Este mes de maio cúmprense tres anos do nacemento deste pequeno blog, desta humilde bitácora creada por dous vellos amigos, camaradas desde que corríamos cos nosos mandilóns verdes no patio do colexio Eusebio da Guarda, para compartir os seus escritos. Así que, para celebrar este inesperado terceiro aniversario, queremos reactivar este espazo de creación que fomos abandonando nos últimos anos, ao noso pesar, por causa de compromisos académicos e falta de tempo. E, nesta nova entrada, queríamos recordar unha visita que realizamos á cidade de Salamanca, na Semana Santa do ano 2018, cando non podiamos nin imaxinar o mundo de pandemias e de guerras que nos esperaba no futuro.
Subindo pola Calle de la Compañía de Salamanca.
Agora, catro anos despois, podo recordar ir no coche naquela mañá, coa chuvia caendo no parabrisas. Despois de varias horas conducindo, cruzamos o túnel que separa Galicia de Castela e León e saímos por fin da nosa comunidade, que nos despedía coa silueta redondeada das súas montañas, ocultas detrás do manto gris do orballo. Despois avanzamos pola provincia de León e deixamos atrás Zamora, unha cidade que parece durmida nun soño de romances e crónicas esquecidas, bañada polo río Duero. A medio camiño, paramos a comer en Morales del Vino, unha pequena localidade da provincia de Zamora, un deses lugares fantasma da "España vaciada". E, pola tarde, chegamos por fin a Salamanca, acompañados sempre pola chuvia, que non se separou de nós desde que saímos de Galicia. Alí, na capital salmantina, instalámonos no hostal Albero, situado na Plaza de las Carmelitas, en pleno centro da cidade do Tormes.
Monumento do Lazarillo co cego na entrada de Salamanca.
Tras aparcar, cargados coas nosas mochilas e coas nosas maletas, subimos as sombrías escaleiras que conducían ao piso do hostal, onde fomos recibidos por un recepcionista moi amable, casualmente tamén galego, que nos falou con morriña da súa familia de Arteixo. Unha vez dentro, o noso paisano mostrounos as nosas habitacións e deunos tamén un mapa turístico cos lugares de maior interese do centro de Salamanca. Así, despois de instalarnos, saímos para ter a nosa primeira toma de contacto, naquela tarde de chuvia, cos lugares máis emblemáticos da capital salmantina: o Convento das Úrsulas, o Palacio de Monterrey, o monumento de Don Juan de Austria, o convento de San Esteban, a torre do convento da Clerecía, a Calle de la Compañía, a catedral, a Torre del Clavero, a Plaza de Anaya coa súa prestixiosa Facultade de Filoloxía Hispánica, a famosa Casa de las Conchas repleta de turistas que tomaban fotografías para subir as súas redes sociais...
A "Casa de las Conchas" de Salamanca.
Terminamos o noso primeiro paseo, como non podía ser doutra forma, na célebre Praza Maior de Salamanca, coas súas fachadas churriguerescas e coas súas efixies de personalidades destacadas da Historia de España. Alí, naquela praza rectangular repleta de bandeiras españolas ondeando nos seus balcóns dourados, entramos no Café Novelty, un lugar que evoca ese desparecido mundo dos cafés literarios de antano: mesas de mármore cubertas con periódicos que xa ningúen lee, espellos de cristal gastados polo tempo, unha galería de fotografías antigas de Salamanca, fichas de dominó, taboleiros de xadrez que esperan por alguén que os saque do abandono das súas esquinas... Nunha das mesas do café, sentado coas súas míticas gafas escuras, encontramos a monumento de don Gonzalo Torrente Ballester, outro paisano galego por terras salmantinas. Torrente, autor dalgunhas das novelas máis importantes da literatura española do pasado século XX, era un asiduo das tertulias deste café, onde pasou a maior parte dos seus últimos anos, despois de xubilarse como profesor de español nun instituto da cidade. Alí, sentados ao lado do monumento do novelista de Ferrol, tomamos un café, o café máis caro da nosa vida, polo que nos meteron un sablazo que case nos quedamos tan fríos como a estatua do escritor.
Despois de comer, para terminar de descubir o casco histórico da cidade, visistamos o outro gran emblema de Salamanca: a súa Universidade, a máis antiga en activo de toda España. Diante da súa fachada, fotografiada por unha multitude de turistas que trataban de encontrar a famosa rana que segundo a tradición universitaria augura éxitos académicos aos estudantes, vimos a estatua de Fray Luis de León, un dos moitos autores ilustres que pasaron polas aulas salmantinas. Porque Salamanca, para un estudante de hispánicas coma min, é un auténtico paraíso, polo que pasaron algunhas das figuras máis importantes da literatura española: Fernando de Rojas, Cervantes, Fray Luis de León, Diego Torres de Villarroel, José de Espronceda, Gonzalo Torrente Ballester, Carmen Martín Gaite... Ademais, esta cidade de pedras douradas foi tamén escenario dalgunhas das obras capitais da literatura en lingua castelá, obras ambientadas en lugares que se poden visitar actualmente, como o "Huerto de La Celestina", onde Calixto ve por primeria vez a súa amada Melibea ao entrar perseguindo un falcón, ou a famosa ponte romana sobre o río Tormes, o lugar onde o inocente Lázaro recibe esa dolorosa primeira lección de vida por parte do astuto cego...
Estatua de Fray Luis de León diante da fachada da Universidade de Salamanca.
Por Salamanca tamén pasou Miguel de Unamuno, o reitor máis ilustre da historia da Universidade. Aquí, nesta cidade de pedras douradas, o escritor vasco encontrou por fin o seu lugar no mundo, exercendo durante décadas como catedrático de grego, converténdose nun dos profesores máis admirados e queridos polos alumnos do claustro universitario salmantino. Precisamente no paraninfo da Universidade de Salamanca tivo lugar o seu famoso enfrontamento co fundador da Legión Española, o coruñés Millán Astray, autor do tristemente célebre grito de "¡Viva la muerte! ¡Muera la inteligencia!". Despois deste episodio de valentía, que o situou no punto de mira das novas autoridades franquistas, Unamuno pasou os seus últimos días apartado do seu cargo, recluido na súa casa de Salamanca, arrepentido de ter apoiado o golpe de estado que vía como a única oportunidade de traer orde fronte o caos en que estaba sumida a República. Ese foi o triste final de don Miguel, que faleceu na coñecida como "Casa de las Muertes", un edificio decorado con calaveiras e figuras macabras na súa fachada. Alí, diante da casa en que faleceu naquel fatídico verán de 1936, pódese ver un monumento do escritor bilbaíno, inmortalizado na súa pose máis característica, coas mans entrelazadas detrás da espalda, vestido completamente de negro, como unha especie de asceta moderno.
Estatua de Miguel de Unamuno no Campo de San Francisco de Salamanca.
Por último, para concluir a nosa estancia en Salamanca, asistimos ás procesión de Semana Santa. Alí, na noite salmantina, repleta de misterio, presenciamos aquel espectáculo propio da España máis tradicional, un espectáculo que parecía sacado dun videoclip de C Tangana: a talla do Señor coas mans atadas a quen dous soldados romanos conducían á morte nos cumes do Calvario, os disciplinantes vestidos con capuchas e túnicas moradas que portaban nas mans cirios de luz vacilante, o retumbar solemne dos tambores que rompían aquel silencio relixioso, os devotos católicos que seguían como formigas os pasos das figuras enlutadas... Así, seguindo nós tamén a procesión polo centro da cidade, nas inmediacións da catedral, escribimos o punto final á nosa visita. Por último, ao final da ceremonia, volvemos ao hostal polas fantasmagóricas rúas de Salamanca, iluminadas por farois anacrónicos, mentres a silueta da lúa chea asomaba sobre a torre da catedral, naquela noite de Xoves Santo.
A torre da catedral de Salamanca coa lúa de fondo.