Onte, martes de Carnaval, fixemos unha excursión a unha das nosas cidades medievais máis bonitas, antiga capital do Reino de Galicia: Ribadavia. O día amencera cun ceo plomizo, gris, e nos cristais do coche caían monótonas as gotas de chuvia. Pero cando chegamos, nada máis baixar do coche, parou de chover e saíu unha raiola de sol. Recibiunos a sombría silueta das ruínas do Castelo dos Sarmiento, coas letras do nome de Ribadavia. E diante desta mole de pedras derruídas, que recordan tempos escuros e feudais, contrastaban dúas coloridas figuras de Entroido, mentres os músicos tocaban na veciña Alameda.
As ruínas do Castelo dos Sarmiento.
Entramos na vila pola parte de detrás do castelo. Saímos á Praza Maior, que estaba totalmente deserta. Comemos nun dos restaurantes dos soportais da Praza. Como non podía ser doutra forma, acompañamos a nosa comida cuns vasos de viño do Ribeiro, que tanta sona lle dan a esta comarca. Mentres comemos, a través do cristal da fiestra do resturante, víamos como na Praza Maior ultimaban os preparativos para celebrar a festa do martes de Carnaval. Hoxe a Praza, deserta, non ten nada que ver coa que acolle multitudes durante os dous grandes eventos da vila: a Festa da Historia e a Mostra Internacional de Teatro. Xa cos ánimos recobrados, estabamos listos para descubrir o casco vello da vila, un dédalo de rúas estreitas de nomes bíblicos. Pasamos pola Praza da Magdalena, polas igrexas de San Xoán e Santiago, pola Casa da Inquisición...
A Igrexa de Santiago de Ribadavia.
Retrocedemos a un mundo perdido, detido no tempo, un mundo medieval de reis destronados, cabaleiros e doncelas, señores e servos, príncipes e mendigos, inquisidores e xudeus. Camiñamos polas rúas de Ribadavia, empedradas con lousas, molladas aínda pola chuvia. As casas teñen balcóns de madeira, adornados con flores, e moitas presentan símbolos hebreos (o candelabro de sete brazos, a estrela de David...). Porque Ribadavia ten unha das xuderías máis importantes da Península. Aquí establecéronse na Idade Media moitos xudeus sefardíes. Ata que co Decreto de Expulsión dos Reis Católicos de 1492 comezaron a ser perseguidos. Por este motivo estableceuse en Ribadavia a sede da Inquisición en Galicia. Da presenza dos xudeus na vila só quedan estes símbolos e tamén "A Tafona de Herminia". Nesta tenda Herminia vende doces hebreos, elaborados segundo as vellas receitas xudías: uns doces deliciosos, tal e como tivemos ocasión de comprobar.
A famosa "Tafona da Herminia" de Ribadavia.
Por último, para despedirnos de Ribadavia, camiñamos polo seu paseo fluvial. O río Avia, afluente do Miño, pasaba lentamente, docemente, rodeado de brancas abidueiras, para morrer no mar da Guarda. Contemplando esta pequena vila escondida nun val, rodedada de montañas e viñedos, costa facerse idea da gran importancia histórica que tivo no pasado: capital de Galicia durante o breve reinado de García (1065- 1071), asaltada polas tropas inglesas do Duque de Lancaster en 1386, determinante na expulsión do exército de Napoleón na Guerra da Independencia... Poderíamos estar paseando toda a tarde polas frescas ribeiras do Avia, pero temos que volver. Cruzamos a ponte para marchar. Polo retrovisor vin como desaparecían as casas de Ribadavia, apiñadas nas ribeiras do Avia, envoltas polo manto gris da orballo naquela tarde de martes de Carnaval.
Vista de Ribadavia desde a Ponte de San Francisco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario