Estamos a 17 de maio de 2019, Día das Letras Galegas. Desde 1963, cen anos despois da publicación dos "Cantares Gallegos" de Rosalía, celebramos os autores que mantiveron o galego vivo coa súa obra. Esta vez homenaxeamos a Antón Fraguas. Fraguas traballou por Galicia toda a súa vida como xeógrafo, historiador, antropólogo, etnógrafo... Mais é recordado sobre todo por ter sido fundador do Museo do Pobo Galego, institución que conserva con devoción os vestixios do noso pasado.
Escaleira de caracol do Museo do Pobo Galego.
Por iso dirixímonos a Santiago de Compostela para visitar o Convento de Santo Domingo de Bonaval, sede do Museo do Pobo Galego. Os obxectos conservados no museo fálannos da historia do noso pobo: podemos ver as réplicas das dornas en que navegaban os mariñeiros antano polas nosas rías, as zafras e martelos dos ferreiros das nosas aldeas, as fouces e que colleron as mans encallecidas dos nosos antepasados... Por suposto tamén están presentes os elementos festivos: as gaitas que tocaban as vellas alboradas e muiñeiras, as cantigas entoadas polos nosos ancestros, as máscaras dos peliqueiros e cigarróns que brincan polas corredoiras ourensáns...
Traxes tradicionais do Entroido expostos no Museo do Pobo Galego.
Despois de ter percorrido todas as salas do museo, de ter descuberto mellor os segredos da nosa historia, dirixímonos a igrexa do Convento de Santo Domingo de Bonaval, onde descansan as cinzas sagradas dos máis ilustres galegos. Baixamos as características escaleiras de caracol e chegamos ao claustro, onde resoan os cantos dos paxaros e se pousan os derradeiros raios do crepúsculo.
Claustro do Convento de Santo Domingo de Bonaval.
Cun respecto relixioso, entramos na capela. Alí, detras do frío mármore, descansan as cinzas dos fillos máis egrexios de Galicia: Castelao, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Alfredo Brañas, Domingo Fontán... E Rosalía, por suposto. Se non fora por ela non habería Día das Letras Galegas. Diante do seu sepulcro, coa cabeza reclinada, dámoslle grazas a quen máis fixo por Galicia, á nosa musa de tristes suspiros e negras sombras. E dámoslle grazas tamén a Antón Fraguas e a todos os que, como dixo Cunqueiro, fixeron e fan que Galicia dure mil primaveras máis.
Sepulcro de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario