luns, 22 de xullo de 2019

Lorca, poeta galego

Federico García Lorca, o poeta dos romances xitanos e das lúas de Granada, tamén escribiu poemas en galego. Das súas estadías en Galicia naceron os versos dos seus "Seis poemas galegos", unha das xoias de literatura galega, publicados en 1933 pola Editorial Nós de Ánxel Casal. Nestes poemas o membro da Xeración do 27 soubo captar a danza das pingas do orballo nas herbas dos nosos campos e máis a solemnidade das torres de Compostela.


Unha das ilustracións que acompañan aos seis poemas de Lorca.

Federico viaxou dúas veces a Galicia. A primeira foi no 1916, nunha viaxe de fin de curso cos seus compañeiros da Universidade de Granada. Desta primeira viaxe nacería "Impresiones y paisajes", o primeiro libro publicado polo de Fuentevaqueros. Así comezou a relación de Lorca con Galicia, que xa non faría máis que medrar: mergulla na poesía medieval dos Cancioneiros galego-portugueses, le as obras de Valle-Inclán e Rosalía...


Caricatura de Federico García Lorca realizada polo autor.

En 1932, nos tempos da Segunda República, regresaba como director da compañía teatral "La Barraca". Actúan en diferentes localidades galegas (Vilagarcía, Redondela...) e rematan na Praza da Quintana de Santiago. Nesta segunda visita nacerían os "Seis poemas galegos". Estes seis poemas son "Madrigal á cibdá de Santiago", un canto das rúas milenarias e das pedras molladas de Compostela; "Romaxe de Nosa Señora da Barca", dedicado á romaría do santuario da Virxe da Barca de Muxía, unha das máis concorridas da Costa da Morte; "Cantiga do neno da tenda", unha homenaxe aos emigrantes galegos en América, que cruzaron o mar deixando ronseis de morriña; "Nocturnio do adolescente morto", que narra a morte dun xoven afogado nun río da montaña; "Danza da lúa en Santiago", en que retoma unha vez máis o motivo da lúa tan tratado na poesía lorquiana; e "Canzón de cuna pra Rosalía de Castro, morta", un fermoso poema dedicado a Rosalía, a nosa triste Musa de negras sombras que Federico consideraba a súa "hermana en tristeza".


Ilustración do poema "Canzon pra Rosalía de Castro, morta".

En 2004, a Editorial Camiño do Faro publicou unha fermosa edición ilustrada dos "Seis poemas galegos" de Federico García Lorca. Recomendámosvos que busquedes esta edición recente, cun prólogo de Francisco Umbral. Con estes seis poemas descubriredes que Federico soubo captar a esencia de Galicia. O de Granada foi, como o rei don Alfonso X "O Sabio" desde Toledo, un deses autores universais que demostrou que o galego non coñece fronteiras. Quen sabe se, de non ser polo golpe fascista que acacabou coa súa vida na localidade granadina de Viznar, non nos tería regalado máis poemas na nosa lingua Federico García Lorca, poeta galego. 


Portada de "Seis poemas galegos" de Federico García Lorca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario