mércores, 14 de agosto de 2019

O sartego de Paio Gómez Chariño

No convento de San Francisco, que segundo din as lendas foi fundado polo mesmo Santo de Asís cando peregrinou cara Compostela no século XIII, atopamos un dos segredos mellor gardados da cidade de Pontevedra: o sartego de Paio Gómez Chariño. Neste maxestoso sarcófago de granito repousan as cinzas deste destacado nobre galego, que foi heroe nas augas do Guadalquivir. 


O convento de San Francisco de Pontevedra.

Paio Gómez Chariño naceu nalgún lugar indeterminado do suroeste de Galicia, probablemente na mesma cidade de Pontevedra. Emparentado coa poderosa liñaxe dos Soutomaior, foi unha figura decisiva na política da Coroa de Castela do século XIII. En 1248 loitou coa frota cristiá de Rodrigo Bonifaz, ás ordes do rei Fernando III, na Reconquista de Sevilla. Na batalla participaron moitas outras naves galegas, sobre todo de Noia e Pontevedra, os dous principais portos de Galicia naquel  tempo. Din as crónicas que o seu barco foi o primeiro en romper a ponte de cadeas de Triana para embestir os navíos musulmáns no Guadalquivir. Polo seu valor e dotes militares na batalla foi nomeado Adiantado Maior do Reino de Galicia, Almirante do mar e señor da vila de Rianxo. 


Vidreiras do convento de San Francisco.

Ademais de militar, Chariño foi  tamén un gran trobador en lingua galega. Consérvanse del 28 poemas nos Cancioneiros Medievais, algunhas das cantigas máis fermosas da lírica galego- portuguesa, como aquela dedicada ao noso Patrón Santiago que di "Ai Santiago, padrón sabido...". Aquí vos deixamos un enlace por se queredes escoitar unha das súas obras interpretadas polo grupo de música antiga Mendiño: https://www.youtube.com/watch?v=gnq2If_TWZY. Destacan as súas barcarolas, pois o mar está sempre presente nas súas composicións. Viviu na Corte de Toledo de don Alfonso X. A pesar dos seus enfrontamentos políticos, o rei sabio apreciábao polas súas dotes poéticas. Morreu en 1295 na localidade salmantina de Ciudad Rodrigo, asasinado por motivos amorosos ou políticos. Acoitelouno no corazón o cabaleiro Rui Pérez Tenorio.


Sartego de Paio Gómez Chariño. 

Despois da súa morte, os seus restos foron trasladados a Galicia para ser enterrados no convento de San Francisco. Alí, no corazón da cidade do Lérez, as súas cinzas durmen bañadas pola luz que filtran as vidreiras, a carón da súa muller María Ximénez de Maldonado, soñando quizais coas ondas do mar e coas damas e doncelas de cristal do tempo das cantigas. O seu sepulcro móstranos o gran almirante galego portando coas mans as súas armas, cos pés sostidos por dous leóns e cos rízos caéndolle na fronte. Ao pé do sartego, en letras góticas, pódese ler isto: "Aquí xaz o moi nobre cabaleiro Paio Gómez Chariño, Adiantado Maior do Reino de Galicia, primeiro señor de Rianxo, que gañou Sevilla sendo de mouros". 


Brasón de Paio Gómez Chariño. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario