venres, 7 de agosto de 2026

En Santander

Esta primeira semana de agosto, para ver novos horizontes, visitamos Santander. Saímos pola mañá, coas primeiras luces do día, para coller a Autovía do Cantábrico. Tras deixar atrás Galicia, que nos despedía coas néboas de sempre na Ponte do Fiouco de Mondoñedo, avanzamos no coche, cunha vista preciosa: as montañas cubertas por unha boina de néboa gris por un lado, as augas verdosas do mar Cantábrico por outro. En Asturias paramos a tomar un café na estación de Novellana, unha vella coñecida, na que paramos tamén nas nosas anteriores visitas a Gijón e Bilbao. 

Pola tarde, despois de comer nun restaurante de Cabezón de la Sal, chegamos a Santander, onde para chegar ao noso piso vivimos unha Odisea digna de Cristopher Nolan. Pero, coma sempre, a trancas e barrancas, acabamos dando co noso destino, situado na Calle Alta, ao lado do Parlamento de Cantabria. Unha vez instalados, baixamos ao centro da capital cántabra, cunha primeira parada na Praza da Catedral, onde tomamos algo nunha cafetería con vistas á catedral da Asunción e á parroquia do Santísimo Cristo, coas reliquias de San Emeterio e San Celedonio, patróns da cidade de Santander. 


Praza da Catedral de Santander.

Logo seguimos a noso paseo polo centro de Santander: a Biblioteca Menéndez Pelayo, a praza porticada de Velarde, o Paseo de Pereda, os edificios do Banco de Santander, o Centro Botín, a Praza de Puerto Chico coa súa bandeira de España, o Club Náutico, a rúa Castelar, a Avenida Reina Victoria, o Palacio de Festivais, a Escola de Vela Príncipe Felipe... Terminamos a nosa primeira toma de contacto nos xardíns de Pereda, dedicados ao famoso escritor da Montaña. Estábase moi ben alí, á sombra das árbores do xardín, ao lado dun estanque con pasarela, nunha noite de calor tropical: un saxofonista tocaba no paseo marítimo, unha marea humana falaba nas terrazas dos bares e restaurantes e os barcos pasaban en dirección á praia do Puntal, ao porto de Santander ou á estación de Ferry. 

Ao día seguinte, xa máis asentados e cun mapa de Santander conseguido na Oficina de Turismo, terminamos de ver a parte da cidade que nos faltaba. Tras cruzar a Avenida Reina Victoria, entre numerosos hoteis e palacetes modernistas, chegamos ao mar, o verdadeiro corazón de Santander. Dun lado tiñamos a famosa praia de El Sardinero, mentres que do outro tiñamos a península de La Magdalena. Tras aparcar o coche nun parque nas inmediacións do estadio do Racing, un histórico do fútbol español que regresa xunto co Dépor a Primeira División, continuamos a nosa visita, decididos a descubrir os últimos lugares de Santander. Comezamos pola península do Real Sitio de La Magdalena, custodiada pola Casa dos Guardeses. Unha vez dentro, vimos un pequeno parque con pinguíns escondidos e focas nadando, ademais duns barcos cun mascarón de proa con forma de serea. Finalmente, chegamos ao Palacio de La Magdalena, a xoia da coroa, literalmente, porque foi residencia de verán da familia real española nas primeiras décadas do século XX, antes da proclamación da República. Hoxe, coa familia real veraneando no Palacio de Marivent, La Magdalena funciona como centro de cursos de verán da Universidad Internacional Menéndez Pelayo, ademais de como principal atractivo turístico santanderino, punto de partida dos buses turísticos. 


Palacio de La Magdalena de Santander.

Despois de comer nun restaurante da rúa Joaquín Costa, ao lado da exclusiva urbanización Los Pinares, terminamos a nosa visita na praia, mellor dito, nas praias, porque, ademais do emblemático Sardinero, Santander ten numerosas praias urbanas de nomes bonitos: El Camello, La Concha, La Magdalena, Los Bikinis, Los Peligros, El Carmen... Obviamente, como turistas, nós optamos polo Sardinero, ao lado da Praza de Italia, co seu Gran Hotel e co seu Casino que lle dan un aire señorial á capital de Cantabria. Alí démonos un baño no Sardinero, refrescándonos nas augas do mar Cantábrico, mentres viamos a preciosa panorámica da costa da cidade: os acantilados de Costa Quebrada presididos polo Faro de Cabo Mayor, a praia de El Camello, a Illa de Mouro, as torres do Palacio de La Magdalena... Así, despois de bañarnos en El Sardinero, podiamos dar a nosa visita por completada. Non obstante, a min quedábame unha conta pendente: encontrar o monumento de Gerardo Diego, o poeta por excelencia de Santander xunto con José Hierro. Despois de moito buscar, encontreino nun banco da Avenida Reina Victoria, vestido co seu traxe, cun libro de versos na man. A Gerardo Diego, un dos máximos representantes da Xeración do 27, téñolle cariño por dous motivos. En primeiro lugar, por ser un dos grandes mestres do soneto en español, como demostran textos como "El ciprés de Silos" ou o seu libro Alondra de verdad. En segundo lugar, por ser, xunto con Federico García Lorca, un dos poucos escritores do 27 que escribiu sobre Galicia: Lorca coa seus Seis poemas galegos (1935), dos que xa falamos neste blog, e Diego co seu libro Ángeles de Compostela.


Estatua de Gerardo Diego en Santander.

Alí, no banco de Gerardo Diego terminamos a nosa visita por Santander. Despois, para volver ao piso, desandamos o camiño: a praia de El Sardinero, a Avenida Reina Victoria, a praza de Puerto Chico co seu monumento dos Raqueros, o Paseo de Pereda coas súas tendas exclusivas, a Catedral, o Concello, a praza de Numancia, a Alameda de Oviedo, a praza de Juan Carlos I, a Cuesta de las Ánimas, a Calle Alta... Á mañá seguinte madrugamos para deixar as cousas recollidas e para visitar a pintoresca vila de Santillana del Mar, a vila das tres mentiras, antes de volver a casa. Desois de pasar Altamira, coas súas pinturas de arte rupestre, aparcamos ao lado da Oficina de Turismo de Santillana, unha vila medieval con tres prazas: a Plaza Mayor, a Plaza del Abad e a Plaza del Rey. Destes tres centros parten as rúas empedradas desta preciosa poboación, unha das máis bonitas de España, abarrotada de visitantes. Alí, paseando entre as súas casas con escudos nobiliarios e balcóns de madeira, vimos a Torre de Don Borja, a colexiata románica de Santa Juliana, os cabalos e ponys que pastaban nos prados cántabros, o Palacio dos Velarde, o Convento de Santa Clara... Por último, no Museo Jesús Otero vimos unha exposición de cadros de Santillana dun pintor local, un amable señor que nos explicou a súa carreira de máis de medio século como pintor. Gustaríanos quedar máis tempo falando con el, pero facíase tarde para comer. Así que, con esa sensación nostálxica do final das vacacións, subimos ao coche para volver a casa, mentres a chuvia caía no cristal, naquela mañá de agosto. 


O Museo Jesús Otero de Santillana del Mar.

domingo, 5 de xullo de 2026

En Mondoñedo con Cunqueiro

Neste día de principios de verán escribo para recordar unha das nosas visitas a Mondoñedo, a capital da Terra de Miranda, unha das sete provincias históricas do Reino de Galicia. Foi polas vacacións de Carnaval, aínda co sabor das orellas e das filloas, cando Mondoñedo nos recibiu coa súa néboa proverbial, a través da que se podían adiviñar as súas casas de paredes brancas e tellados de lousa, tan típicas da provincia de Lugo, presididas polas torres da súa catedral. Nós aparcamos na Alameda dos Remedios, ao lado do Instituto San Rosendo, e baixamos polas rúas estreitas e silenciosas da vila para desembocar na Praza da Catedral, o corazón de Mondoñedo. 


Vista da catedral de Mondoñedo.

Alí topámonos co monumento do fillo máis ilustre de Mondoñedo, don Álvaro Cunqueiro Mora, unha das figuras máis brillantes da literatura galega. Aquí creo que debemos deternos para falar un pouco máis polo miúdo de Cunqueiro. Nacido en 1911 en Mondoñedo, ao lado da Fonte Vella (onde se pode visitar a súa casa natal), o neno Álvaro tería o seu primeiro contacto coa literatura na botica do seu pai, frecuentada por pintorescos personaxes da comarca que contaban historias de meigas, trasnos, naufraxios. Esta fonte da literatura oral galega sería o primeiro estímulo da imaxinación de Cunqueiro, quen, na súa adolescencia, marchou para Lugo a estudar o Bacharelato. Alí, na cidade das murallas, coñecería da man dun profesor a literatura medieval das cantigas e dos trobadores, un importante descubrimento para aquel adolescente que comezaba a escribir os seus primeiros poemas. 

Con esta formación literaria tan peculiar, que combinaba contos populares con cantigas de amigo, Cunqueiro matriculouse na Universidade de Santiago de Compostela, onde se dedicaría máis á bohemia dos cafés e dos romances que ao estudo das aulas e dos exames. En 1932, con apenas vinte anos, Cunqueiro publicaba Mar ao Norde, con portada de Luís Seoane, ao que seguirían en 1933 Cantiga nova que se chama Riveira, o libro capital do Neotrobadorismo, e Poemas do si e o non, un libro no borde do surrealismo. En 1936 Cunqueiro xa se convertera no "Príncipe dos Poetas de Galicia", a gran promesa da nova literatura galega que se vería truncada pola Guerra Civil. Co golpe de estado de xullo de 1936, Cunqueiro afiliouse á Falange para salvar a vida, pois estaba fichado por participar na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia. Ademais, tivo que abandonar o galego para comezar unha carreira de xornalista en publicacións do novo réxime como Vértice, La Voz de España e o ABC de Madrid, o diario máis importante da España franquista. Non obstante, por culpa dun misterioso incidente coa Embaixada Francesa en Madrid que nunca foi esclarecido, Cunqueiro viu truncada tamén a súa estelar carreira como xornalista, pois o réxime franquista retiroulle o carnet de periodista. Sen traballo, separado da súa muller e sumido nunha profunda depresión, Cunqueiro decide deixar Madrid e volver ao seu Mondoñedo natal para ter unha cura de soidade e silencio. Comezaban os días máis escuros da vida do mindoniense, máis incluso que os da Guerra Civil. 

Nesta situación de crise persoal, Cunqueiro foi salvado polo seu vello amigo Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores da Editorial Galaxia, homenaxeado coas Letras Galegas de 2023. Foi Del Riego quen convenceu a Cunqueiro de volver escribir en galego, pero xa non poesía, senón prosa, narrativa, un xénero que fóra moi pouco cultivado na literatura galega con excepción dos autores do Grupo Nós como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo ou Castelao. Cunqueiro, que sobrevivía como podía mentres paseaba polas rúas solitarias de Mondoñedo, aceptou. Así naceu Merlín e familia (1955), a primeira novela galega de Cunqueiro, seguida de As crónicas do sochantre (1956) e Se o vello Simbad volvese ás illas (1961). Desta forma, Cunqueiro non só saería da súa depresión, senón que se convertiría tamén no principal referente da literatura galega de posguerra, monopolizada pola prestixiosa Editorial Galaxia. Para poñer a guinda desta década prodixiosa da súa carreira literaria, Cunqueiro publicou tamén en 1959 O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, un dos grandes clásicos do teatro galego, estreado por primeira vez no Teatro Colón da Coruña polas festas de María Pita. 

Para terminar con este breve biografía de Cunqueiro, na década dos 60 o mindoniense conseguiu recuperar o carnet de periodista, recuperando con el a súa fonte de ingresos e o seu medio de vida, ademais de converterse no director de Faro de Vigo, cidade onde pasaría os seus últimos anos de vida. Na súa década final participou activamente na vida pública de Galicia: participou na creación da festa do viño Albariño de Cambados, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago, defendeu o Estatuto de Autonomía de Galicia e escribiu a súa última obra, Herba aquí e acolá (1980), editada polo seu amigo Miguel González Garcés, un testamento literario que pon punto final a medio século de creación literaria no que cultivou todos os xéneros en dous idiomas, castelán e galego. Na súa lápida, situada no cemiterio vello de Mondoñedo, está escrito este célebre epitafio: "Aquí xaz alguén que coa súa obra quixo que Galicia durase mil primaveras máis". 


Estatua de Álvaro Cunqueiro.

Pero Mondoñedo non é só Cunqueiro. Por esta vila do Norte de Galicia pasaron, principalmente pola presenza do seu Seminario de Santa Catalina, escritores como Antonio Noriega Varela, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Díaz Jácome, Xosé María Díaz Castro ou Manuel Leiras Pupeiro, un dos máis queridos polos mindonienses polo seu labor como médico dos pobres, o que o convertiría nun santo laico da vila. Leiras Pupleiro, autor dun único libro titulado Cantares Gallegos (1911), atendía sen cobrar aos enfermos con menos recursos da comarca, un traballo filantrópica que lle valeu o respecto e o cariño dos seus paisanos, que levantaron este monumento na súa memoria.


Estatua de Manuel Leiras Pulpeiro.

Por último, para terminar a nosa visita, saímos do centro de Mondoñedo para chegar ao chamado Barrio dos Muíños, famoso polos seus obradoiros de artesanía. Alí encontramos a Ponte do Pasatempo, unha ponte medieval sobre o río Valiñadares vinculada para sempre coa lenda do Mariscal Pedro Pardo de Cela. A lenda di que Constanza de Castro, a muller do Mariscal, volvía da corte cun indulto dos Reis Católicos para o seu marido. Non obstante, ao chegar á Ponte, dous cóengos da catedral entreteron con preguntas á muller, que conseguiu librarse deles, pero demasiado tarde. As campás da catedral tocaban a morto. A lenda di que a cabeza do Mariscal rodou polas lousas da Praza Maior de Mondoñedo mentres os seus labios repetían "Credo, credo, credo". Por iso esta ponte se chama a Ponte do Pasatempo. Ademais, unha cruz de madeira recorda este tráxico suceso, que foi recreado por Ramón Cabanillas e Vilar Ponte na súa peza teatral O Mariscal, unha das primeiras óperas en galego. Así, con esta lenda da historia de Galicia, emprendemos o regreso, mentres Mondoñedo quedaba no seu val silencioso, coas súas casas brancas arredor da catedral, bañada polo sol da tarde. 


A Ponte do Pasatempo de Mondoñedo.

sábado, 4 de abril de 2026

En Vilalba con Manuel María

Hoxe, neste Sábado Santo, visitamos por primeira vez Vilalba, a capital da comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo. Saímos cedo de Coruña, para chegar alí con tempo, e, tras un pouco máis dunha hora de traxecto, cruzamos o río Magdalena. Tras aparcar o coche, o primeiro que fixemos foi pedir información na Casa da Cultura de Vilalba, onde nos deron un plano cos lugares máis importantes da vila. Alí, ás portas da Casa da Cultura, atopamos un vello coñecido: Manuel María, o poeta da Terra Chá, apoiado no seu bastón, rodeado de libros e dunha das navallas que tanto lle gustaba coleccionar, como se pode comprobar na Casa de Hortas de Outeiro de Rei, actualmente Casa Museo de Manuel María, a primeira casa dun escritor que visitei. Ademais, na base do monumento de Manuel María, estaban escritos estes versos dedicados á Vilalba, extraídos do seu libro de poemas Terra Chá (1954):

Vilalba, dona da Chaira,
soportando un ceo gris,
sobre a gracia da abelaira
anda a cantar o malvís. 


Estatua de Manuel María en Vilalba. 

Despois subimos á Praza da Constitución, o centro de Vilalba, onde estaban instaladas as carpas e tendas da Festa do Queixo de San Simón da Costa, seguramente o produto máis coñecido de Vilalba, con permiso por suposto do famoso capón. No recinto da Festa podíanse ver queixos elaborados en todos os lugares da Península: Zamora, Fuentesaúco, Taramundi, Santoña, Salamanca, Ripoll, Mahón, Idiazabal... e tamén unha cidade de Portugal que non recordo. Mentres curioseábamos os postos dos vendedores, un home cun megáfono anunciaba a chegada dos ciclistas que participaban na carreira da festa, con meta no pequeno casco histórico de Vilalba. Así pasamos as dúas primeiras horas en Vilalba, ata que tocaron as doce babaladas na Praza de Santa María, onde montaban un escenario, diante mesmo do Torreón dos Andrade, unha torre hexagonal convertida nun Parador Nacional de Turismo. 


O Torreón dos Andrade de Vilalba. 

Para ser sinceros, vimos rápido todos os monumentos do casco histórico, pero quedábanos aínda por ver o Paseo Fluvial do río Magdalena, nas aforas de Vilalba, a dous ou tres kilómetros da vila. Así que nos puxemos en camiño, non sen antes parar diante do monumento que ten na Alameda Manuel Fraga Iribarne, o león de Vilalba, o eterno presidente da Xunta de Galicia. Fillo dun emigrante galego retornado de Cuba, que despois se convertiría tamén en alcalde da súa vila natal de Vilalba, Manuel Fraga estudou Dereito nas Universidades de Santiago de Compostela e Madrid, doutorándose na Complutense. Famoso xa nos seus días de universitario pola súa capacidade de traballo, Fraga foi gañando puntos ata converterse no ministro estrela de Franco, o seu paisano. A pesar da súa boa relación co ditador, Fraga soubo adaptarse moi ben aos novos tempos, liderando o aperturismo dos últimos anos do franquismo, para despois ser un dos pais da Constitución e  un dos artífices da España das Autonomías. A culminación da súa carreira política chegaría coa súa elección como presidente da Xunta de Galicia, que gobernaría durante décadas. A pesar de discrepancias políticas, de ser de esquerdas ou de dereitas, non se pode negar que Fraga, coas súas luces e as súas sombras, foi unha das figuras máis importantes da política española do século XX e principios do XXI, protagonista de momentos icónicos da nosa memoria colectiva: o seu baño de Palomares, os centos de gaiteiros tocando na súa toma de posesión como presidente de Galicia, os seus retiros espirituais, o seu capricho faraónico da Cidade da Cultura no Monte Gaiás, a súa noite de queimada xunto con Fidel Castro... 


Busto de Manuel Fraga na Alameda de Vilalba. 

Si, non podiamos ir a Vilalba sen evocar a figura de Fraga, o vilalbés máis famoso, para ben ou para mal. Despois de ver o seu busto na Alameda, que por certo estaba vandalizado con pintura vermella, saímos do centro de Vilalba para pasear polo parque fluvial da Magdalena, o río da vila. Cando por fin chegamos, e tras preguntar a un señor que tamén paseaba por alí, camiñamos á sombra das árbores, ao frescor do río, mentres nos prados se vían ovellas e cabras pastando. Facía moito calor. Seguimos paseando, entre muíños abandonados e pontes de madeira, ata chegar ao denominado Muíño do Rañego, un edificio con tellado de lousa no que tiña lugar un evento festivo, como se deducía dos homes traxeados e das mulleres con elegantes vestidos. Ademais, o Paseo Fluvial estaba decorado con monumentos de personalidades destacadas da Terra Chá: o historiador Ramón Villares, os irmáns Coira, os fundadores do mítico grupo Fuxan Os Ventos Mini e Mero, o músico Chao Ledo ou o escultor Víctor Corral. De todas as formas, o que predominaban eran monumentos de figuras das Letras Galegas, como Miguel Anxo Fernán Vello, Margarita Leda Andión, Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes, Xabier Docampo... E, ao final do Paseo, un pouco antes do xa mencionado Muíño do Rañego, había tamén un fermoso monumento para don Agustín Fernández Paz, outro vilalbés ilustre, un dos pioneiros da literatura infantil e xuvenil en galego, autor de títulos tan emblemáticos como Contos por palabras, Corredores de sombras, O único que queda é o amor ou Cartas de inverno, que lin cos meus alumnos este curso no IES Rafael Dieste. Alí, diante do memorial de Agustín Fernández Paz, terminamos o noso paseo por Vilalba, a capital da Terra Chá, unha forma diferente de pasar o Sábado Santo. 


Monumento dedicado a Agustín Fernández Paz no Paseo Fluvial de Vilalba. 

xoves, 19 de marzo de 2026

En Oleiros con Isaac Díaz Pardo

 Hoxe, neste festivo de San José, visitamos o Castelo de Santa Cruz, no Concello de Oleiros. Chegamos sobre o mediodía, recibidos pola marea baixa, co suave rumor das ondas que rompían apenas nacer. Cruzamos a pasarela, na mañá de primavera prematura, e pasamos á Illa de Santa Cruz, cunha vista privilexiada da silueta da Coruña. Camiñamos polos xardíns do Castelo, entre diversas árbores centenarias, como palmeiras e camelias, presididas polo denominado Piñeiro Insigne, un exemplar de máis de 25 metros de altura, cuxas ramas sobrepasan os muros do Castelo. Despois de ver as especies do xardín, entramos no Castelo de Santa Cruz, emblema do Concello de Oleiros. 


Vista do Castelo de Santa Cruz. 

Dentro había tres direccións. Á esquerda, unha sala dedicada a colección de arte reunida polos sucesivos señores do Castelo de Santa Cruz, un importante bastión defensivo na ría da Coruña. No centro, subindo unhas escaleiras precintadas, a biblioteca do Centro de Interpretación das Mariñas. E á dereita unha prometedora exposición dedicada á figura de Isaac Díaz Pardo. Nós comezamos pola esquerda, vendo as pezas da colección de arte do Castelo: rosarios de prata, estampas, lámpadas de aceite, reliquias traídas de civilizacións de América, moedas antigas, pipas de fumar, restos de dinosaurios... e tamén cadros de pintores máis recentes, algúns de nomes ben coñecidos como Peteiro, Laxeiro, Maside, Ovidio Muguía, Sucasas ou Xosé Vizoso. 



Cadro do pintor Xosé Vizoso.

Despois de ver a variada colección de arte do Castelo, pasamos diante dos retratos de dous dos seus antigos propietarios, un deles a Condesa de Pardo Bazán, e comezamos a nosa visita pola exposición sobre Isaac Díaz Pardo, un dos bos e xenerosos, unha figura moi querida por min sobre a que quero determe nestas liñas. Nacido en 1920 en Santiago de Compostela, fillo do pintor e membro das Irmandades Camilo Díaz Baliño, Isaac Díaz Pardo estivo sempre rodeado dos amigos galeguistas do seu pai, como Ánxel Casal ou Castelao. Con apenas quince anos xa participara na campaña do Estatuto de Autonomía de Galicia, pintando carteis propios ou colaborando nos doutros artistas como Luís Seoane. No verán de 1936, tras o estalido da Guerra Civil, o seu pai foi fusilado por ser militante do Partido Galeguista. Ao pouco tempo morre tamén a súa nai, sumida nunha profunda depresión tras o fusilamento do seu marido. Orfo, sen medios económicos, Isaac ten que renunciar ao seu soño de ser arquitecto, pero cursa coa máxima calificación a carreira de Belas Artes na Real Academia de San Fernando de Madrid. Alí, na capital, o mozo Isaac triunfa como pintor, pero ten que regresar a Galicia despois de rexeitar pintar un mural na Basílica de Cuelgamuros, no Valle dos Caídos. Isaac, fillo dun asasinado polo réxime, non podía participar na celebración dunha ditadura respondable do fusilamento do seu pai, un feito que o marcaría de por vida.


Caricatura de Isaac Díaz Pardo realizada por Siro.

Así, tras este desencontro coas autoridades franquistas, Isaac volve para Galicia, onde terá que abadonar a súa prometedora carreira como pintor, pero onde comezará un fructífero traballo na recuperación da identidade cultural da súa terra natal. En 1955 visita no exilio de Buenos Aires a Luís Seoane, que se converterá no seu socio, no seu compañeiro de proxectos. Con Seoane fundará o Laboratorio de Formas de Galicia, unha iniciativa da que despois sairían empresas culturais tan importantes como Edicións do Castro, o Museo Carlos Maside, o Novo Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Galego de Información, o Laboratorio de Industria e Comunicación ou a fábrica de cerámicas de Sargadelos, quizais a súa empresa máis coñecida. Porque Isaac foi, xunto co pontevedrés Valentín Paz Andrade, un dos poucos galeguistas empresarios, que non só se ocuparon da cultura, senón tamén da modernización económica de Galicia. Para recordar esta figura tan destacada, na sala do Castelo de Santa Cruz había unha colección de homenaxes de escritores galegos contemporáneos: Xesús Alonso Montero, Ledicia Costas, Marilar Aleixandre, Pedro Feijóo, Fina Casalderrey, Víctor Freixanes, Manuel Rivas ou Xosé Luís Méndez Ferrín. 


Manuscrito de Méndez Ferrín sobre Díaz Pardo. 

Así terminamos a visita pola exposición sobre Isaac Díaz Pardo, homenaxeado co Día das Artes Galegas do pasado 2025, cando me esforcei por presentar esta figura aos meus alumnos de Artes no IES Adormideras, que se podía ver na punta da península da Torre, ocultada pola brétema. Despois de volver cruzar a pasarela, comemos nun restaurante do paseo marítimo de Santa Cruz, abarrotado de paseantes con ganas de verán. Mentres comiamos vimos na televisión as noticias da Guerra de Irán. Acordeime tamén do meu avó de Melide, José, que sempre nos levaba comer ao restaurante Xaneiro para celebrar o seu santo. E, con este recordo do patriarca de Melide no día do seu santo, marchamos de Santa Cruz, co seu Castelo sitiado de visitantes que parecían querer adiantar o verán, mentres a marea subía.