Outono: os bosques xa se visten de cores decadentes e, no corazón, os violíns de Verlaine tocan a súa partitura de saudade. Imos pensando todas estas cousas, nesta tarde gris de novembro, mentres nos diriximos a Santa María, un templo románico do século XII, situado no Camiño Francés de Santiago que pasa polo Concello de Melide, moi perto da casa dos meus avós paternos, aquela casa branca dos domingos da miña infancia. Despois de conducir por aquela pista que transcorre polo medio do bosque, chegamos por fin a Santa María, recibidos por un cruceiro rodeado de follas murchas, cando xa se pon o sol no horizonte como unha moeda de ouro vello.
Entrando na Igrexa de Santa María.
Unha vez alí, tras apearnos do coche, atravesamos a pequena cancela de ferro do adro do templo, o que para min foi como abrir a porta da memoria, o baúl dos recordos, ao regresar a aquel lugar tan íntimo que levaba tantos anos sen visitar e que me trae tantas lembranzas: as interminables tardes de domingo, as noites de Fin de Ano compartidas co meu avó, as festas de San Roque no corazón do verán... Mentres recordaba aquela etapa da miña vida, o día despedíase cunha festa de cores no horizonte: verde, esmeralda, laranxa, ocre, púrpura... A luz do solpor póusase nas pedras románicas, que parecen cobrar vida. Camiñamos polos sendeiros do adro, mollados aínda pola chuvia, á sombra alargada dos cipreses. Vemos os preciosos pórticos do templo, xenuinamente románicos, decorados con figuras de cordeiros e follas de palmeiras de Terra Santa, inmortalizados na pedra polo cicel do canteiro medieval.
Un dos pórticos da igrexa de Santa María de Melide.
Ás veces, a chuvia volve caer. Entón reina un silencio de cipreses, interrompido nada máis que polo canto do reiseñor e polos pasos dos peregrinos que pasan por este tramo do trazado do Camiño Francés. Hoxe non pasaron moitos. Tan só vimos unha peregrina, cos ollos azuis e cabelo dourado recollido nunha trenza. Pode que fose francesa, ou inglesa, ou alemá. Quen sabe. O caso é que a mirei pasar, pensando que historias e segredos levaría na súa mochila decorada con vieiras e frechas amarelas, mentres se perdía polo vello sendeiro, entre campos orballados e prados verdes, camiño de Compostela...
Indicador do Camiño de Santiago na aldea de Santa María.
Saímos xa do templo. Unha brétema vermella vaga polos campos durmidos. As primeiras estrelas espéllanse xa nas pozas. Os fogares da pequena aldea de Santa María, que se preparan para as longas noites invernais, encenden os seus farois, Tamén alumean as humildes luces de Nadal. Nós montamos no noso coche. Despedímonos de Santa María de Melide, esa xoia que tantos segredos garda nos seus pórticos. Atrás deixamos as súas pedras románicas, vixiadas polos mudos cipreses, bañadas xa polos raios prateados do luar.
Vista lateral de Santa María de Melide.