xoves, 27 de xuño de 2019

O Pergamiño Vindel

Hai xa case dous anos, despois de moito tempo lonxe das ondas do mar de Vigo que cantaron os seus versos, as cantigas do trobador vigués Martin Codax regresaban a Galicia. Desde o 10 de outubro de 2017 ata o 4 de marzo de 2018, esta xoia da literatura medieval europea púidose visitar no Museo do Mar de Galicia, na cidade de Vigo, a carón mesmo da Praia de Samil.



Réplica dunha dorna que se pode ver no Museo do Mar de Vigo.

Alí nos fomos desde Coruña. Foi nun día de chuvia do mes de decembro, pola ponte da Constitución.     Tras varias horas en coche, coa canción monótona das pingas de chuvia golpeando no cristal, chegamos por fin ao Museo do Mar. Antes de ver o pergamiño, fixemos un breve percorrido polas salas do museo, que gardan os segredos e misterios do mar de Galicia. Puidemos ver réplicas de dornas de madeira, nas que navegaban os mariñeiros polas nosas rías no pasado; escafandras e demais instrumentos de mergullo, empregados polos aventureiros que buscaban os lendarios tesouros dos galeóns de Rande; un mapa da viaxe do HMS Beagle, o barco no que navegou Charles Darwin... e ata poidemos ver unha réplica do Trofeo Teresa Herrera gañado polo Real Club Celta de Vigo na casa do seu eterno rival.


Trofeo Teresa Herrera que se pode ver no Museo do Mar de Vigo.

Despois de visitar as salas do Museo, a guía da exposición levounos por fin a planta que gardaba o Pergamiño Vindel, obxecto principal da nosa visita. Nesta sala, decorada con putros obxectos do Medievo, retrocedemos aos tempos das cantigas galego-portuguesas. Vemos biblias traídas de diferentes catedrais españolas, chaves oxidadas que abrían as portas de cidades medievais, columnas pertencentes ás grandes abadías de Galicia (Sobrado dos Monxes, Oseira, Samos...), instrumentos de madeira que reproducen os que tocan os músicos anciáns no Pórtico da Gloria, cítaras que tocaban os trobadores nas Cortes de Portugal e Castela... E, por fin, cun cadro das Illas Cíes pintadas por Lugrís de fondo, o Pergamiño Vindel coas sete cantigas de Martin Codax, escritas no manuscrito coa minuciosa caligrafía do amanuense medieval.


O Pergamiño Vindel coas sete cantigas de Martin Codax.

O 4 de marzo de 2018 o Pergamiño Vindel, único documento que contén a notación musical das cantigas medievais galego-portuguesas, regresou aos Estados Unidos, á Morgan Library de Nova York. Unha lástima que unha peza de valor incalculable, unha das obras máis importantes da nosa literatura non se poida visistar en Galicia. En fin, despois de visistar o museo, buscamos un restaurante para comer ao lado da praia de Samil, envolta nun manto gris de orballo, coa silueta das Illas Cíes de fondo. Alí, naquela mañá gris da ponte da Constitución, facía balance daquel primeiro cuadrimestre na carreira. Por último, despois de terminar a comida, subimos outra vez ao coche para volver a Coruña, mentres na praia rompían mansas as ondas do mar de Vigo, meu amigo...


Mural de Luís Seoane no Museo do Mar de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario