Esta primeira semana de agosto, para ver novos horizontes, visitamos Santander. Saímos pola mañá, coas primeiras luces do día, para coller a Autovía do Cantábrico. Tras deixar atrás Galicia, que nos despedía coas néboas de sempre na Ponte do Fiouco de Mondoñedo, avanzamos no coche, cunha vista preciosa: as montañas cubertas por unha boina de néboa gris por un lado, as augas verdosas do mar Cantábrico por outro. En Asturias paramos a tomar un café na estación de Novellana, unha vella coñecida, na que paramos tamén nas nosas anteriores visitas a Gijón e Bilbao.
Pola tarde, despois de comer nun restaurante de Cabezón de la Sal, chegamos a Santander, onde para chegar ao noso piso vivimos unha Odisea digna de Cristopher Nolan. Pero, coma sempre, a trancas e barrancas, acabamos dando co noso destino, situado na Calle Alta, ao lado do Parlamento de Cantabria. Unha vez instalados, baixamos ao centro da capital cántabra, cunha primeira parada na Praza da Catedral, onde tomamos algo nunha cafetería con vistas á catedral da Asunción e á parroquia do Santísimo Cristo, coas reliquias de San Emeterio e San Celedonio, patróns da cidade de Santander.
Logo seguimos a noso paseo polo centro de Santander: a Biblioteca Menéndez Pelayo, a praza porticada de Velarde, o Paseo de Pereda, os edificios do Banco de Santander, o Centro Botín, a Praza de Puerto Chico coa súa bandeira de España, o Club Náutico, a rúa Castelar, a Avenida Reina Victoria, o Palacio de Festivais, a Escola de Vela Príncipe Felipe... Terminamos a nosa primeira toma de contacto nos xardíns de Pereda, dedicados ao famoso escritor da Montaña. Estábase moi ben alí, á sombra das árbores do xardín, ao lado dun estanque con pasarela, nunha noite de calor tropical: un saxofonista tocaba no paseo marítimo, unha marea humana falaba nas terrazas dos bares e restaurantes e os barcos pasaban en dirección á praia do Puntal, ao porto de Santander ou á estación de Ferry.
Ao día seguinte, xa máis asentados e cun mapa de Santander conseguido na Oficina de Turismo, terminamos de ver a parte da cidade que nos faltaba. Tras cruzar a Avenida Reina Victoria, entre numerosos hoteis e palacetes modernistas, chegamos ao mar, o verdadeiro corazón de Santander. Dun lado tiñamos a famosa praia de El Sardinero, mentres que do outro tiñamos a península de La Magdalena. Tras aparcar o coche nun parque nas inmediacións do estadio do Racing, un histórico do fútbol español que regresa xunto co Dépor a Primeira División, continuamos a nosa visita, decididos a descubrir os últimos lugares de Santander. Comezamos pola península do Real Sitio de La Magdalena, custodiada pola Casa dos Guardeses. Unha vez dentro, vimos un pequeno parque con pinguíns escondidos e focas nadando, ademais duns barcos cun mascarón de proa con forma de serea. Finalmente, chegamos ao Palacio de La Magdalena, a xoia da coroa, literalmente, porque foi residencia de verán da familia real española nas primeiras décadas do século XX, antes da proclamación da República. Hoxe, coa familia real veraneando no Palacio de Marivent, La Magdalena funciona como centro de cursos de verán da Universidad Internacional Menéndez Pelayo, ademais de como principal atractivo turístico santanderino, punto de partida dos buses turísticos.
Despois de comer nun restaurante da rúa Joaquín Costa, ao lado da exclusiva urbanización Los Pinares, terminamos a nosa visita na praia, mellor dito, nas praias, porque, ademais do emblemático Sardinero, Santander ten numerosas praias urbanas de nomes bonitos: El Camello, La Concha, La Magdalena, Los Bikinis, Los Peligros, El Carmen... Obviamente, como turistas, nós optamos polo Sardinero, ao lado da Praza de Italia, co seu Gran Hotel e co seu Casino que lle dan un aire señorial á capital de Cantabria. Alí démonos un baño no Sardinero, refrescándonos nas augas do mar Cantábrico, mentres viamos a preciosa panorámica da costa da cidade: os acantilados de Costa Quebrada presididos polo Faro de Cabo Mayor, a praia de El Camello, a Illa de Mouro, as torres do Palacio de La Magdalena... Así, despois de bañarnos en El Sardinero, podiamos dar a nosa visita por completada. Non obstante, a min quedábame unha conta pendente: encontrar o monumento de Gerardo Diego, o poeta por excelencia de Santander xunto con José Hierro. Despois de moito buscar, encontreino nun banco da Avenida Reina Victoria, vestido co seu traxe, cun libro de versos na man. A Gerardo Diego, un dos máximos representantes da Xeración do 27, téñolle cariño por dous motivos. En primeiro lugar, por ser un dos grandes mestres do soneto en español, como demostran textos como "El ciprés de Silos" ou o seu libro Alondra de verdad. En segundo lugar, por ser, xunto con Federico García Lorca, un dos poucos escritores do 27 que escribiu sobre Galicia: Lorca coa seus Seis poemas galegos (1935), dos que xa falamos neste blog, e Diego co seu libro Ángeles de Compostela.
Alí, no banco de Gerardo Diego terminamos a nosa visita por Santander. Despois, para volver ao piso, desandamos o camiño: a praia de El Sardinero, a Avenida Reina Victoria, a praza de Puerto Chico co seu monumento dos Raqueros, o Paseo de Pereda coas súas tendas exclusivas, a Catedral, o Concello, a praza de Numancia, a Alameda de Oviedo, a praza de Juan Carlos I, a Cuesta de las Ánimas, a Calle Alta... Á mañá seguinte madrugamos para deixar as cousas recollidas e para visitar a pintoresca vila de Santillana del Mar, a vila das tres mentiras, antes de volver a casa. Desois de pasar Altamira, coas súas pinturas de arte rupestre, aparcamos ao lado da Oficina de Turismo de Santillana, unha vila medieval con tres prazas: a Plaza Mayor, a Plaza del Abad e a Plaza del Rey. Destes tres centros parten as rúas empedradas desta preciosa poboación, unha das máis bonitas de España, abarrotada de visitantes. Alí, paseando entre as súas casas con escudos nobiliarios e balcóns de madeira, vimos a Torre de Don Borja, a colexiata románica de Santa Juliana, os cabalos e ponys que pastaban nos prados cántabros, o Palacio dos Velarde... Por último, no Museo vimos unha exposición dun pintor local, que nos explicou a súa carreira como pintor. Así, subimos ao coche para volver a casa, no final das nosas vacacións.
Fotografía Santillana del Mar



Ningún comentario:
Publicar un comentario