Neste día de principios de verán escribo para recordar unha das nosas visitas a Mondoñedo, a capital da Terra de Miranda, unha das sete provincias históricas do Reino de Galicia. Foi polas vacacións de Carnaval, aínda co sabor das orellas e das filloas, cando Mondoñedo nos recibiu coa súa néboa proverbial, a través da que se podían adiviñar as súas casas de paredes brancas e tellados de lousa, tan típicas da provincia de Lugo, presididas polas torres da súa catedral. Nós aparcamos na Alameda dos Remedios, ao lado do Instituto San Rosendo, e baixamos polas rúas estreitas e silenciosas da vila para desembocar na Praza da Catedral, o corazón de Mondoñedo.
Alí topámonos co monumento do fillo máis ilustre de Mondoñedo, don Álvaro Cunqueiro Mora, unha das figuras máis brillantes da literatura galega. Aquí creo que debemos deternos para falar un pouco máis polo miúdo de Cunqueiro. Nacido en 1911 en Mondoñedo, ao lado da Fonte Vella (onde se pode visitar a súa casa natal), o neno Álvaro tería o seu primeiro contacto coa literatura na botica do seu pai, frecuentada por pintorescos personaxes da comarca que contaban historias de meigas, trasnos, naufraxios. Esta fonte da literatura oral galega sería o primeiro estímulo da imaxinación de Cunqueiro, quen, na súa adolescencia, marchou para Lugo a estudar o Bacharelato. Alí, na cidade das murallas, coñecería da man dun profesor a literatura medieval das cantigas e dos trobadores, un importante descubrimento para aquel adolescente que comezaba a escribir os seus primeiros poemas.
Con esta formación literaria tan peculiar, que combinaba contos populares con cantigas de amigo, Cunqueiro matriculouse na Universidade de Santiago de Compostela, onde se dedicaría máis á bohemia dos cafés e dos romances que ao estudo das aulas e dos exames. En 1932, con apenas vinte anos, Cunqueiro publicaba Mar ao Norde, con portada de Luís Seoane, ao que seguirían en 1933 Cantiga nova que se chama Riveira, o libro capital do Neotrobadorismo, e Poemas do si e o non, un libro no borde do surrealismo. En 1936 Cunqueiro xa se convertera no "Príncipe dos Poetas de Galicia", a gran promesa da nova literatura galega que se vería truncada pola Guerra Civil. Co golpe de estado de xullo de 1936, Cunqueiro afiliouse á Falange para salvar a vida, pois estaba fichado por participar na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia. Ademais, tivo que abandonar o galego para comezar unha carreira de xornalista en publicacións do novo réxime como Vértice, La Voz de España e o ABC de Madrid, o diario máis importante da España franquista. Non obstante, por culpa dun misterioso incidente coa Embaixada Francesa en Madrid que nunca foi esclarecido, Cunqueiro viu truncada tamén a súa estelar carreira como xornalista, pois o réxime franquista retiroulle o carnet de periodista. Sen traballo, separado da súa muller e sumido nunha profunda depresión, Cunqueiro decide deixar Madrid e volver ao seu Mondoñedo natal para ter unha cura de soidade e silencio. Comezaban os días máis escuros da vida do mindoniense, máis incluso que os da Guerra Civil.
Nesta situación de crise persoal, Cunqueiro foi salvado polo seu vello amigo Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores da Editorial Galaxia, homenaxeado coas Letras Galegas de 2023. Foi Del Riego quen convenceu a Cunqueiro de volver escribir en galego, pero xa non poesía, senón prosa, narrativa, un xénero que fóra moi pouco cultivado na literatura galega con excepción dos autores do Grupo Nós como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo ou Castelao. Cunqueiro, que sobrevivía como podía mentres paseaba polas rúas solitarias de Mondoñedo, aceptou. Así naceu Merlín e familia (1955), a primeira novela galega de Cunqueiro, seguida de As crónicas do sochantre (1956) e Se o vello Simbad volvese ás illas (1961). Desta forma, Cunqueiro non só saería da súa depresión, senón que se convertiría tamén no principal referente da literatura galega de posguerra, monopolizada pola prestixiosa Editorial Galaxia. Para poñer a guinda desta década prodixiosa da súa carreira literaria, Cunqueiro publicou tamén en 1959 O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, un dos grandes clásicos do teatro galego, estreado por primeira vez no Teatro Colón da Coruña polas festas de María Pita.
Para terminar con este breve biografía de Cunqueiro, na década dos 60 o mindoniense conseguiu recuperar o carnet de periodista, recuperando con el a súa fonte de ingresos e o seu medio de vida, ademais de converterse no director de Faro de Vigo, cidade onde pasaría os seus últimos anos de vida. Na súa década final participou activamente na vida pública de Galicia: participou na creación da festa do viño Albariño de Cambados, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago, defendeu o Estatuto de Autonomía de Galicia e escribiu a súa última obra, Herba aquí e acolá (1980), editada polo seu amigo Miguel González Garcés, un testamento literario que pon punto final a medio século de creación literaria no que cultivou todos os xéneros en dous idiomas, castelán e galego. Na súa lápida, situada no cemiterio vello de Mondoñedo, está escrito este célebre epitafio: "Aquí xaz alguén que coa súa obra quixo que Galicia durase mil primaveras máis".
Pero Mondoñedo non é só Cunqueiro. Por esta vila do Norte de Galicia pasaron, principalmente pola presenza do seu Seminario de Santa Catalina, escritores como Antonio Noriega Varela, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Díaz Jácome, Xosé María Díaz Castro ou Manuel Leiras Pupeiro, un dos máis queridos polos mindonienses polo seu labor como médico dos pobres, o que o convertiría nun santo laico da vila. Leiras Pupleiro, autor dun único libro titulado Cantares Gallegos (1911), atendía sen cobrar aos enfermos con menos recursos da comarca, un traballo filantrópica que lle valeu o respecto e o cariño dos seus paisanos, que levantaron este monumento na súa memoria.
Por último, para terminar a nosa visita, saímos do centro de Mondoñedo para chegar ao chamado Barrio dos Muíños, famoso polos seus obradoiros de artesanía. Alí encontramos a Ponte do Pasatempo, unha ponte medieval sobre o río Valiñadares vinculada para sempre coa lenda do Mariscal Pedro Pardo de Cela. A lenda di que Constanza de Castro, a muller do Mariscal, volvía da corte cun indulto dos Reis Católicos para o seu marido. Non obstante, ao chegar á Ponte, dous cóengos da catedral entreteron con preguntas á muller, que conseguiu librarse deles, pero demasiado tarde. As campás da catedral tocaban a morto. A lenda di que a cabeza do Mariscal rodou polas lousas da Praza Maior de Mondoñedo mentres os seus labios repetían "Credo, credo, credo". Por iso esta ponte se chama a Ponte do Pasatempo. Ademais, unha cruz de madeira recorda este tráxico suceso, que foi recreado por Ramón Cabanillas e Vilar Ponte na súa peza teatral O Mariscal, unha das primeiras óperas en galego. Así, con esta lenda da historia de Galicia, emprendemos o regreso, mentres Mondoñedo quedaba no seu val silencioso, coas súas casas brancas arredor da catedral, bañada polo sol da tarde.



