O pasado verán, despois de saber a boa noticia da restauración do Pórtico da Gloria, non dubidamos en irlle facer unha visita. Así que collemos un tren na Coruña. Non tardamos en ver a través dos cristais do noso vagón as torres da cidade de Compostela, molladas por unha chuvia de séculos, que custodian con devoción os restos do Fillo de Zebedeo.
A Praza das Praterías, coa Berenguela de fondo.
Qué gusto da sempre camiñar polas rúas de Compostela, pisadas antano polos bordóns de tantos peregrinos, percorridas hoxe por estudantes cheos de vida, ateigadas de xentes vidas de todos os países do mundo! E sentir a canción eterna da Fonte dos Cabalos nas Praterías e tamén as badaladas melancólicas da Berenguela, que nos lembran aquelo que dicían os vellos romanos: "Omnes vulnerant, ultima necat". Así, neste paseo feliz, os nosos pasos lévannos por fin á Praza do Obradoiro. Alí poñemonos á cola para poder visitar o Pórtico da Gloria, a xoia do románico medieval en Europa.
Chegamos á Praza do Obradoiro.
Despois de varias horas esperando, entramos polas portas da catedral, tan emocionados como peregrinos de tempos antigos. Agora sí, por fin, contemplamos o Pórtico. Os nosos ollos énchese coa visión das pedras labradas polo cicel divino do Mestre Mateo. Esta obra de arte era o que vían os peregrinos ao final do Camiño, cando chegaban exhaustos ao Templo das Estrelas. Despois de vir desde moi lonxe (Francia, Inglaterra, Alemaña, Italia, Irlanda, Escocia, Bretaña, Flandes, Provenza...), os romeiros sentíanse libres de todos os seus pecados e pasaban co corazón en calma debaixo das mesmas Portas do Ceo.
O Señor Santiago preside o Pórtico da súa catedral.
No centro do Pórtico vemos ao noso patrón Santiago, que recibe con mirada paternal aos visitantes do seu templo. O Señor aparece coas súas mans chagadas, vencedor da morte nos cumes do Calvario, a carón dos anxos que portan os instrumentos da Paixón (a Cruz, a Columna, os Cravos, a Coroa de Espiñas, a Lanza...). Na parte superior, os músicos anciáns da Apocalipse, portando nas frontes coroas douradas e vestindo túnicas brancas de seda, preparan os seus instrumentos (arpas, salterios, zanfonas, organistrum...) para tocar as súas serenatas divinas na Xerusalén Celeste. E tamén, entre Isaías e Xeremías, coas meixelas coloradas e cos rizos dourados bailándolle na fronte, o profeta Daniel sorrí polos séculos dos séculos.
O sorriso de Daniel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario