sábado, 27 de xullo de 2019

"La Galice" de Jean Dieuzaide

O pasado mes de Nadal, cando xa chegaran os fríos invernais ao meu retiro de Sobrado dos Monxes, viñeron a quentar o meu corazón as fotografías de Jean Dieuzaide sobre Galicia. Foi un gran descubrimento para min "La Galice", un ábum en que Yan (así firmaba moitos dos seus traballos este fotógrafo) soubo captar de forma maxistral a esencia do pobo galego.


Portada do libro "La Galice" de Jean Dieuzaide.

Jean Dieuzaide foi un recoñecido fotógrafo francés, un dos máis importantes do século XX. Naceu na na cidade de Grenade, ao sur de Francia. Entre 1958 e 1961 viaxou pola Península coa súa cámara. Viaxou polo sur de España, seducido quizais por esas fantasías de monarcas destronados e princesas mouras que tanto cautivan aos extranxeiros que visitan Andalucía. Tamén retratou Portugal, o país irmán, a patria dos grandes navegantes e das ondas da saudade. E, como non, tamén lle dedicou unha boa parte das súas fotografías a Galicia, a pequena Francia. 


Vista da Berenguela desde a Vía Sacra de Santiago de Compostela.

Nestas fotografías galegas de Jean Dieuzaide podemos ver a realidade da nosa terra na década dos 60: mulleres vestidas con roupas de loito, estudantes paseando polas rúas molladas de Compostela, carros cargados con algas e sargazos nas praias da Toxa, os emblemáticos hórreos de Combarro, as ruínas do Castelo dos Sarmiento de Ribadavia, dúas siluetas escuras rezando na capela do Monte de Padrón, un crego camiñando diante da catedral de Mondoñedo...e sempre rostros tráxicos mirando a cámara. Son instantáneas en branco e negro tomadas na década dos 60, un tempo no que Galicia vivía presa nesa longa noite de pedra que foi o franquismo.


Os hórreos de Combarro fotografados por Jean Dieuzaide no 1961.


En 2002, un ano antes de que Jean Diuzaide nos deixase con 82 anos na cidade de Toulouse, o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) publicou "La Galice de Jean Dieuzaide", un libro conmemorativo da viaxe do fotógrafo francés. Nel están incluídas as 68 fotografías que tomou Yan na súa viaxe por Galicia. Recomendámosvos de todo corazón que busquedes este libro. Trátase dunha verdadeira xoia que nos permite coñecer o noso pasado máis recente da man dun dos fotógrafos máis ilustres do pasado século. Son 68 anacos da nosa memoria, 68 imaxes que nos falan dun dos tempos máis duros da nosa historia. Un tempo duro, de pobreza, de corazóns tristes e silencio, de emigrantes que marchaban moi lonxe cara países soñados en barcos que trazaban no mar ronseis de morriña. En fin, tempos duros, mais nos que o noso pobo sempre sabía encontrar un momento para sorrir á vida.


Un grupo de nenos xogando nas rúas de Ribadavia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario