luns, 23 de decembro de 2019

A Coruña literaria

A Coruña, a nosa cidade, rebosa literatura. Por iso, propoñémosvos hoxe seguir as pegadas dos nosos escritores máis ilustres. O punto de partido do noso paseo literario non podía ser outro: a Praza de María Pita. Alí, no corazón da cidade, levántase o monumento da coruñesa máis célebre. A nosa heroína sostén a súa lanza co alférez inglés aos seus pés, igual que na batalla de 1589, cando presenciaron as súas fazañas as tropas invasoras de Francis Drake e as naves do corsario tiveron que regresar coas bodegas baleiras, trazando longos ronseis de derrota no mar das Illas Británicas.


Monumento de María Pita. 

Comezamos pois o noso percorrido. O sol da mañá brilla nas cúpulas modernistas do Concello. Cruzamos a Porta Real e adentrámonos na Cidade Vella. Subimos a costa presidida pola igrexa de Santiago, a máis antiga da Coruña, antiga sede do Concello na Idade Media, unha xoia do románico que contempla as galerías da Mariña, acariciadas por brisas mariñas e salpicadas de salitre. Na Rúa Tabernas, na vella casa da señora de Pardo Bazán, ondean as bandeiras da Real Academia Galega. Saímos a Praza de Azcárraga. Nela, á sombra das árbores, a Fonte do Desexo musita vellas cantigas de prata. Ao lado da Praza, na Rúa do Príncipe, vemos a casa na que viviu Rosalía de Castro, a musa das negras sombras e lágrimas de morriña.


A casa na que viviu Rosalía de Castro. 

Poderíamos seguir ata San Carlos, o romántico xardín en que repousan as cinzas de sir John Moore, ou subir a Rúa Damas e ver a Casa Cornide e a Colexiata de Santa María do Campo, mais preferimos regresar a María Pita e perdernos por esas estreitas rúas que rodean a praza (Franxa, Barrera, Florida...). Sempre me chamaron a atención estas rúas, que teñen gravados nas súas lousas, cunha gran variedade de cores e símbolos heráldicos, os escudos e brasóns dos vellos reinos da Península: Portugal, Castela, León, Aragón, Navarra, Cataluña... e, por suposto, o reino de Galicia, presidido polas armas da cidade da Coruña.


Escudo da cidade da Coruña. 

Seguimos polas tabernas da zona dos viños (Rúa do Orzán, da Galera, dos Olmos....), tabernas en que brindaban os membros da bohemia coruñesa, na longa noite de pedra do franquismo. E, sen saber moi ben como, desembocamos na Praza do Humor, a carón do mercado de San Agustín. Esta praza, deseñada polo polifacético Siro López, está dedicada aos maiores representantes do humor na literatura. No chan están debuxados grandes escritores universais (Cervantes, Chejov, Mark Twain...) e galegos (Wenceslao Fernández Flórez, Vicente Risco, Julio Camba...). E tamén, nun dos banco de pedra da praza, agárdanos cos brazos abertos don Álvaro Cunqueiro, o meigo das palabras de Mondoñedo. Poñemos así punto final ao noso paseo. Sentamos á beira de don Ávaro, para falar das cousas boas da vida na Praza do Humor, no corazón da Coruña literaria.


Estatua de Cunqueiro na Praza do Humor. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario