Hoxe, neste Sábado Santo, visitamos por primeira vez Vilalba, a capital da comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo. Saímos cedo de Coruña, para chegar alí con tempo, e, tras un pouco máis dunha hora de traxecto, cruzamos o río Magdalena. Tras aparcar o coche, o primeiro que fixemos foi pedir información na Casa da Cultura de Vilalba, onde nos deron un plano cos lugares máis importantes da vila. Alí, ás portas da Casa da Cultura, atopamos un vello coñecido: Manuel María, o poeta da Terra Chá, apoiado no seu bastón, rodeado de libros e dunha das navallas que tanto lle gustaba coleccionar, como se pode comprobar na Casa de Hortas de Outeiro de Rei, actualmente Casa Museo de Manuel María, a primeira casa dun escritor que visitei. Ademais, na base do monumento de Manuel María, estaban escritos estes versos dedicados á Vilalba, extraídos do seu libro de poemas Terra Chá (1954):
Vilalba, dona da Chaira,
soportando un ceo gris,
sobre a gracia da abelaira
anda a cantar o malvís.
Estatua de Manuel María en Vilalba.
Despois subimos á Praza da Constitución, o centro de Vilalba, onde estaban instaladas as carpas e tendas da Festa do Queixo de San Simón da Costa, seguramente o produto máis coñecido de Vilalba, con permiso por suposto do famoso capón. No recinto da Festa podíanse ver queixos elaborados en todos os lugares da Península: Zamora, Fuentesaúco, Taramundi, Santoña, Salamanca, Ripoll, Mahón, Idiazabal... e tamén unha cidade de Portugal que non recordo. Mentres curioseábamos os postos dos vendedores, un home cun megáfono anunciaba a chegada dos ciclistas que participaban na carreira da festa, con meta no pequeno casco histórico de Vilalba. Así pasamos as dúas primeiras horas en Vilalba, ata que tocaron as doce babaladas na Praza de Santa María, onde montaban un escenario, diante mesmo do Torreón dos Andrade, unha torre hexagonal convertida nun Parador Nacional de Turismo.
O Torreón dos Andrade de Vilalba.
Para ser sinceros, vimos rápido todos os monumentos do casco histórico, pero quedábanos aínda por ver o Paseo Fluvial do río Magdalena, nas aforas de Vilalba, a dous ou tres kilómetros da vila. Así que nos puxemos en camiño, non sen antes parar diante do monumento que ten na Alameda Manuel Fraga Iribarne, o león de Vilalba, o eterno presidente da Xunta de Galicia. Fillo dun emigrante galego retornado de Cuba, que despois se convertiría tamén en alcalde da súa vila natal de Vilalba, Manuel Fraga estudou Dereito nas Universidades de Santiago de Compostela e Madrid, doutorándose na Complutense. Famoso xa nos seus días de universitario pola súa capacidade de traballo, Fraga foi gañando puntos ata converterse no ministro estrela de Franco, o seu paisano. A pesar da súa boa relación co ditador, Fraga soubo adaptarse moi ben aos novos tempos, liderando o aperturismo dos últimos anos do franquismo, para despois ser un dos pais da Constitución e un dos artífices da España das Autonomías. A culminación da súa carreira política chegaría coa súa elección como presidente da Xunta de Galicia, que gobernaría durante décadas. A pesar de discrepancias políticas, de ser de esquerdas ou de dereitas, non se pode negar que Fraga, coas súas luces e as súas sombras, foi unha das figuras máis importantes da política española do século XX e principios do XXI, protagonista de momentos icónicos da nosa memoria colectiva: o seu baño de Palomares, os centos de gaiteiros tocando na súa toma de posesión como presidente de Galicia, os seus retiros espirituais, o seu capricho faraónico da Cidade da Cultura no Monte Gaiás, a súa noite de queimada xunto con Fidel Castro...
Si, non podiamos ir a Vilalba sen evocar a figura de Fraga, o vilalbés máis famoso, para ben ou para mal. Despois de ver o seu busto na Alameda, que por certo estaba vandalizado con pintura vermella, saímos do centro de Vilalba para pasear polo parque fluvial da Magdalena, o río da vila. Cando por fin chegamos, e tras preguntar a un señor que tamén paseaba por alí, camiñamos á sombra das árbores, ao frescor do río, mentres nos prados se vían ovellas e cabras pastando. Facía moito calor. Seguimos paseando, entre muíños abandonados e pontes de madeira, ata chegar ao denominado Muíño do Rañego, un edificio con tellado de lousa no que tiña lugar un evento festivo, como se deducía dos homes traxeados e das mulleres con elegantes vestidos. Ademais, o Paseo Fluvial estaba decorado con monumentos de personalidades destacadas da Terra Chá: o historiador Ramón Villares, os irmáns Coira, os fundadores do mítico grupo Fuxan Os Ventos Mini e Mero, o músico Chao Ledo ou o escultor Víctor Corral. De todas as formas, o que predominaban eran monumentos de figuras das Letras Galegas, como Miguel Anxo Fernán Vello, Margarita Leda Andión, Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes, Xabier Docampo... E, ao final do Paseo, un pouco antes do xa mencionado Muíño do Rañego, había tamén un fermoso monumento para don Agustín Fernández Paz, outro vilalbés ilustre, un dos pioneiros da literatura infantil e xuvenil en galego, autor de títulos tan emblemáticos como Contos por palabras, Corredores de sombras, O único que queda é o amor ou Cartas de inverno, que lin cos meus alumnos este curso no IES Rafael Dieste. Alí, diante do memorial de Agustín Fernández Paz, terminamos o noso paseo por Vilalba, a capital da Terra Chá, unha forma diferente de pasar o Sábado Santo.
Monumento dedicado a Agustín Fernández Paz no Paseo Fluvial de Vilalba.




Ningún comentario:
Publicar un comentario