luns, 15 de xullo de 2019

Betanzos, cidade dos Cabaleiros

Este pasado fin de semana visitamos Betanzos, a cidade dos Cabaleiros, unha das sete cruces que relucían no brasón do Vello Reino de Galicia. Tras entrar polo arco da Ponte Nova, temos a sensación de retroceder no tempo cara séculos pasados. As vellas rúas de pedra de Betanzos, engalanadas con fitas e pendóns medievais, prepáranse para celebrar a Feira Franca Medieval, conmemorando que en 1465 o Rei de Castela Enrique IV lle concedeu o título de cidade.


Entrando pola porta da Ponte Nova de Betanzos.

Chegamos a Praza dos Irmáns Naveira, dous dos grandes benefactores da cidade, que sinalan cara ás Américas onde conseguiron a súa fortuna que logo gastaron en edificios públicos na súa vila natal. No centro da praza, a fonte da Diana, de cor verde, decorada con figuras de lendarias sereas e tritóns, deixa caer fervenzas de prata polos seus canos, abrasados polo sol do mediodía. As badaladas de Santo Domingo xa dan as dúas. Así que buscaremos un sitio para comer antes de percorrer o casco vello da cidade brigantina.


Estatua dos Irmáns García Naveira na praza do seu nome.

Xa cos ánimos recobrados, subimos logo pola Praza da Constitución, unha das máis históricas de Betanzos. O Pazo de Bendaña fálanos de tempos idos e a Casa Núñez de fantasías modernistas. Tamén vemos un marcador electrónico que conta as horas e segundos que faltan para que Betanzos, fundado no 1219, faga oitocentos anos de historia neste 2019. Deixamos atrás as torres da Igrexa de Santiago. Perdémonos por un labirinto de rúas de nomes enxebres (Rúa dos Ferreiros, dos Prateiros, dos Ferradores...) ata chegar á Praza de Fernán Pérez de Andrade, un dos centros principais do gótico en Galicia. Recíbenos a Igrexa de Santa María do Azougue.


Fachada da Igrexa de Santa María do Azougue.

E entramos por fin no templo de San Francisco, un dos máximos exponentes do gótico galego. Nel está soterrado Fernán Pérez de Andrade "O Boo", o cabaleiro que fixo da liñaxe dos Andrade unha das máis poderosas do seu tempo. Este nobre galego ten un papel decisivo na Historia de España. En 1366 estalaba a Guerra Civil en Castela. Fernán Pérez de Andrade apoiou nun principio ao rei lexítimo, Pedro I, tamén chamado polos seus inimigos Pedro "O Cruel" e polos seus partidarios Pedro "O Xusticieiro". Pero despois, ao ver o rumbo que tomaban os acontecementos bélicos (as Compañías Brancas, integradas por mercenarios franceses, cruzaban os Pireneos para loitar contra Pedro I), pasouse ao bando do irmán bastardo de Pedro I, Enrique de Trastámara, futuro Enrique II de Castela. En 1369, o rei Pedro I é asasinado a traición no Castelo de Montiel polo seu irmán. A lenda di que Fernán Pérez de Andrade foi quen suxeitou ao rei lexítimo mentres o usurpador lle asestaba a puñalada mortal. E tamén se di que, ante á mirada de reproche do monarca traizoado, o de Andrade respondeu cunha das frases máis célebres da historia de España: "Eu non quito nin poño rei, pero axudo ao meu señor". Tras este rexicidio, Fernán Pérez de Andrade convertiuse no nobre máis poderoso de Galicia, a man dereita de novo rei, o usurpador Enrique II. Deste fascinante capítulo da nosa historia fálanos o maxestoso sepulcro de Fernán Pérez de Andrade "O Bo", no interior do templo de San Francisco. O sartego do nobre, representado co forma dun orante cabaleiro, descansa nas cabezas dun xabarín e dun oso, símbolos da liñaxe dos Andrade.


Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade "O Bo"

Agora si, toca despedirse de Betanzos, a cidade dos Cabaleiros, a capital do gótico galego. Atrás quedan as rúas cheas de postos de comida, de xogos antigos e de representacións de xustas de cabaleiros. Dentro das súas vellas murallas lembramos tempos idos de trobadores, reis, traicións, batallas e torneos. Apuramos os nosos últimos momentos en Betanzos camiñando polo Parque do Pasatempo. E, como se se despediran de nós, as barcas betanceiras cabecean docemente nas augas do río Mandeo, agardando que cheguen os días felices dos Caneiros.


Barcas no Río Mandeo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario