do seu traslado ao Panteón de Galegos Ilustres. Agora si, chegaba o momento de despedirse. Marchamos no tren de regreso, mentres a Casa da Matanza se desvanecía na distancia, perdida no verdor da veiga padronesa. Hoxe, un ano despois, recuperamos aquela visita a Casa de Rosalía para compartir con vós neste 25 de xullo. Nada máis, amigos. Esperamos que pasedes un Feliz Día de Galicia!


Busto de Rosalía diante da súa Casa Museo.

venres, 24 de xullo de 2020

A Coruña Xacobea

Cuando pensamos en el Camino de Santiago, lo asociamos sobre todo al Camino Francés, que fue durante tantos siglos nuestra principal vía de comunicación con Europa, por la que llegaban la mayor parte de los peregrinos. Pero no podemos olvidarnos tampoco de los caminos del mar. Por estos últimos llegaban los navíos de los peregrinos desde las costas brumosas de las Islas Británicas, que tenían dos vías de entrada a Galicia: Ferrol y Coruña. En esta entrada rastrearemos las huellas del Camino Inglés en nuestra ciudad.


Indicador del Camino de Santiago en la Plaza de Azcárraga.

Para comenzar, nos situamos en la Ciudad Vieja, con sus calles empedradas con olor a salitre, alumbradas por faroles antiguos que le dan un aire romántico, decimonónico. Allí nos orientan las inconfundibles flechas amarillas del Camino, ideadas por el sacerdote gallego Elías Valiña, uno de los grandes artífices de la recuperación experimentada por el Camino de Santiago en el pasado siglo XX. Seguimos la dirección indicada por las flechas, como peregrinos curiosos, y llegamos a la iglesia de Santiago, punto de partida del Camino Inglés. Se trata del templo más antiguo de toda Coruña, levantado en tiempos del rey Fernando II. En el atrio del templo se reunían durante la Edad Media las autoridades del Concello.


La Iglesia de Santiago.

Del templo destaca su fachada principal, románica. En ella se puede ver la figura del Apóstol Santiago, montado sobre su caballo blanco, malparador de morismas. Más arriba, en la arquivolta, están esculpidos los veinticuatro músicos ancianos del Apocalipsis, con sus túnicas delicadas y sus instrumentos divinos, preparados para tocar sus serenatas al Señor. Flanqueando la entrada, se ven las figuras de dos apóstoles, escoltados por ángeles de rostros risueños y cabellos rizados, que se miran frente a frente, como si custodiasen alguna secreta profecía. Uno de los apóstoles, de barbas solemnes y rostro sereno, está sosteniendo su bordón de peregrino, con un libro sobre su cabeza, símbolo de la sabiduría.


Apóstol representado en el templo de Santiago.

Allí, delante de la fachada románica del templo, dorada por los rayos de la tarde, recordé la primera vez que visité Santiago. Tendría seis años más o menos cuando descubrí el milagro de Compostela. Caminaba con mi familia por aquellas rúas de piedra, gastadas por los pasos constantes de los peregrinos durante siglos de peregrinación ininterrumpida. Los rostros de santos y patriarcas esculpidos en las fachadas de granito, las melancólicas campanadas de bronce de la Berenguela, la sonrisa pícara del profeta Daniel en el Pórtico de la Gloria... todos aquellos milagros quedaron para siempre grabados en el corazón estremecido del niño que fui. Con este recuerdo de la infancia,  terminamos nuestro paseo por A Coruña Xacobea, preparándonos para el próximo Año Santo 2021. Delante del templo de Santiago, emprendemos el camino de vuelta, mientras los últimos rayos del atardecer encienden los cristales de las blancas galerías.


Fachada románica del templo de Santiago.

xoves, 16 de xullo de 2020

En San Andrés de Teixido

O pasado sábado, véspera das eleccións autonómicas ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo, visitamos San Andrés de Teixido, "a quen vai de morto quen non foi de vivo". Alí, cabo do mundo, diante dos abruptos acantilados do norte de Galicia, encóntrase este pintoresco santuario, meta da peregrinación máis íntima dos galegos. De camiño, a través do cristal do coche, admiramos a panorámica dos impresionantes acantilados, onde pacen vacas e cabalos bravos, entre cruceiros e petos de ánimas. E, como telón de fondo, o mar da fin do mundo, un cristal azul cortado polo ronsel branco dalgún barco. 


O santuario de San Andrés de Teixido.

E, por fin, despois de dar moitas voltas por pistas con curvas que parecían non acabar nunca, chegamos a San Andrés, que nos recibiu coas súas eternas ráfagas de vento. Adentrámonos na pequena aldea, tomada por turistas que curioseaban nos típicos postos de souvenirs: figuras de cera, ferraduras, chaves da boa sorte, réplicas do santuario, camisetas con símbolos celtas... No centro, esperábanos o santuario, coas súas características paredes brancas e co seu tellado de lousa. Entramos. A luz entraba polas vidreiras do templo, decoradas con escenas bíblicas. Ao pé do altar, había varios exvotos ofrecidos a San Andrés. Había réplicas de barcos, traídas tal vez por algún vello lobo de mar, con mil travesías e tempestades tatuadas no corazón, agradecido a San Andrés por salvalo de morrer afogado. Doume a risa ao ver que tamén había unha L desas que se poñen no coche. Ao mellor se eu tamén me ofrecese a San Andrés non sufriría tanto para aprobar o carnet de conducir.


Crucifixión representada nas vidreiras de San Andrés de Teixido.

Despois paramos diante da Fonte dos Tres Canos. A tradición di que se debe pedir un desexo, beber dos tres canos da fonte e despois tirar unha miga de pan. Se o pan flota, San Andrés concederá o pedido. Despois paseamos por aqueles agrestes cantís, onde medra a tradicional herba de namorar. Segundo outra das moitas tradicións populares relacionadas con este santuario, a persoa que padece mal de amores debe tomar un pouco desta herba de namorar e colocala na faldriqueira do ser amado, para ser así correspondido. Paseamos coa precaución de non pisar ningún animal, nin o máis pequeno, porque poderían ser as almas dos que non peregrinaron en vida, tal vez algún familiar noso reencarnado nunha formiga, que veñen a San Andrés para ser redimidos. Porque a situación deste santuario non é casual. Está neste lugar tan recóndito, na fin do mundo, porque se pensaba que aquí era onde as almas dos mortos, liberadas xa dos seus pecados, partían en barcas de pedra con dirección ao Máis Alá.


A Fonte dos Tres Canos de San Andrés.

Alí, acordeime de Xulio Cuba Orosa, o meu profesor de galego no Instituto Eusebio da Guarda, naqueles días adolecentes pasados á sombra dos magnolios da Praza de Pontevedra. Xulio é autor dun dos poemas máis célebres dedicados a San Andrés, titulado "Romeiro ao lonxe", que foi popularizado pola versión do grupo Luar na Lubre. Aquí vos deixamos o enlace (https://www.youtube.com/watch?v=xgao6FxtMLI) e a letra do poema:

Romeiro hei de ir lonxe ao San Andrés
con herbiñas de namorar,
dareille a quen alén mar está
o aloumiño do meu amor.
Hei de vestir a camisa de liño
que ela teceo para min
con herbiñas de namorar;
anda o lagarto azul e souril
a acaroar mapoulas bermellas,
nacidas de fusís,
co aloumiño do meu amor,
alleo á guerra e ao seu tambor.
Morto ou vivo hei volver á terra
que ela andou canda min
con herbiñas de namorar;
chouta o mascato polo cantil
a vela-lo adro familiar,
ala lonxe, na fin,
co aloumiño do meu amor.
Cabo do mundo, ó pé dun aguillón
doéme a guerra ruín
entre herbiñas de namorar;
corvo mariño voa xentil
o amilladoiro a levantar
e pan santo a colorir
co aloumiño do meu amor.
Romeiro hei de ir lonxe ao San Andrés
con herbiñas de namorar,
dareille a quen alén mar está
o aloumiño do meu amor.

Agora si, cos versos desta canción escritos no corazón, marchamos coa satisfacción da peregrinación cumprida. Xa non temos que volver, aínda que tampouco nos importaría regresar de vivos a este lugar único, un oasis de paz e calma neste mundo convulso que vivimos, un pequeno Paraíso neste frenético século XXI. Subimos ao coche. Detrás quedaba San Andrés, coas súas paredes brancas e cos seus tellados de lousa, golpeados polo vento, asomados ao mar do fin do mundo. E. no ceo daquela tarde de verán, arrastradas polo nordés, as nubes ondeaban como brancos panos de despedida.


Despedida de San Andrés de Teixido.

mércores, 26 de febreiro de 2020

En Ribadavia

Onte, martes de Carnaval, fixemos unha excursión a unha das nosas cidades medievais máis bonitas, antiga capital do Reino de Galicia: Ribadavia. O día amencera cun ceo plomizo, gris, e nos cristais do coche caían monótonas as gotas de chuvia. Pero cando chegamos, nada máis  baixar do coche, parou de chover e saíu unha raiola de sol. Recibiunos a sombría silueta das ruínas do Castelo dos Sarmiento, coas letras do nome de Ribadavia. E diante desta mole de pedras derruídas, que recordan tempos escuros e feudais, contrastaban dúas coloridas figuras de Entroido, mentres os músicos tocaban na veciña Alameda. 


As ruínas do Castelo dos Sarmiento.

Entramos na vila pola parte de detrás do castelo. Saímos á Praza Maior, que estaba totalmente deserta. Comemos nun dos restaurantes dos soportais da Praza. Como non podía ser doutra forma, acompañamos a nosa comida cuns vasos de viño do Ribeiro, que tanta sona lle dan a esta comarca. Mentres comemos, a través do cristal da fiestra do resturante, víamos como na Praza Maior ultimaban os preparativos para celebrar a festa do martes de Carnaval. Hoxe a Praza, deserta, non ten nada que ver coa que acolle multitudes durante os dous grandes eventos da vila: a Festa da Historia e a Mostra Internacional de Teatro. Xa cos ánimos recobrados, estabamos listos para descubrir o casco vello da vila, un dédalo de rúas estreitas de nomes bíblicos. Pasamos pola Praza da Magdalena, polas igrexas de San Xoán e Santiago, pola Casa da Inquisición...


A Igrexa de Santiago de Ribadavia.

Retrocedemos a un mundo perdido, detido no tempo, un mundo medieval de reis destronados, cabaleiros e doncelas, señores e servos, príncipes e mendigos, inquisidores e xudeus. Camiñamos polas rúas de Ribadavia, empedradas con lousas, molladas aínda pola chuvia. As casas teñen balcóns de madeira, adornados con flores, e moitas presentan símbolos hebreos (o candelabro de sete brazos, a estrela de David...). Porque Ribadavia ten unha das xuderías máis importantes da Península. Aquí establecéronse na Idade Media moitos xudeus sefardíes. Ata que co Decreto de Expulsión dos Reis Católicos de 1492 comezaron a ser perseguidos. Por este motivo estableceuse en Ribadavia a sede da Inquisición en Galicia. Da presenza dos xudeus na vila só quedan estes símbolos e tamén "A Tafona de Herminia". Nesta tenda Herminia vende doces hebreos, elaborados segundo as vellas receitas xudías: uns doces deliciosos, tal e como tivemos ocasión de comprobar.


A famosa "Tafona da Herminia" de Ribadavia.

Por último, para despedirnos de Ribadavia, camiñamos polo seu paseo fluvial. O río Avia, afluente do Miño, pasaba lentamente, docemente, rodeado de brancas abidueiras, para morrer no mar da Guarda. Contemplando esta pequena vila escondida nun val, rodedada de montañas e viñedos, costa facerse idea da gran importancia histórica que tivo no pasado: capital de Galicia durante o breve reinado de García (1065- 1071), asaltada polas tropas inglesas do Duque de Lancaster en 1386, determinante na expulsión do exército de Napoleón na Guerra da Independencia... Poderíamos estar paseando toda a tarde polas frescas ribeiras do Avia, pero temos que volver. Cruzamos a ponte para marchar. Polo retrovisor vin como desaparecían as casas de Ribadavia, apiñadas nas ribeiras do Avia, envoltas polo manto gris da orballo naquela tarde de martes de Carnaval.


Vista de Ribadavia desde a Ponte de San Francisco.

domingo, 5 de xaneiro de 2020

Santa María de Melide

Outono: os bosques xa se visten de cores decadentes e, no corazón, os violíns de Verlaine tocan a súa partitura de saudade. Imos pensando todas estas cousas, nesta tarde gris de novembro, mentres nos diriximos a Santa María, un templo románico do século XII, situado no Camiño Francés de Santiago que pasa polo Concello de Melide, moi perto da casa dos meus avós paternos, aquela casa branca dos domingos da miña infancia. Despois de conducir por aquela pista que transcorre polo medio do bosque, chegamos por fin a Santa María, recibidos por un cruceiro rodeado de follas murchas, cando xa se pon o sol no horizonte como unha moeda de ouro vello.


Entrando na Igrexa de Santa María.

Unha vez alí, tras apearnos do coche, atravesamos a pequena cancela de ferro do adro do templo, o que para min foi como abrir a porta da memoria, o baúl dos recordos, ao regresar a aquel lugar tan íntimo que levaba tantos anos sen visitar e que me trae tantas lembranzas: as interminables tardes de domingo, as noites de Fin de Ano compartidas co meu avó, as festas de San Roque no corazón do verán... Mentres recordaba aquela etapa da miña vida, o día despedíase cunha festa de cores no horizonte: verde, esmeralda, laranxa, ocre, púrpura... A luz do solpor póusase nas pedras románicas, que parecen cobrar vida. Camiñamos polos sendeiros do adro, mollados aínda pola chuvia, á sombra alargada dos cipreses. Vemos os preciosos pórticos do templo, xenuinamente románicos, decorados con figuras de cordeiros e follas de palmeiras de Terra Santa, inmortalizados na pedra polo cicel do canteiro medieval.


Un dos pórticos da igrexa de Santa María de Melide.

Ás veces, a chuvia volve caer. Entón reina un silencio de cipreses, interrompido nada máis que polo canto do reiseñor e polos pasos dos peregrinos que pasan por este tramo do trazado do Camiño Francés. Hoxe non pasaron moitos. Tan só vimos unha peregrina, cos ollos azuis e cabelo dourado recollido nunha trenza. Pode que fose francesa, ou inglesa, ou alemá. Quen sabe. O caso é que a mirei pasar, pensando que historias e segredos levaría na súa mochila decorada con vieiras e frechas amarelas, mentres se perdía polo vello sendeiro, entre campos orballados e prados verdes, camiño de Compostela...


Indicador do Camiño de Santiago na aldea de Santa María.

Saímos xa do templo. Unha brétema vermella vaga polos campos durmidos. As primeiras estrelas espéllanse xa nas pozas. Os fogares da pequena aldea de Santa María, que se preparan para as longas noites invernais, encenden os seus farois, Tamén alumean as humildes luces de Nadal. Nós montamos no noso coche. Despedímonos de Santa María de Melide, esa xoia que tantos segredos garda nos seus pórticos. Atrás deixamos as súas pedras románicas, vixiadas polos mudos cipreses, bañadas xa polos raios prateados do luar.


Vista lateral de Santa María de Melide.

luns, 23 de decembro de 2019

A Coruña literaria

A Coruña, a nosa cidade, rebosa literatura. Por iso, propoñémosvos hoxe seguir as pegadas dos nosos escritores máis ilustres. O punto de partido do noso paseo literario non podía ser outro: a Praza de María Pita. Alí, no corazón da cidade, levántase o monumento da coruñesa máis célebre. A nosa heroína sostén a súa lanza co alférez inglés aos seus pés, igual que na batalla de 1589, cando presenciaron as súas fazañas as tropas invasoras de Francis Drake e as naves do corsario tiveron que regresar coas bodegas baleiras, trazando longos ronseis de derrota no mar das Illas Británicas.


Monumento de María Pita. 

Comezamos pois o noso percorrido. O sol da mañá brilla nas cúpulas modernistas do Concello. Cruzamos a Porta Real e adentrámonos na Cidade Vella. Subimos a costa presidida pola igrexa de Santiago, a máis antiga da Coruña, antiga sede do Concello na Idade Media, unha xoia do románico que contempla as galerías da Mariña, acariciadas por brisas mariñas e salpicadas de salitre. Na Rúa Tabernas, na vella casa da señora de Pardo Bazán, ondean as bandeiras da Real Academia Galega. Saímos a Praza de Azcárraga. Nela, á sombra das árbores, a Fonte do Desexo musita vellas cantigas de prata. Ao lado da Praza, na Rúa do Príncipe, vemos a casa na que viviu Rosalía de Castro, a musa das negras sombras e lágrimas de morriña.


A casa na que viviu Rosalía de Castro. 

Poderíamos seguir ata San Carlos, o romántico xardín en que repousan as cinzas de sir John Moore, ou subir a Rúa Damas e ver a Casa Cornide e a Colexiata de Santa María do Campo, mais preferimos regresar a María Pita e perdernos por esas estreitas rúas que rodean a praza (Franxa, Barrera, Florida...). Sempre me chamaron a atención estas rúas, que teñen gravados nas súas lousas, cunha gran variedade de cores e símbolos heráldicos, os escudos e brasóns dos vellos reinos da Península: Portugal, Castela, León, Aragón, Navarra, Cataluña... e, por suposto, o reino de Galicia, presidido polas armas da cidade da Coruña.


Escudo da cidade da Coruña. 

Seguimos polas tabernas da zona dos viños (Rúa do Orzán, da Galera, dos Olmos....), tabernas en que brindaban os membros da bohemia coruñesa, na longa noite de pedra do franquismo. E, sen saber moi ben como, desembocamos na Praza do Humor, a carón do mercado de San Agustín. Esta praza, deseñada polo polifacético Siro López, está dedicada aos maiores representantes do humor na literatura. No chan están debuxados grandes escritores universais (Cervantes, Chejov, Mark Twain...) e galegos (Wenceslao Fernández Flórez, Vicente Risco, Julio Camba...). E tamén, nun dos banco de pedra da praza, agárdanos cos brazos abertos don Álvaro Cunqueiro, o meigo das palabras de Mondoñedo. Poñemos así punto final ao noso paseo. Sentamos á beira de don Ávaro, para falar das cousas boas da vida na Praza do Humor, no corazón da Coruña literaria.


Estatua de Cunqueiro na Praza do Humor.