luns, 23 de maio de 2022

En ruta con Cervantes

No mes de marzo do ano 2017, a punto de terminar o noso paso polo instituto, un grupo de estudantes realizamos a coñecida como "Ruta del Quijote", unha ruta literaria que se convertiu xa nun auténtico ritual de despedida para as sucesivas promocións de alumnos do centro. Así que, acompañados polos nosos compañeiros durante todos estes anos de formación e e cun exemplar de El Quijote metido na mochila, subimos ao bus, que nos esperaba no paseo marítimo, e marchamos para realizar a ruta, naqueles días tan raros de despedidas das aulas e de tardes de estudo para preparar o temido exame de Selectividade. 


Estatua de Cervantes en Argamasilla de Alba.

A primeira parada foi Madrid. Alí, na capital española, paramos no Museo del Prado, a pinacoteca barroca máis importante do mundo, que visitei por primeira vez aquela tarde. Unha vez dentro, tras esperar varios minutos nas interminables colas de turistas que se formaban nas inmediacións do museo, puidemos ver algunhas das súas obras máis famosas: El jardín de las delicias de El Bosco, Carlos V en Mulhberg de Tiziano, Los fusilamientos del 2 de mayo de Goya, Adán y Eva de Durero... Finalmente, tras deambular entre retratos de validos e reis de España, chegamos ao principal reclamo da pinacoteca: Las Meninas de Velázquez, que contemplamos en silencio, molestados por uns incómodos turistas asiáticos que non tiñan reparos en propinarnos codazos para conseguir os mellores ángulos nas súas fotografías. Despois de visitar o Museo, onde nos quedaron tantos cadros aínda por descubrir, o resto da tarde pasámola paseando por algúns dos lugares máis castizos do centro do vello Madrid, como a recoleta Plaza de la Villa, que ten no centro a estatua do célebre mariño español don Álvaro Bazán, Marqués de Santa Cruz e Almirante da Armada Española na Batalla de Lepanto. 


A preciosa Plaza de la Villa de Madrid.

Ao final do día subimos ao bus, que nos esperaba na rotonda da estación de Atocha, e chegamos a Toledo, o lugar onde nos hospedamos, que nos recibía cunha espectacular panorámica: as casas presididas pola silueta do Alcázar, as luces que se duplicaban nas augas do río Tajo, a torre da catedral que parecía sacada dun cadro do Greco... Tras esta primeira toma de contacto coa cidade, instalámonos no noso hotel "Los Cigarrales", onde pasamos a nosa primeira noite. Ao día seguinte, cos primeiros raios de sol, cruzamos a Ponte de San Martín e subimos para visitar os monumentos máis importantes: o Monasterio de San Juan de los Reyes cos seus preciosos claustros góticos, a Casa Museo del Greco, o Museo Sefardí, a catedral.... Subimos polas rúas empinadas e laberínticas do centro de Toledo, entre torres de vellas igrexas, sinagogas e mesquitas. Despois de comer na céntrica Praza de Zocodover, terminamos a nosa visita no Alcázar, onde visitamos o "Museo del Ejército Español", en que se podían ver uniformes de militares de todas as épocas e se explicaba a toma de Toledo por Franco na Guerra Civil. Para terminar o día, asomados ao mirador do patio do Alcázar, ao lado da estatua do Emperador Carlos V, contemplamos as impresionantes vistas de cidade, que parecía sacada dun soño naquela tarde de marzo.


A catedral de Toledo.

O seguinte día foi para visitar unha serie de pequenos lugares vinculados á novela de Cervantes, aldeas do corazón da Mancha, perdidas entre campos dourados polo sol e brancos muíños de vento: Argamasilla de Alba, Alcázar de San Juan, Puerto Lápice, El Toboso, Consuegra, Montiel, Ruidera, Daimiel... Despois de comer nun local típico manchego, rodeados de camioneiros que recobraban forzas, pola tarde chegamos a Villanueva de los Infantes, a localidade máis grande de todas as que visitamos neste día tan intenso, onde están enterrados os restos do escritor Francisco de Quevedo y Villegas. Por último, como punto final do noso periplo polo corazón da Mancha, terminamos o día noutro dos lugares máis míticos da literatura española: o teatro de Almagro, único corral de comedias da Penínusla que se conserva como no século XVII: as butacas de madeira, as tramoyas, as cortinas, os cubos de metal cos que os asistentes sacaban auga do pozo para beber durante os entremeses...


Entrada do corral de comedias de Almagro.

O último día da ruta, antes de volver a Coruña, paramos por segunda vez en Madrid, concretamente no vello Madrid dos Austrias, ese Madrid en que se publicou en 1605, na imprenta de Juan de la Cuesta, a primeira parte de El ingenioso hidalgo Don Quijote de La Mancha de Miguel de Cervantes Saavedra. Así que, naquela mañá de soleada de marzo, visitamos os lugares máis emblemáticos do Madrid austríaco: o Palacio Real, a catedral de La Almudena, a Praza Maior, as estatuas dos reis godos na Praza de Oriente... Visitamos tamén o Barrio das Letras, onde coincidiron no século XVII os grandes autores do Século de Ouro español, como Lope, Quevedo, Góngora, Calderón ou o propio Cervantes. Tamén vimos a estatua doutro dos grandes escritores da literatura española: Federico García Lorca, inmortalizado na céntrica Praza de Santa Ana, enfrente do Teatro Español.


Estatua de Lorca na Praza de Santa Ana de Madrid.

Por último, despois de comer nun dos carísimos restaurantes da Praza Maior, terminamos a nosa ruta na Praza de España, corazón de Madrid. Alí, aos pés do monumento de Cervantes e das estatuas de Don Quijote e Sancho Panza, sacamos todos xuntos a tradicional fotografía de familia, para poñer o punto final á nosa ruta. Antes de subir ao bus aínda curioseamos polos postos de libros instalados na praza, onde ten lugar a Feira do Libro de Madrid cada 23 de abril, dia da morte de Cervantes. E, finalmente, nos últimos compases daquela tarde madrileña, subimos ao bus de regreso para Coruña. Volvemos todos en silencio, melancólicos, cun pouso de melancolía no corazón, con esa sensación tan desagradable das despedidas. Desde o meu asento, que me tocou compartir co meu compañeiro Carlos, miraba como pasaban detrás do cristal as nubes, ondeando no ceo como brancos panos de despedida. 


O monumento a Cervantes na Praza de España, punto final da ruta.