Aproveitando que chegan as vacacións estivais, despois dun longo curso, collemos o coche para seguir coñecendo Galicia, pois faltan aínda moitos lugares por descubrir na nosa terra. Esta vez visitamos Pontevedra, a capital das Rías Baixas que regan as augas do río Lérez. Unha cidade chea de historia, mais tamén unha das máis modernas de Galicia.
Vista da Ponte dos Tirantes, enriba das augas do Río Lérez.
E que mellor maneira de coñecer Pontevedra que da man dun dos seus habitantes máis célebres: Ramón María del Valle-Inclán, que paseou durante moitos anos as súas longas barbas de chivo pola cidade do Lérez. O gran literato galego fainos de cicerone polas rúas empedradas e polas fermosas prazas pontevedresas. Camiñamos entre casas brasonadas, pazos urbanos, acolledores soportais e cruceiros labrados polo cicel dos vellos canteiros galegos. Tamén moitas fontes fan honor ao cantar popular que di: "Pontevedra é boa vila, da de beber a quen pasa".
Unha das características fontes na Praza da Verdura de Pontevedra.
Chegamos a Praza das Ferrerías, unha das máis coñecidas da cidade. Nela vemos os xardíns de Casto Sampedro, coas súas fontes cantareiras. Ao fondo vemos a fachada do convento de San Francisco. No seu interior, nun maxestoso sartego de granito, descansan as cinzas do meu querido Paio Gómez Chariño, trobador e mariño galego do século XIII. Xusto detrás da praza, atopámonos co santuario da Virxe da Peregrina, patroa da cidade. Tamén vemos un monumento do loro Ravachol, emblema do Entroido de Pontevedra.
Vista do santuario da Virxe da Peregrina desde os xardíns de Casto Sampedro.
Seguimos o noso percorrido por Pontevedra: a Praza da Leña, a Ponte do Burgo, a Praza da Verdura, o Pazo de Mugartegui, a Basílica de Santa María, a Rúa Real, a Praza do Teucro, a Casa das Campás, o Cruceiro das Cinco Rúas... Pasamos por diante do Concello (por certo, o día da nosa visita tomaba posesión por sexta vez como alcalde Miguel Anxo Fernández Lores). Chegamos ás ruínas de Santo Domingo, que se levantan lembrando séculos pasados e tempos que foron. Falaremos con máis profundidade delas noutro momento, porque ben merecen un texto a parte. Despois de visitar as magníficas ruínas, perdémonos polos xardíns de Colón, preto da Alameda pontevedresa. Alí, arredor dunha estatua do gran navegante, fontes con forma de deuses antigos e nenos espidos deixan caer fervenzas dos seus canos de bronce.
Estatua de Cristóbal Colón nos xardíns de Pontevedra que levan o seu nome.
É tempo de marchar. Dóenos no corazón ter que lle dicir adeus á Pontevedra, esa fermosa cidade que tan ben nos acolleu nas súas prazas e rúas. Mais as campás da Peregrina xa tocan un réquiem pola morte do día. As sombras comezan a medrar e debemos regresar á Coruña. Emprendemos o camiño de volta. Deixamos na Praza de Méndez Núñez a Valle-Inclán, o noso guía neste roteiro por Pontevedra. Alí queda don Ramón, contemplando como pasan as xentes polas rúas da cidade que tanto quixo. Adeus, Pontevedra: Volverémonos ver.
Estatua de Ramón María del Valle-Inclán na cidade de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario