Erguidas hai máis de mil anos, vixiadas polos cumes solitarios do monte Bocelo, as torres do Mosteiro de Sobrado dos Monxes presiden todos os recordos da miña infancia, a patria do home que dixo o poeta Rilke. Para visitar o mosteiro percorremos a ruta da Carballeira, a carón das vellas murallas do cenobio medieval. A luz matinal, peneirada polas follas de mil carballos, cae nos sendeiros polos que parece que nos imos atopar en calquera momento co bandido Fendetestas.
Camiñando pola Ruta da Carballeira.
Ao final do camiño divisamos as torres do mosteiro, que contemplan fragas e pradarías de silencio. Á sombra dos cipreses, deitados nas herbas ou sentados aos pés do cruceiro, moitos peregrinos collen folgos para chegar a Compostela polo Camiño do Norte. Entramos xa no mosteiro. Percorremos os seus deliciosos claustros, nos que descansan os peregrinos e nos que se poden ver aínda monxes paseando cos seus hábitos brancos.
O Claustro dos Peregrinos de Sobrado.
Fundado no 952 polos Condes de Présaras como cenobio familiar, non foi ata 1142 cando chegaron da abadía francesa de Claraval os primeiros monxes que converteron a Sobrado nun dos primeiros mosteiros cistercienses da Península. Nos seus días de gloria foi dos cenobios máis poderosos en España, gozando de privilexios como a propiedade de todas as baleas pescadas no mar Cantábrico.
Paseando debaixo dos arcos do mosteiro.
Tras a desamortización de Mendizábal de 1836 o mosteiro foi abandonado. As hedras medran polas pedras esquecidas e nos seus claustros só se pousan os raios do luar. Ademais, unha das torres é destruída por un lóstrego. Na reconstrucción da torre participaron moitos dos veciños de Sobrado, entre eles o meu avó. En 1954, por iniciativa do cardeal de Galicia Quiroga Palacios, o mosteiro cisterciense de Viaceli, en Cantabria, faise cargo da restauración de Sobrado. O 25 de xullo, día de Galicia, regresan os monxes. Recentemente, en 2015, foi declarado Patrimonio da Humanidade. Hoxe o mosteiro está en obras, para recuperar o seu máximo esplendor.
Vista das torres desde o claustro dos Medallóns.
Cando saímos xa se deita o sol tras os cumes do Bocelo. Os primeiros morcegos tecen os fíos escuros da noite. O Mosteiro de Sobrado dos Monxes é para min un amigo, un inmenso camarada de pedra presente nas miñas lembranzas máis queridas. Que lonxe se foron aquelas tardes douradas de outono, cando vían os meus ollos de neno navegar as follas murchas polas augas escuras do Tambre! Á sombra das súas torres, nas que se pousan as andoriñas nos estíos dourados, descansan as cinzas dos meus devanceiros. Algún día tamén eu serei cinzas e descansarei con eles para sempre, cando toquen por min as badaladas do Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
O Mosteiro de Sobrado dos Monxes no crepúsculo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario