Nas vacacións de Nadal do pasado 2018, aproveitando que tiñamos un breve período de descanso, ocorreusenos visitar Ourense, a cidade das Burgas, unha das sete cruces do Vello Reino de Galicia. Ourense, unha cidade que polos seus grandes artistas e pensadores (Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Blanco Amor, Lamas Carvajal, Basilio Álvarez...) foi tamén coñecida como Atenas de Galicia.
As Burgas, un dos símbolos da cidade de Ourense.
Tras aparcar no Ribeiriño, entramos na cidade pola Ponte Romana, símbolo da vella Auriense. Esta Ponte Maior ou Ponte Vella foi nos seus días unha das de maior lonxitude do Imperio Romano. Ao camiñar pola ponte, cuxos arcos bican as augas caladas do Pai Miño, os nosos zapatos arrincan un eco de séculos das lousas milenarias. Despois de cruzar a Ponte Vella, adentrámonos no corazón da cidade: a Rúa do Progreso, a Rúa do Paseo, Santa Eufemia... Desembocamos na Praza Maior, sede do Concello. Percorremos despois ese dédalo de rúas estreitas de nomes históricos que rodean a catedral: Cortés, Colón, Lepanto, Cervantes... E chegamos por fin a literaria Rúa da Paz, onde naceron dúas das figuras máis importantes da literatura galega: Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo. Máis arriba, na Praza do Correxidor, unha estatua lémbranos tamén ao gran don Ramón, o Patriarca das Letras Galegas.
Estatua de don Ramón Otero Pedrayo na Praza do Correxidor de Ourense.
Seguimos logo polas rúas que rodean a catedral. Na Praza do Ferro, a fonte derrama cantigas de prata polos seus canos de pedra. Baixamos ás Burgas, ao literario xardín do Posío, á Praza dos Suaves... As badaladas da catedral avísannos de que temos que marchar. Emprendemos entón o regreso pola Rúa do Progreso. Na Praza do Bispo Cesáreo, Eduardo Blanco Amor queda coas mans no peto pensando nos seus biosbardos.
Estatua de Eduardo Blanco Amor na Praza do Bispo Cesáreo.
O sol xa se deita nos cumes das montañas, tinguidos polo sangue do crepúsculo, o que nos fai lembrar outro gran escritor ourensán: Xosé Luís Méndez Ferrín. Nós cruzamos outra vez a Ponte Vella camiño do noso coche que deixamos no Ribeiriño. Xa danzan as primeiras estrelas nas augas do río Miño, que pasa silencioso para morrer nas ondas do mar. Marchamos xa, pensando nos nosos adentros que Ourense, sen dúbida, ten ben merecido ser chamada Atenas de Galicia.
Vista do Río Miño desde a Ponte Romana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario