A cidade de Santiago de Compostela foi crucial na vida de Valle-Inclán. Porque, quen pode contemplar as pedras eternas de Compostela, as súas rúas empedradas, as gárgolas dos tellados que deixan caer fervenzas das súas bocas nas tardes de chuvia; sen levalas gravadas no seu corazón? Os seus amores con Compostela comezaron en setembro de 1886, cando se traslada para cursar a carreira de Dereito. Non aprobou ningún curso, mais descubriu a súa vocación literaria.
Os ollos de Valle-Inclán póusanse nas torres da catedral.
Poderíamos facer un percorrido literario pola cidade detrás das pegadas de Valle. Comezamos, como non podía ser doutro xeito, no Paseo dos Leóns da Ferradura. Nun dos seus bancos agárdanos don Ramón, escoitando o bruar do vento nos carballos de Santa Susana, contemplando cos seus ollos enigmáticos as torres da catedral. Camiñamos pola Alameda, escenario de tantos bicos e romances secretos, ata chegar a Porta Faxeira, unha das sete da desaparecida muralla medieval de Santiago de que nos fala o Códice Calixtino.
E pisamos xa nas rúas milenarias do casco vello, lousas gastadas polos pasos constantes dos peregrinos durante séculos. Qué fermosas rúas de pedra, que discorren entre casas brasonadas e soportais decorados con vieiras e marcas de vellos canteiros! E tan fermosos como as propias rúas son os nomes destas, nomes que gardan ecos do pasado: Franco, Vilar, Nova, Raíña, Xelmírez, Casas Reais, Conga, Preguntoiro, San Francisco, Val de Deus, Orfas, Fonseca, Troia, Xerusalén... Chegamos á Praza de Cervantes. Nela vemos o busto do Príncipe das Letras, que mira con ollos altivos as nubes que pasan.
Os nosos pasos lévannos ao vello Café Derbi, un dos centros intelectuais da cidade. Alí facía tertulia Valle-Inclán nas tardes do seu derradeiro ano de vida, antes de que tocasen por el as badaladas de Compostela. Pois foi en Santiago onde don Ramón nos deixaba para sempre o 5 de xaneiro de 1936. Os seus restos durmen na paz do cemiterio de Boisaca, nos arrabaldes da cidade. Aquí, diante do seu busto na Praza de Galicia, rematamos o noso paseo literario. O sol xa se deita tras os cumes do monte Pedroso. Nós despedímonos de Valle-Inclán e perdémonos polas vellas rúas, repletas de peregrinos, que xa se preparan para celebrar o Ano Xacobeo de 2021.
Faltan só dous anos para que volvamos abrir a Porta Santa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario