Amosando publicacións coa etiqueta Viaxes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Viaxes. Amosar todas as publicacións

venres, 7 de agosto de 2026

En Santander

Esta primeira semana de agosto, para ver novos horizontes, visitamos Santander. Saímos pola mañá, coas primeiras luces do día, para coller a Autovía do Cantábrico. Tras deixar atrás Galicia, que nos despedía coas néboas de sempre na Ponte do Fiouco de Mondoñedo, avanzamos no coche, cunha vista preciosa: as montañas cubertas por unha boina de néboa gris por un lado, as augas verdosas do mar Cantábrico por outro. En Asturias paramos a tomar un café na estación de Novellana, unha vella coñecida, na que paramos tamén nas nosas anteriores visitas a Gijón e Bilbao. 

Pola tarde, despois de comer nun restaurante de Cabezón de la Sal, chegamos a Santander, onde para chegar ao noso piso vivimos unha Odisea digna de Cristopher Nolan. Pero, coma sempre, a trancas e barrancas, acabamos dando co noso destino, situado na Calle Alta, ao lado do Parlamento de Cantabria. Unha vez instalados, baixamos ao centro da capital cántabra, cunha primeira parada na Praza da Catedral, onde tomamos algo nunha cafetería con vistas á catedral da Asunción e á parroquia do Santísimo Cristo, coas reliquias de San Emeterio e San Celedonio, patróns da cidade de Santander. 


Praza da Catedral de Santander.

Logo seguimos a noso paseo polo centro de Santander: a Biblioteca Menéndez Pelayo, a praza porticada de Velarde, o Paseo de Pereda, os edificios do Banco de Santander, o Centro Botín, a Praza de Puerto Chico coa súa bandeira de España, o Club Náutico, a rúa Castelar, a Avenida Reina Victoria, o Palacio de Festivais, a Escola de Vela Príncipe Felipe... Terminamos a nosa primeira toma de contacto nos xardíns de Pereda, dedicados ao famoso escritor da Montaña. Estábase moi ben alí, á sombra das árbores do xardín, ao lado dun estanque con pasarela, nunha noite de calor tropical: un saxofonista tocaba no paseo marítimo, unha marea humana falaba nas terrazas dos bares e restaurantes e os barcos pasaban en dirección á praia do Puntal, ao porto de Santander ou á estación de Ferry. 

Ao día seguinte, xa máis asentados e cun mapa de Santander conseguido na Oficina de Turismo, terminamos de ver a parte da cidade que nos faltaba. Tras cruzar a Avenida Reina Victoria, entre numerosos hoteis e palacetes modernistas, chegamos ao mar, o verdadeiro corazón de Santander. Dun lado tiñamos a famosa praia de El Sardinero, mentres que do outro tiñamos a península de La Magdalena. Tras aparcar o coche nun parque nas inmediacións do estadio do Racing, un histórico do fútbol español que regresa xunto co Dépor a Primeira División, continuamos a nosa visita, decididos a descubrir os últimos lugares de Santander. Comezamos pola península do Real Sitio de La Magdalena, custodiada pola Casa dos Guardeses. Unha vez dentro, vimos un pequeno parque con pinguíns escondidos e focas nadando, ademais duns barcos cun mascarón de proa con forma de serea. Finalmente, chegamos ao Palacio de La Magdalena, a xoia da coroa, literalmente, porque foi residencia de verán da familia real española nas primeiras décadas do século XX, antes da proclamación da República. Hoxe, coa familia real veraneando no Palacio de Marivent, La Magdalena funciona como centro de cursos de verán da Universidad Internacional Menéndez Pelayo, ademais de como principal atractivo turístico santanderino, punto de partida dos buses turísticos. 


Palacio de La Magdalena de Santander.

Despois de comer nun restaurante da rúa Joaquín Costa, ao lado da exclusiva urbanización Los Pinares, terminamos a nosa visita na praia, mellor dito, nas praias, porque, ademais do emblemático Sardinero, Santander ten numerosas praias urbanas de nomes bonitos: El Camello, La Concha, La Magdalena, Los Bikinis, Los Peligros, El Carmen... Obviamente, como turistas, nós optamos polo Sardinero, ao lado da Praza de Italia, co seu Gran Hotel e co seu Casino que lle dan un aire señorial á capital de Cantabria. Alí démonos un baño no Sardinero, refrescándonos nas augas do mar Cantábrico, mentres viamos a preciosa panorámica da costa da cidade: os acantilados de Costa Quebrada presididos polo Faro de Cabo Mayor, a praia de El Camello, a Illa de Mouro, as torres do Palacio de La Magdalena... Así, despois de bañarnos en El Sardinero, podiamos dar a nosa visita por completada. Non obstante, a min quedábame unha conta pendente: encontrar o monumento de Gerardo Diego, o poeta por excelencia de Santander xunto con José Hierro. Despois de moito buscar, encontreino nun banco da Avenida Reina Victoria, vestido co seu traxe, cun libro de versos na man. A Gerardo Diego, un dos máximos representantes da Xeración do 27, téñolle cariño por dous motivos. En primeiro lugar, por ser un dos grandes mestres do soneto en español, como demostran textos como "El ciprés de Silos" ou o seu libro Alondra de verdad. En segundo lugar, por ser, xunto con Federico García Lorca, un dos poucos escritores do 27 que escribiu sobre Galicia: Lorca coa seus Seis poemas galegos (1935), dos que xa falamos neste blog, e Diego co seu libro Ángeles de Compostela.


Estatua de Gerardo Diego en Santander.

Alí, no banco de Gerardo Diego terminamos a nosa visita por Santander. Despois, para volver ao piso, desandamos o camiño: a praia de El Sardinero, a Avenida Reina Victoria, a praza de Puerto Chico co seu monumento dos Raqueros, o Paseo de Pereda coas súas tendas exclusivas, a Catedral, o Concello, a praza de Numancia, a Alameda de Oviedo, a praza de Juan Carlos I, a Cuesta de las Ánimas, a Calle Alta... Á mañá seguinte madrugamos para deixar as cousas recollidas e para visitar a pintoresca vila de Santillana del Mar, a vila das tres mentiras, antes de volver a casa. Desois de pasar Altamira, coas súas pinturas de arte rupestre, aparcamos ao lado da Oficina de Turismo de Santillana, unha vila medieval con tres prazas: a Plaza Mayor, a Plaza del Abad e a Plaza del Rey. Destes tres centros parten as rúas empedradas desta preciosa poboación, unha das máis bonitas de España, abarrotada de visitantes. Alí, paseando entre as súas casas con escudos nobiliarios e balcóns de madeira, vimos a Torre de Don Borja, a colexiata románica de Santa Juliana, os cabalos e ponys que pastaban nos prados cántabros, o Palacio dos Velarde, o Convento de Santa Clara... Por último, no Museo Jesús Otero vimos unha exposición de cadros de Santillana dun pintor local, un amable señor que nos explicou a súa carreira de máis de medio século como pintor. Gustaríanos quedar máis tempo falando con el, pero facíase tarde para comer. Así que, con esa sensación nostálxica do final das vacacións, subimos ao coche para volver a casa, mentres a chuvia caía no cristal, naquela mañá de agosto. 


O Museo Jesús Otero de Santillana del Mar.

domingo, 5 de xullo de 2026

En Mondoñedo con Cunqueiro

Neste día de principios de verán escribo para recordar unha das nosas visitas a Mondoñedo, a capital da Terra de Miranda, unha das sete provincias históricas do Reino de Galicia. Foi polas vacacións de Carnaval, aínda co sabor das orellas e das filloas, cando Mondoñedo nos recibiu coa súa néboa proverbial, a través da que se podían adiviñar as súas casas de paredes brancas e tellados de lousa, tan típicas da provincia de Lugo, presididas polas torres da súa catedral. Nós aparcamos na Alameda dos Remedios, ao lado do Instituto San Rosendo, e baixamos polas rúas estreitas e silenciosas da vila para desembocar na Praza da Catedral, o corazón de Mondoñedo. 


Vista da catedral de Mondoñedo.

Alí topámonos co monumento do fillo máis ilustre de Mondoñedo, don Álvaro Cunqueiro Mora, unha das figuras máis brillantes da literatura galega. Aquí creo que debemos deternos para falar un pouco máis polo miúdo de Cunqueiro. Nacido en 1911 en Mondoñedo, ao lado da Fonte Vella (onde se pode visitar a súa casa natal), o neno Álvaro tería o seu primeiro contacto coa literatura na botica do seu pai, frecuentada por pintorescos personaxes da comarca que contaban historias de meigas, trasnos, naufraxios. Esta fonte da literatura oral galega sería o primeiro estímulo da imaxinación de Cunqueiro, quen, na súa adolescencia, marchou para Lugo a estudar o Bacharelato. Alí, na cidade das murallas, coñecería da man dun profesor a literatura medieval das cantigas e dos trobadores, un importante descubrimento para aquel adolescente que comezaba a escribir os seus primeiros poemas. 

Con esta formación literaria tan peculiar, que combinaba contos populares con cantigas de amigo, Cunqueiro matriculouse na Universidade de Santiago de Compostela, onde se dedicaría máis á bohemia dos cafés e dos romances que ao estudo das aulas e dos exames. En 1932, con apenas vinte anos, Cunqueiro publicaba Mar ao Norde, con portada de Luís Seoane, ao que seguirían en 1933 Cantiga nova que se chama Riveira, o libro capital do Neotrobadorismo, e Poemas do si e o non, un libro no borde do surrealismo. En 1936 Cunqueiro xa se convertera no "Príncipe dos Poetas de Galicia", a gran promesa da nova literatura galega que se vería truncada pola Guerra Civil. Co golpe de estado de xullo de 1936, Cunqueiro afiliouse á Falange para salvar a vida, pois estaba fichado por participar na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia. Ademais, tivo que abandonar o galego para comezar unha carreira de xornalista en publicacións do novo réxime como Vértice, La Voz de España e o ABC de Madrid, o diario máis importante da España franquista. Non obstante, por culpa dun misterioso incidente coa Embaixada Francesa en Madrid que nunca foi esclarecido, Cunqueiro viu truncada tamén a súa estelar carreira como xornalista, pois o réxime franquista retiroulle o carnet de periodista. Sen traballo, separado da súa muller e sumido nunha profunda depresión, Cunqueiro decide deixar Madrid e volver ao seu Mondoñedo natal para ter unha cura de soidade e silencio. Comezaban os días máis escuros da vida do mindoniense, máis incluso que os da Guerra Civil. 

Nesta situación de crise persoal, Cunqueiro foi salvado polo seu vello amigo Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores da Editorial Galaxia, homenaxeado coas Letras Galegas de 2023. Foi Del Riego quen convenceu a Cunqueiro de volver escribir en galego, pero xa non poesía, senón prosa, narrativa, un xénero que fóra moi pouco cultivado na literatura galega con excepción dos autores do Grupo Nós como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo ou Castelao. Cunqueiro, que sobrevivía como podía mentres paseaba polas rúas solitarias de Mondoñedo, aceptou. Así naceu Merlín e familia (1955), a primeira novela galega de Cunqueiro, seguida de As crónicas do sochantre (1956) e Se o vello Simbad volvese ás illas (1961). Desta forma, Cunqueiro non só saería da súa depresión, senón que se convertiría tamén no principal referente da literatura galega de posguerra, monopolizada pola prestixiosa Editorial Galaxia. Para poñer a guinda desta década prodixiosa da súa carreira literaria, Cunqueiro publicou tamén en 1959 O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, un dos grandes clásicos do teatro galego, estreado por primeira vez no Teatro Colón da Coruña polas festas de María Pita. 

Para terminar con este breve biografía de Cunqueiro, na década dos 60 o mindoniense conseguiu recuperar o carnet de periodista, recuperando con el a súa fonte de ingresos e o seu medio de vida, ademais de converterse no director de Faro de Vigo, cidade onde pasaría os seus últimos anos de vida. Na súa década final participou activamente na vida pública de Galicia: participou na creación da festa do viño Albariño de Cambados, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago, defendeu o Estatuto de Autonomía de Galicia e escribiu a súa última obra, Herba aquí e acolá (1980), editada polo seu amigo Miguel González Garcés, un testamento literario que pon punto final a medio século de creación literaria no que cultivou todos os xéneros en dous idiomas, castelán e galego. Na súa lápida, situada no cemiterio vello de Mondoñedo, está escrito este célebre epitafio: "Aquí xaz alguén que coa súa obra quixo que Galicia durase mil primaveras máis". 


Estatua de Álvaro Cunqueiro.

Pero Mondoñedo non é só Cunqueiro. Por esta vila do Norte de Galicia pasaron, principalmente pola presenza do seu Seminario de Santa Catalina, escritores como Antonio Noriega Varela, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Díaz Jácome, Xosé María Díaz Castro ou Manuel Leiras Pupeiro, un dos máis queridos polos mindonienses polo seu labor como médico dos pobres, o que o convertiría nun santo laico da vila. Leiras Pupleiro, autor dun único libro titulado Cantares Gallegos (1911), atendía sen cobrar aos enfermos con menos recursos da comarca, un traballo filantrópica que lle valeu o respecto e o cariño dos seus paisanos, que levantaron este monumento na súa memoria.


Estatua de Manuel Leiras Pulpeiro.

Por último, para terminar a nosa visita, saímos do centro de Mondoñedo para chegar ao chamado Barrio dos Muíños, famoso polos seus obradoiros de artesanía. Alí encontramos a Ponte do Pasatempo, unha ponte medieval sobre o río Valiñadares vinculada para sempre coa lenda do Mariscal Pedro Pardo de Cela. A lenda di que Constanza de Castro, a muller do Mariscal, volvía da corte cun indulto dos Reis Católicos para o seu marido. Non obstante, ao chegar á Ponte, dous cóengos da catedral entreteron con preguntas á muller, que conseguiu librarse deles, pero demasiado tarde. As campás da catedral tocaban a morto. A lenda di que a cabeza do Mariscal rodou polas lousas da Praza Maior de Mondoñedo mentres os seus labios repetían "Credo, credo, credo". Por iso esta ponte se chama a Ponte do Pasatempo. Ademais, unha cruz de madeira recorda este tráxico suceso, que foi recreado por Ramón Cabanillas e Vilar Ponte na súa peza teatral O Mariscal, unha das primeiras óperas en galego. Así, con esta lenda da historia de Galicia, emprendemos o regreso, mentres Mondoñedo quedaba no seu val silencioso, coas súas casas brancas arredor da catedral, bañada polo sol da tarde. 


A Ponte do Pasatempo de Mondoñedo.

luns, 23 de maio de 2022

En ruta con Cervantes

No mes de marzo do ano 2017, a punto de terminar o noso paso polo instituto, un grupo de estudantes realizamos a coñecida como "Ruta del Quijote", unha ruta literaria que se convertiu xa nun auténtico ritual de despedida para as sucesivas promocións de alumnos do centro. Así que, acompañados polos nosos compañeiros durante todos estes anos de formación e e cun exemplar de El Quijote metido na mochila, subimos ao bus, que nos esperaba no paseo marítimo, e marchamos para realizar a ruta, naqueles días tan raros de despedidas das aulas e de tardes de estudo para preparar o temido exame de Selectividade. 


Estatua de Cervantes en Argamasilla de Alba.

A primeira parada foi Madrid. Alí, na capital española, paramos no Museo del Prado, a pinacoteca barroca máis importante do mundo, que visitei por primeira vez aquela tarde. Unha vez dentro, tras esperar varios minutos nas interminables colas de turistas que se formaban nas inmediacións do museo, puidemos ver algunhas das súas obras máis famosas: El jardín de las delicias de El Bosco, Carlos V en Mulhberg de Tiziano, Los fusilamientos del 2 de mayo de Goya, Adán y Eva de Durero... Finalmente, tras deambular entre retratos de validos e reis de España, chegamos ao principal reclamo da pinacoteca: Las Meninas de Velázquez, que contemplamos en silencio, molestados por uns incómodos turistas asiáticos que non tiñan reparos en propinarnos codazos para conseguir os mellores ángulos nas súas fotografías. Despois de visitar o Museo, onde nos quedaron tantos cadros aínda por descubrir, o resto da tarde pasámola paseando por algúns dos lugares máis castizos do centro do vello Madrid, como a recoleta Plaza de la Villa, que ten no centro a estatua do célebre mariño español don Álvaro Bazán, Marqués de Santa Cruz e Almirante da Armada Española na Batalla de Lepanto. 


A preciosa Plaza de la Villa de Madrid.

Ao final do día subimos ao bus, que nos esperaba na rotonda da estación de Atocha, e chegamos a Toledo, o lugar onde nos hospedamos, que nos recibía cunha espectacular panorámica: as casas presididas pola silueta do Alcázar, as luces que se duplicaban nas augas do río Tajo, a torre da catedral que parecía sacada dun cadro do Greco... Tras esta primeira toma de contacto coa cidade, instalámonos no noso hotel "Los Cigarrales", onde pasamos a nosa primeira noite. Ao día seguinte, cos primeiros raios de sol, cruzamos a Ponte de San Martín e subimos para visitar os monumentos máis importantes: o Monasterio de San Juan de los Reyes cos seus preciosos claustros góticos, a Casa Museo del Greco, o Museo Sefardí, a catedral.... Subimos polas rúas empinadas e laberínticas do centro de Toledo, entre torres de vellas igrexas, sinagogas e mesquitas. Despois de comer na céntrica Praza de Zocodover, terminamos a nosa visita no Alcázar, onde visitamos o "Museo del Ejército Español", en que se podían ver uniformes de militares de todas as épocas e se explicaba a toma de Toledo por Franco na Guerra Civil. Para terminar o día, asomados ao mirador do patio do Alcázar, ao lado da estatua do Emperador Carlos V, contemplamos as impresionantes vistas de cidade, que parecía sacada dun soño naquela tarde de marzo.


A catedral de Toledo.

O seguinte día foi para visitar unha serie de pequenos lugares vinculados á novela de Cervantes, aldeas do corazón da Mancha, perdidas entre campos dourados polo sol e brancos muíños de vento: Argamasilla de Alba, Alcázar de San Juan, Puerto Lápice, El Toboso, Consuegra, Montiel, Ruidera, Daimiel... Despois de comer nun local típico manchego, rodeados de camioneiros que recobraban forzas, pola tarde chegamos a Villanueva de los Infantes, a localidade máis grande de todas as que visitamos neste día tan intenso, onde están enterrados os restos do escritor Francisco de Quevedo y Villegas. Por último, como punto final do noso periplo polo corazón da Mancha, terminamos o día noutro dos lugares máis míticos da literatura española: o teatro de Almagro, único corral de comedias da Penínusla que se conserva como no século XVII: as butacas de madeira, as tramoyas, as cortinas, os cubos de metal cos que os asistentes sacaban auga do pozo para beber durante os entremeses...


Entrada do corral de comedias de Almagro.

O último día da ruta, antes de volver a Coruña, paramos por segunda vez en Madrid, concretamente no vello Madrid dos Austrias, ese Madrid en que se publicou en 1605, na imprenta de Juan de la Cuesta, a primeira parte de El ingenioso hidalgo Don Quijote de La Mancha de Miguel de Cervantes Saavedra. Así que, naquela mañá de soleada de marzo, visitamos os lugares máis emblemáticos do Madrid austríaco: o Palacio Real, a catedral de La Almudena, a Praza Maior, as estatuas dos reis godos na Praza de Oriente... Visitamos tamén o Barrio das Letras, onde coincidiron no século XVII os grandes autores do Século de Ouro español, como Lope, Quevedo, Góngora, Calderón ou o propio Cervantes. Tamén vimos a estatua doutro dos grandes escritores da literatura española: Federico García Lorca, inmortalizado na céntrica Praza de Santa Ana, enfrente do Teatro Español.


Estatua de Lorca na Praza de Santa Ana de Madrid.

Por último, despois de comer nun dos carísimos restaurantes da Praza Maior, terminamos a nosa ruta na Praza de España, corazón de Madrid. Alí, aos pés do monumento de Cervantes e das estatuas de Don Quijote e Sancho Panza, sacamos todos xuntos a tradicional fotografía de familia, para poñer o punto final á nosa ruta. Antes de subir ao bus aínda curioseamos polos postos de libros instalados na praza, onde ten lugar a Feira do Libro de Madrid cada 23 de abril, dia da morte de Cervantes. E, finalmente, nos últimos compases daquela tarde madrileña, subimos ao bus de regreso para Coruña. Volvemos todos en silencio, melancólicos, cun pouso de melancolía no corazón, con esa sensación tan desagradable das despedidas. Desde o meu asento, que me tocou compartir co meu compañeiro Carlos, miraba como pasaban detrás do cristal as nubes, ondeando no ceo como brancos panos de despedida. 


O monumento a Cervantes na Praza de España, punto final da ruta.

venres, 29 de abril de 2022

En Salamanca

Este mes de maio cúmprense tres anos do nacemento deste pequeno blog, desta humilde bitácora creada por dous vellos amigos, camaradas desde que corríamos cos nosos mandilóns verdes no patio do colexio Eusebio da Guarda, para compartir os seus escritos. Así que, para celebrar este inesperado terceiro aniversario, queremos reactivar este espazo de creación que fomos abandonando nos últimos anos, ao noso pesar, por causa de compromisos académicos e falta de tempo. E, nesta nova entrada, queríamos recordar unha visita que realizamos á cidade de Salamanca, na Semana Santa do ano 2018, cando non podiamos nin imaxinar o mundo de pandemias e de guerras que nos esperaba no futuro.


Subindo pola Calle de la Compañía de Salamanca.

Agora, catro anos despois, podo recordar ir no coche naquela mañá, coa chuvia caendo no parabrisas. Despois de varias horas conducindo, cruzamos o túnel que separa Galicia de Castela e León e saímos  por fin da nosa comunidade, que nos despedía coa silueta redondeada das súas montañas, ocultas detrás do manto gris do orballo. Despois avanzamos pola provincia de León e deixamos atrás Zamora, unha cidade que parece durmida nun soño de romances e crónicas esquecidas, bañada polo río Duero. A medio camiño, paramos a comer en Morales del Vino, unha pequena localidade da provincia de Zamora, un deses lugares fantasma da "España vaciada". E, pola tarde, chegamos por fin a Salamanca, acompañados sempre pola chuvia, que non se separou de nós desde que saímos de Galicia. Alí, na capital salmantina, instalámonos no hostal Albero, situado na Plaza de las Carmelitas, en pleno centro da cidade do Tormes. 


Monumento do Lazarillo co cego na entrada de Salamanca.

Tras aparcar, cargados coas nosas mochilas e coas nosas maletas, subimos as sombrías escaleiras que conducían ao piso do hostal, onde fomos recibidos por un recepcionista moi amable, casualmente tamén galego, que nos falou con morriña da súa familia de Arteixo. Unha vez dentro, o noso paisano mostrounos as nosas habitacións e deunos tamén un mapa turístico cos lugares de maior interese do centro de Salamanca. Así, despois de instalarnos, saímos para ter a nosa primeira toma de contacto, naquela tarde de chuvia, cos lugares máis emblemáticos da capital salmantina: o Convento das Úrsulas, o Palacio de Monterrey, o monumento de Don Juan de Austria, o convento de San Esteban, a torre do convento da Clerecía, a Calle de la Compañía, a catedral, a Torre del Clavero, a Plaza de Anaya coa súa prestixiosa Facultade de Filoloxía Hispánica, a famosa Casa de las Conchas repleta de turistas que tomaban fotografías para subir as súas redes sociais... 


A "Casa de las Conchas" de Salamanca.

Terminamos o noso primeiro paseo, como non podía ser doutra forma, na célebre Praza Maior de Salamanca, coas súas fachadas churriguerescas e coas súas efixies de personalidades destacadas da Historia de España. Alí, naquela praza rectangular repleta de bandeiras españolas ondeando nos seus balcóns dourados, entramos no Café Novelty, un lugar que evoca ese desparecido mundo dos cafés literarios de antano: mesas de mármore cubertas con periódicos que xa ningúen lee, espellos de cristal gastados polo tempo, unha galería de fotografías antigas de Salamanca, fichas de dominó, taboleiros de xadrez que esperan por alguén que os saque do abandono das súas esquinas... Nunha das mesas do café, sentado coas súas míticas gafas escuras, encontramos a monumento de don Gonzalo Torrente Ballester, outro paisano galego por terras salmantinas. Torrente, autor dalgunhas das novelas máis importantes da literatura española do pasado século XX, era un asiduo das tertulias deste café, onde pasou a maior parte dos seus últimos anos, despois de xubilarse como profesor de español nun instituto da cidade. Alí, sentados ao lado do monumento do novelista de Ferrol, tomamos un café, o café máis caro da nosa vida, polo que nos meteron un sablazo que case nos quedamos tan fríos como a estatua do escritor. 


A famosa Praza Maior de Salamanca.

Despois de comer, para terminar de descubir o casco histórico da cidade, visistamos o outro gran emblema de Salamanca: a súa Universidade, a máis antiga en activo de toda España.  Diante da súa fachada, fotografiada por unha multitude de turistas que trataban de encontrar a famosa rana que segundo a tradición universitaria augura éxitos académicos aos estudantes, vimos a estatua de Fray Luis de León, un dos moitos autores ilustres que pasaron polas aulas salmantinas. Porque Salamanca, para un estudante de hispánicas coma min, é un auténtico paraíso, polo que pasaron algunhas das figuras máis importantes da literatura española: Fernando de Rojas, Cervantes, Fray Luis de León, Diego Torres de Villarroel, José de Espronceda, Gonzalo Torrente Ballester, Carmen Martín Gaite... Ademais, esta cidade de pedras douradas foi tamén escenario dalgunhas das obras capitais da literatura en lingua castelá, obras ambientadas en lugares que se poden visitar actualmente, como o "Huerto de La Celestina", onde Calixto ve por primeria vez a súa amada Melibea ao entrar perseguindo un falcón, ou a famosa ponte romana sobre o río Tormes, o lugar onde o inocente Lázaro recibe esa dolorosa primeira lección de vida por parte do astuto cego... 


Estatua de Fray Luis de León diante da fachada da Universidade de Salamanca. 

Por Salamanca tamén pasou Miguel de Unamuno, o reitor máis ilustre da historia da Universidade. Aquí, nesta cidade de pedras douradas, o escritor vasco encontrou por fin o seu lugar no mundo, exercendo durante décadas como catedrático de grego, converténdose nun dos profesores máis admirados e queridos polos alumnos do claustro universitario salmantino. Precisamente no paraninfo da Universidade de Salamanca tivo lugar o seu famoso enfrontamento co fundador da Legión Española, o coruñés Millán Astray, autor do tristemente célebre grito de "¡Viva la muerte! ¡Muera la inteligencia!". Despois deste episodio de valentía, que o situou no punto de mira das novas autoridades franquistas, Unamuno pasou os seus últimos días apartado do seu cargo, recluido na súa casa de Salamanca, arrepentido de ter apoiado o golpe de estado que vía como a única oportunidade de traer orde fronte o caos en que estaba sumida a República. Ese foi o triste final de don Miguel, que faleceu na coñecida como "Casa de las Muertes", un edificio decorado con calaveiras e figuras macabras na súa fachada. Alí, diante da casa en que faleceu naquel fatídico verán de 1936, pódese ver un monumento do escritor bilbaíno, inmortalizado na súa pose máis característica, coas mans entrelazadas detrás da espalda, vestido completamente de negro, como unha especie de asceta moderno. 


Estatua de Miguel de Unamuno no Campo de San Francisco de Salamanca. 

Por último, para concluir a nosa estancia en Salamanca, asistimos ás procesión de Semana Santa. Alí, na noite salmantina, repleta de misterio, presenciamos aquel espectáculo propio da España máis tradicional, un espectáculo que parecía sacado dun videoclip de C Tangana: a talla do Señor coas mans atadas a quen dous soldados romanos conducían á morte nos cumes do Calvario, os disciplinantes vestidos con capuchas e túnicas moradas que portaban nas mans cirios de luz vacilante, o retumbar solemne dos tambores que rompían aquel silencio relixioso, os devotos católicos que seguían como formigas os pasos das figuras enlutadas... Así, seguindo nós tamén a procesión polo centro da cidade, nas inmediacións da catedral, escribimos o punto final á nosa visita. Por último, ao final da ceremonia, volvemos ao hostal polas fantasmagóricas rúas de Salamanca, iluminadas por farois anacrónicos, mentres a silueta da lúa chea asomaba sobre a torre da catedral, naquela noite de Xoves Santo. 


A torre da catedral de Salamanca coa lúa de fondo.

sábado, 16 de abril de 2022

Monforte de Lemos

Este Venres Santo de 2022, para tomarnos un merecido descanso polas nosas vacacións de Semana Santa, visitamos Monforte de Lemos, a capital da Ribeira Sacra, unha das cidades máis importantes do Reino de Galicia na Idade Media. Alá fomos en tren desde Coruña, nun traxecto que se converteu nunha auténtica odisea, en que tivemos que ser trasladados en autobús por culpa dunhas inoportunas obras nas vías férreas. Por fin, tras dar rodeos por diversas paradas da provincia de Lugo, conseguimos chegar a estación de ferrocarril de Monforte, unha das máis importantes de Galicia no pasado. Nada máis chegar, subimos polo parque do castelo, á sombra fresca das árbores, que nos defendían do calor do sol mañá de abril. Coa chaqueta nos brazos, cansados pola pronunciada pendente da subida, chegamos por fin á torre do homenaxe do castelo dos Condes, o símbolo por excelencia de Monforte, que domina coas súas ameas as terras fértiles e vinícolas do val de Lemos, famosas polo viño de Amandi, que se podían contemplar desde o mirador do monte de San Vicente. 


A torre do homenaxe do castelo dos Condes de Lemos.

Unha vez completada a nosa ascención, entramos pola cancela metálica, presidida por un escudo heráldico decorado con elmos de cabaleiros medievais e cabezas de lobos, e subimos as escaleiras do torreón, morada da poderosa familia dos Castro. Dentro, despois de pagar as entradas, visitamos as estancias da torre, que conservaban os obxectos da época en que vivían nela os condes: armarios de madeira ben traballada, armaduras de metal decoradas con elegantes deseños trazados pola man paciente do orfebre, alabardas de puntas afiadas, unha lareira... En cada planta podíanse ver tamén carteis explicativos sobre a historia da torre: textos que explicaban a organización da sociedade estamental, os deberes de cada unha das tres clases sociais (laboratores, oratores e bellatores), a árbore xenealóxica da poderosa familia de Castro titular do Condado de Lemos, retratos de reis hispánicos, fotografías de cartas e documentos medievais, explicacións sobre a importancia da comunidade xudía en Monforte, unha crónica do papel desempeñado polos Condes de Lemos durante as Guerras Irmandiñas... Terminamos a visita no alto da torre, contemplando, con algo de vértigo para ser sinceros, a panorámica das terras verdes e suaves, sen montañas, do val de Lemos. 


Entrada da torre do homenaxe dos Condes de Lemos.

Despois de visitar a torre, vimos tamén os lugares que rodean a fortaleza (o Palacio dos Condes de Lemos, o Mosteiro de San Vicente do Pino), para despois deambular polo antigo barrio xudío de Monforte, onde residían os sefardís antes da súa expulsión en 1492. Despois de familiarizarnos con este lugar anacrónico, descendimos á parte inferior de Monforte, tan animada, invadida por multitudes de turistas que tomaban algo nas terrazas da Praza de España. Despois de comer, terminamos a visita noutro dos lugares máis emblemáticos de Monforte: o Colexio de Nuestra Señora de la Antigua, actualmente os Escolapios. Trátase dun magnífico edificio de estilo herreriano, pouco frecuente en Galicia, que coas súas sobrias fachadas e cúpulas parece evocar El Escorial. Fundado polo cardeal Rodrigo de Castro como centro de formación da comarca, o edificio foi administrado nun principio pola poderosa Compañía de Xesús, creada polo vasco Ignacio de Loyola, unha das ordes máis poderosas do clero católico. No interior do edificio, actualmente propiedade dos Padres Escolapios, expónse tamén a magnífica colección pictórica dos Condes de Lemos, que conta con obras maestras da pintura barroca. 


Fachada herreriana de Nuestra Señora de la Antigua.

Por último, despois de comer, paramos no Parque dos Condes, ao lado da Compañía. Alí, vimos como nadaban os patos no pequeno estanque, do que por veces saín chorros de auga disparados por un surtidor. Tamén vimos un monumento de Pedro Fernández de Castro, séptimo Conde de Lemos e gobernador de Nápoles, unha das personalidades máis importantes da España da súa época, ademais de mecenas dos grandes autores do Século de Ouro español como Cervantes, Quevedo, Góngora, os irmáns Argensola ou Lope de Vega, que foi o seu secretario privado no Madrid dos Austrias. Ademais, o Gran Conde de Lemos foi un dos primeiros defensores do Reino de Galicia contra a "leyenda negra" que o pintaba como un lugar atrasado, inculto, miserable. O Conde incluso chegou a escribir unha obra titulada "El búho gallego haciendo corte con las demás provincias de España", en que o Reino de Galicia, encarnado polo personaxe do búho (o animal sabio por excelencia), se defende dos ataques do resto de reinos e provincias de España. Para honrar a memoria deste fillo ilustre, o concello de Monforte colocou no centro da vila un busto de bronce, que representa a este Grande de España, vestido coa típica "lechuguilla" tan usada pola nobreza española, coa cruz de Calatrava bordada no peito da súa armadura. 


Busto de Pedro Fernández de Castro, Gran Conde de Lemos.

E, por último, despois de ver os principais monumentos de Monforte, regresamos ao barrio da estación de ferrocarril para tomar o tren para Coruña. De camiño, pasamos tamén polo barrio do malecón, coas súas casas abandonadas e derruídas, con vistas ao río Cabe, polo que nadaban os patos e se miraban os sauces choróns. Arriba, no alto de Monforte, podíase ver a silueta da torre dos Condes, dominando todo desde as alturas, engalanada cun pendón con motivo da Feira Medieval que tería lugar o fin de semana. Así, paseando polo parque fluvial do río Cabe, coa vista de fondo das cúpulas de Santa María de la Antigua, despedímonos de Monforte naquela tarde soleada de Venres Santo.


O Parque dos Condes de Monforte de Lemos.


mércores, 3 de xuño de 2020

En León

Antes de nada, esperamos que tanto vós como as vosas familias vos encontredes ben. Esta crise de coronavirus non nos permite facer todas as viaxes que tiñamos preparadas, así que neste post queríamos compartir con vós unha visita que fixemos á cidade de León hai xa dous anos, na Semana Santa de 2018, de regreso de Salamanca. Saíramos pola mañá cedo da cidade das pedras douradas. Atrás deixamos Zamora, durmida nun sono de vellos romances e crónicas esquecidas, arrolada polas augas do río Duero, que serpentea por aquelas planicies casteláns con sede de morrer no mar saudoso de Portugal.


A catedral de León.

Chegamos a León ao mediodía. Despois de aparcar o coche, sen saber moi ben a onde ir, deambulamos un pouco polo centro (a casa Botines, o monumento a Gaudí, o Barrio Húmedo...). Paseamos por rúas estreitas, cruzándonos con viandantes cos rostros colorados polo frío. Por fin, encontramos o que buscabamos: a Praza da Catedral. As súas torres góticas recibíannos solemnes, brancas, como dúas afiadas agullas de prata que quixesen tocar o ceo daquela mañá, dun azul tan puro que parecía pintado pola man inocente dun neno. Entramos por unha porta que representaba a Virxe co Neno no colo, escoltada por anxos de cabelos rizados e rostros sorrintes. Dentro do templo, as famosas vidreiras da catedral leonesa proxectaban unha película de cores imposibles e luz divina: espiñas de rosas sagradas, escenas bíblicas, santos de longas e brancas barbas, reis de mantos delicados e coroas douradas, anxos preparados para tocar as trompetas do Xuízo Final, cálices que gardan o sangue do Señor... Mentres vagaba na penumbra das bóvedas do templo, bañadas por aquela luz irreal, non podía deixar de recordar aquel precioso fragmento de "La lámpara maravillosa" (1916) do noso paisano Ramón del Valle-Inclán:
Recuerdo también una tarde, hace muchos años, en la catedral leonesa. Yo vagaba en la sombra de aquellas bóvedas con el alma cubierta de lejanas memorias. Ya entonces comenzaba mi vida a ser como el camino que se cubre de hojas en Otoño. Había entrado buscando un refugio, agitado por el tumulto angustioso de las ideas, y de pronto mi pensamiento quedó como clavado en un dolor quieto y único. La luz en las vidrieras celestiales tenía la fragancia de las rosas, y mi alma fue toda en aquella gracia como en un huerto sagrado. El dolor de vivir me llenó de ternura, y era mi humana conciencia llena de un amoroso bien difundido en las rosas maravillosas de los vitrales, donde ardía el sol. Amé la luz como la esencia de mí mismo, las horas dejaron de ser la sustancia eternamente transformada por la intuición de los sentidos, y bajo el arco de la otra vida, despojado de la conciencia humana, penetré cubierto con la luz del éxtasis (Valle- Inclán, 1916: 44).

Escultura da Virxe co Neno nunha das portas da catedral de León.

Despois de contemplar o milagre das vidrieiras da catedral de León, que teñen unha ben merecida fama, buscamos un lugar para comer. Tardamos bastante, por que o restaurante en que paramos estaba de inauguración. Os empregados parecían bastante inexpertos e caeulles a comida varias veces. Aínda así, víase que eran boa xente e o sabor da comida compensou a espera. Así que tras repoñer forzas, retomamos a nosa visita (sen rumbo marcado) e chegamos á Praza de San Isidro. Dentro da basílica do mesmo nome está unha das xoias da cidade: o Panteón Real, considerado por moitos a "Capela Sixtina" da arte románica. Nel están enterrados varios membros da familia real como Fernando I de León e o seu fillo García, considerado como o último rei de Galicia. Alí, debaixo das bóvedas e das pinturas románicas, os vellos monarcas do pasado descansan das longas campañas e batallas da Reconquista.


A Praza de San Isidoro de León.

Por último, nos momentos finais da tarde, chegamos ao convento de San Marcos, no trazado do Camiño Francés de Santiago. Este edificio, un dos máximos exemplos da arquitectura renacentista en España, tivo usos moi diversos ao longo do tempo. Ademais de convento, ao longo da súa historia foi prisión (un dos seus presos máis famosos foi o escritor Francisco de Quevedo), Cuartel de Cabalería do Exército e campo de concentración de presos republicanos durante a Guerra Civil Española. Na actualidade é un Parador de Turismo. Diante do convento, apoiado nun cruceiro, descansaba do seu camiñar un peregrino de bronce. Sentamos con él para descansar un pouco, despois de camiñar todo o día. Ao lonxe, as campás da catedral cantaban coa súa grave voz de bronce, tam, tam, tam... Alí, diante do convento de San Marcos, envolto pola néboa dourada do solpor, despedímonos de León cun pouso de saudade no corazón e marchamos, tamén como vellos peregrinos, camiño de Galicia...


Monumento ao peregrino na Praza de San Marcos de León.