sábado, 16 de abril de 2022

Monforte de Lemos

Este Venres Santo de 2022, para tomarnos un merecido descanso polas nosas vacacións de Semana Santa, visitamos Monforte de Lemos, a capital da Ribeira Sacra, unha das cidades máis importantes do Reino de Galicia na Idade Media. Alá fomos en tren desde Coruña, nun traxecto que se converteu nunha auténtica odisea, en que tivemos que ser trasladados en autobús por culpa dunhas inoportunas obras nas vías férreas. Por fin, tras dar rodeos por diversas paradas da provincia de Lugo, conseguimos chegar a estación de ferrocarril de Monforte, unha das máis importantes de Galicia no pasado. Nada máis chegar, subimos polo parque do castelo, á sombra fresca das árbores, que nos defendían do calor do sol mañá de abril. Coa chaqueta nos brazos, cansados pola pronunciada pendente da subida, chegamos por fin á torre do homenaxe do castelo dos Condes, o símbolo por excelencia de Monforte, que domina coas súas ameas as terras fértiles e vinícolas do val de Lemos, famosas polo viño de Amandi, que se podían contemplar desde o mirador do monte de San Vicente. 


A torre do homenaxe do castelo dos Condes de Lemos.

Unha vez completada a nosa ascención, entramos pola cancela metálica, presidida por un escudo heráldico decorado con elmos de cabaleiros medievais e cabezas de lobos, e subimos as escaleiras do torreón, morada da poderosa familia dos Castro. Dentro, despois de pagar as entradas, visitamos as estancias da torre, que conservaban os obxectos da época en que vivían nela os condes: armarios de madeira ben traballada, armaduras de metal decoradas con elegantes deseños trazados pola man paciente do orfebre, alabardas de puntas afiadas, unha lareira... En cada planta podíanse ver tamén carteis explicativos sobre a historia da torre: textos que explicaban a organización da sociedade estamental, os deberes de cada unha das tres clases sociais (laboratores, oratores e bellatores), a árbore xenealóxica da poderosa familia de Castro titular do Condado de Lemos, retratos de reis hispánicos, fotografías de cartas e documentos medievais, explicacións sobre a importancia da comunidade xudía en Monforte, unha crónica do papel desempeñado polos Condes de Lemos durante as Guerras Irmandiñas... Terminamos a visita no alto da torre, contemplando, con algo de vértigo para ser sinceros, a panorámica das terras verdes e suaves, sen montañas, do val de Lemos. 


Entrada da torre do homenaxe dos Condes de Lemos.

Despois de visitar a torre, vimos tamén os lugares que rodean a fortaleza (o Palacio dos Condes de Lemos, o Mosteiro de San Vicente do Pino), para despois deambular polo antigo barrio xudío de Monforte, onde residían os sefardís antes da súa expulsión en 1492. Despois de familiarizarnos con este lugar anacrónico, descendimos á parte inferior de Monforte, tan animada, invadida por multitudes de turistas que tomaban algo nas terrazas da Praza de España. Despois de comer, terminamos a visita noutro dos lugares máis emblemáticos de Monforte: o Colexio de Nuestra Señora de la Antigua, actualmente os Escolapios. Trátase dun magnífico edificio de estilo herreriano, pouco frecuente en Galicia, que coas súas sobrias fachadas e cúpulas parece evocar El Escorial. Fundado polo cardeal Rodrigo de Castro como centro de formación da comarca, o edificio foi administrado nun principio pola poderosa Compañía de Xesús, creada polo vasco Ignacio de Loyola, unha das ordes máis poderosas do clero católico. No interior do edificio, actualmente propiedade dos Padres Escolapios, expónse tamén a magnífica colección pictórica dos Condes de Lemos, que conta con obras maestras da pintura barroca. 


Fachada herreriana de Nuestra Señora de la Antigua.

Por último, despois de comer, paramos no Parque dos Condes, ao lado da Compañía. Alí, vimos como nadaban os patos no pequeno estanque, do que por veces saín chorros de auga disparados por un surtidor. Tamén vimos un monumento de Pedro Fernández de Castro, séptimo Conde de Lemos e gobernador de Nápoles, unha das personalidades máis importantes da España da súa época, ademais de mecenas dos grandes autores do Século de Ouro español como Cervantes, Quevedo, Góngora, os irmáns Argensola ou Lope de Vega, que foi o seu secretario privado no Madrid dos Austrias. Ademais, o Gran Conde de Lemos foi un dos primeiros defensores do Reino de Galicia contra a "leyenda negra" que o pintaba como un lugar atrasado, inculto, miserable. O Conde incluso chegou a escribir unha obra titulada "El búho gallego haciendo corte con las demás provincias de España", en que o Reino de Galicia, encarnado polo personaxe do búho (o animal sabio por excelencia), se defende dos ataques do resto de reinos e provincias de España. Para honrar a memoria deste fillo ilustre, o concello de Monforte colocou no centro da vila un busto de bronce, que representa a este Grande de España, vestido coa típica "lechuguilla" tan usada pola nobreza española, coa cruz de Calatrava bordada no peito da súa armadura. 


Busto de Pedro Fernández de Castro, Gran Conde de Lemos.

E, por último, despois de ver os principais monumentos de Monforte, regresamos ao barrio da estación de ferrocarril para tomar o tren para Coruña. De camiño, pasamos tamén polo barrio do malecón, coas súas casas abandonadas e derruídas, con vistas ao río Cabe, polo que nadaban os patos e se miraban os sauces choróns. Arriba, no alto de Monforte, podíase ver a silueta da torre dos Condes, dominando todo desde as alturas, engalanada cun pendón con motivo da Feira Medieval que tería lugar o fin de semana. Así, paseando polo parque fluvial do río Cabe, coa vista de fondo das cúpulas de Santa María de la Antigua, despedímonos de Monforte naquela tarde soleada de Venres Santo.


O Parque dos Condes de Monforte de Lemos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario